10:46 Sabado, 03 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-05-2014

Porque na documentación histórica atopamos moitas veces a reis que se titulaban como galegos

Dos reis de Galiza

Valorar (42)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Recentemente o meu prezado amigo ondanoispensamentocrítico mandábame dous artigos editados en Asturias referentes á monarquía asturiana. Eses dous artigos son os que motivaron este.          

Eu son dos que pensa que os asturianos son libres de dicir o que queiran, que xa o refutaremos nós con datos históricos, pois se lles facemos caso aos nosos veciños acabaremos tendo que recoñecela inexistencia do reino e da monarquía galega, algo que os asturianos levan facendo moito tempo: “qu’as crónicas árabes se refiran ás veces al núcleo norteño como Galicia, dato que dalgús queren manipular escandalosamente interpretando que nun había tal reino d’Asturias senón qu’os reis eran reis de Galicia. A realidá é outra”.(Linforme sobre a fala ou gallego-asturiano. Úa perspectiva hestórica, social. Academia da Lingua Asturiana Secretaría Llingüística del Navia- Eo. 2006).          

Non pretendo ofender nin enfrontarme cos nosos veciños pero nós, os galegos, temos a obriga de defender o noso pasado histórico e colocar aos novos reis cristiáns a denominación territorial que lles corresponde: galegos.          

Porque na documentación histórica atopamos moitas veces a reis que se titulaban como galegos.        

Que sucede logo cando na documentación aparecen os reis asturianos co apelativo de  galegos?.        

Cando iso acontece simplemente ignórase tal dato. Se lemos o ensaio escrito por Claudio Sánchez Albornoz  titulado “Sobre una epístola del Papa Juan IX a Alfonso III de Asturias” algo que nos chama poderosamente a atención é ler como o autor está analizando o documento e referíndose ao rei Afonso III como rei de Asturias cando na documentación aparece como Rex Galletiae.          

Dentro da corrente historiográfica oficial, reticente a recoñecer como reis galegos aos que eles denominan como asturianos, xorde un problema ao estudar aqueles reis que aparecen na documentación gobernando sobre o Reino de Galiza. Para explicar esta situación acoden a un termo de nova creación como é o de “reis privativos de Galiza”, denominación que abarca aos coroados en Galiza e aos que reciben o Reino Galego como herdanza paterna, pero nunca falan dun reino independente senón máis ben dunha parte esgazada dun todo maior.        

Miguel Anxo Murado no seu libro Outra idea de Galicia (Editorial Debate) afirma que debemos falar de reino de Galicia e Asturias, como posteriormente, tralo traslado da corte a León por Ordoño II no século X, de reino de Galicia e León. Ataca Miguel Anxo a opinión dos historiadores que aproveitaron o traslado da corte a León para afirmar, segundo el sen razón algunha, que ese era o momento no que nacía un novo reino, o de León. Esta crítica que fai baséase, como non debe ser doura maneira, na documentación e así amosa que para os contemporáneos do devandito cambio León era “civitate vocatur Legiones, in Gallaecia”, (a cidade que chaman León, en Galiza), ademais diso os reis continuaron a chamarse reis de Galiza, sinalando os casos de Ordoño II, Afonso IV ou Bermudo II, este último coroado rei en Santiago.          

Pensemos por un intre da mesma maneira que o fan os historiadores da corrente oficial e tomemos como base a idea de que nunca existiu o Reino de Galiza, que trala invasión islámica fomos conquistados e posteriormente reconquistados polo Reino de Asturias. Pero o problema de defender esta idea radica en que hai que dar explicación ao papel decisorio que tivo a nobreza galega á hora de aceptar ou non aos novos monarcas “asturianos”. No caso de ter sido aniquilados polos musulmáns e ser erradicado de Galiza todo tipo de organización civil e militar, para ser salvados posteriormente polos reis asturianos, a nobreza galega non tería o grao de organización suficiente para levar a cabo as revoltas nobiliarias e exercela presión na corte asturiana tal e como fixeron. Este papel nobiliario galego tan só se pode explicar dende a base de que Galiza, e a nobreza galega, era o centro neurálxico do novo reino cristián (Reino de Galiza) que tiña a súa capitalidade en Oviedo.        

Se estudamos a historia de Galiza sen prexuízos de ningunha crase atoparémonos co papel tan decisivo e decisorio da nobreza galega. Así lle aconteceu a Pascual Madoz (Pamplona 1806, Xénova 1870), autor do Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, obra que remata no ano 1850.          

Como entendía este home a idea do reino de Galiza e o papel da nobreza galega?            
Evidentemente recoñece a invasión musulmán de toda a Península e a posterior creación do reino de Asturias, pero enseguida se dá conta de que en Galiza algo estaba a pasar. Para xustificar os actos que alí tiñan lugar e que sinalaban un alto grao de independencia de Asturias crea a figura do conde: “llegó el conde de Galicia a ser encumbrado por el valor de este pueblo casi al nivel del mismo rey de Oviedo, aunque sonaba como su dependiente. Cierto Fruela, que lo ejercía al morir Ordoño, y ser entronizado en Oviedo su hijo Alfonso III, consiguió al arrimo de los magnates de Galicia, sobreponerse á esta misma elección, apoderándose de aquel pueblo y alcanzar, aunque para ser asesinado al poco tiempo, su mando”. Menciona tamén a rebelión encabezada polos condes galegos Rodrigo Velázquez e Gonzalo Sánchez, en conxunción co bispo de Santiago Sisnando, que querían cambiar ao rei e colocar no trono ao seu fillo Bermudo, “que a la sazón se hallaba entre ellos y mas tarde Bermudo II, elevado por fin al trono por los condes gallegos”.            

Pascual Madoz, que polo que sabemos non tiña nada de nacionalista galego, é incapaz de abandonala súa investigación sobre Galiza sen facer referencia a que nas crónicas árabes consideraban que o pobo galego era o máis montaraz e loitador; ademais estes mesmos cronistas,segundo fai referencia Madoz, “apellidaron constantemente reyes de Galicia á los de Asturias”.          

Resúltame moi penoso ver como un historiador non galego de mediados do XIX teña unha  visión moito máis precisa do papel xogado por Galiza na historia que a teñen os historiadores galegos contemporáneos.          

Coidan que esaxero? Non o fago. Collamos coma exemplo o temario de “Vixiantes de arquivos, bibliotecas e museos”, grupo V, editado por MAD, temario que se emprega como base nas oposicións a este corpo da Xunta de Galiza          

Xa o título 2.1.4. é esclarecedor “Galicia y los reyes asturianos”, no que se nos di que trala invasión do 711 Galiza foi ocupada polos sarracenos ata que foi liberada polo rei Afonso I, “que la incorpora a su reino”, nacemos logo como territorio incorporado a Asturias.          

Anímame poderosamente o título do apartado seguinte “Los reyes del reino independiente de Galicia” entre os que sinalan tan só a Ordoño II (910 – 914), ao fillo deste, Sancho Ordoñez (925-929), e ao rei García II, irmán de Afonso VI. Nin sequera nomean a tódolos reis que a historiografía oficial recoñece como privativos de Galiza. Rematan este capítulo dicindo que nos séculos XV e XVI foi o momento en que Galiza quedou totalmente vinculada a Castela trala instauración no noso país da Inquisición, da Irmandade, da dependencia da xustiza de Valladolid e do abandono do galego por parte dos escribáns. Ningunha referencia ás loitas que os nobres mantiveron en contra dos Reis Católicos e, por suposto, mención algunha ás figuras de Pedro de Soutomaior ou Pardo de Cela.         

Os dous títulos seguintes están dedicados ao século XX, o 2.1.6 fala do Rexurdimento, movemento ao que tan só destinan un parágrafo e o 2.1.7 titúlase “El siglo XX: Manuel Fraga Iribarne”, dedicándolle á figura do expresidente galego media páxina evitando mencionar aos presidentes anteriores ao seu mandato.          

Como poden comprobar na recuperación da nosa historia aínda nos queda moito camiño por avanzar e moitos obstáculos que quitar, mais non debemos desesperar nin descansar ata telo conseguido.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña