05:58 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-05-2010

As diverxencias dos estados europeos en acudir ao rescate de Grecia teñen a ver co nivel de exposición da súa banca á débeda helena

1º de maio con Grecia ao fondo

Valorar (18)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN


Prezos no mercado de valores de Atenas


E vai ser que si, que Grecia é un espello onde está debuxado o que se lle ven enriba á periferia Europea, que a natureza da crise helena está vinculada á xenética do proceso europeo e do capital monopolista, que no momento actual de desenvolvemento das forzas produtivas a financeirización é a resposta á tendencia ao estancamento do capitalismo maduro, que a oligarquía está a aproveitar unha correlación de forzas favorábel para apuntalar aínda máis a súa hexemonía,que avanzamos cara un marco que vai afondar nas desigualdades rexionais no espazo europeo e no empeoramento das condicións de vida das clases traballadoras. En definitiva que a crise en curso entra nunha nova fase máis aguda.

Non imos falar logo da fogueira, falaremos do fume co que os voceiros do capital, pretenden agochar as chamas que hoxe asolan Grecia ou as antigas democracias populares e que se expanden por outros lugares de Europa. Fume que quere explicar a lóxica normal da circulación de capitais no sistema vixente, como unha suposta conspiración contra o euro. Fume que ve na débeda pública unha anormalidade que explica os problemas económicos dunha nación. Fume que fantasea con atopar solidariedade, nun cadro que se rexe  polas regras do mercado. Fume ao fin e ao cabo, para confundirnos.

A débeda pública é un mecanismo normal de financiamento dos estados no capitalismo contemporáneo. Certamente que esta medida non é neutral, posto que esta vía, que ven suplir as baixas de impostos, vai na dirección de reducir as aportacións das fraccións do grande capital ao sostemento do Estado. Non é novo tampouco que esta aumente en períodos de crise económica, particularmente cando o sistema financeiro se ve salpicado, e os estados acoden ao seu socorro . Agora ben a Comisión Europea no propio Pacto de Estabilidade deu por boa a dubidosa teoría de considerar que é o mesmo cubrir os déficits das finanzas públicas con endebedamento que con impostos, receita que o FMI só se atreveu a aplicar nos países semicoloniais. Así e todo a débeda grega que hoxe se sitúa arredor do 20% do PIB é moi inferior a de Estados Unidos ou Xapón e similar á da media dos membros da OCDE, polo que o problema cómpre situalo na negativa dos prestamistas en asumir este risco ao atopar nichos onde poden obter máis beneficios.

As diverxencias dos estados europeos en acudir ao rescate de Grecia teñen a ver co nivel de exposición da súa banca á débeda helena. Dos 269.696 millóns de euros de débeda greda á banca francesa atesoura o 40%, seguida a certa distancia pola alemán, se ben a portuguesa é a máis exposta, até o punto de ter comprometido o 5% do total do PIB do país veciño en bonos gregos. Non é de estrañar que Francia  abandeira a posición máis intervencionista, a pesar de que o Tratado de Lisboa prohiba explicitamente o salvamento dun estado da zona euro, e que Alemaña, que ten a súa particular Grecia no Estado Español, mostre máis reservas neste primeiro momento. Resulta tamén sintomático que o Banco Central Europeo que lle está prestar a todas as entidades financeiras europeas o diñeiro ao 1%, estableza uns xuros do 5% para formalizar unha operación de crédito co estado grego. Aos socios europeos, como dirían na xerga comunitaria, non nos move aliviar a situación das finanzas públicas do país mediterráneo, senón salvar a conta de resultados da súas entidades de créditos.

As receitas que pretenden poñer en marcha en Grecia centradas no aumento da fiscalidade indirecta (suba do IVE ate o 23% ou 25%, aumento dos impostos especiais -carburante, tabaco, alcohol- nun 10%), a conxelación ou a disciplina fiscal non son máis que un remendo da clásica trepia neoliberal. Tanto é así que o documento que o FMI remitiu ao goberno socialdemócrata, refire literalmente as medidas aplicadas en Arxentina por Cavallo con resultados de sobra contrastados. Porén, a resposta exemplar dos traballadores gregos, aglutinados arredor do Fronte Militante, facción sindical do PC, rachando coas directrices das burocracias sindicais afíns á socialdemocracia, abren camiños a esperanza. Outra vez máis é a correlación de forzas,  aquela a que dedicou tanto estudo Poulantzas, no seu clásico "Clases sociais e capitalismo actual", será quen acabará por determinar o curso do proceso.

Mentres tanto a cabeza váiseme cara os eurobobos que fixeron de palmeiros do Tratado de Maastricht, do Constitucional ou do de Lisboa, os mesmos que defenderon con entusiasmo a perda de soberanía monetaria dos estados europeos, os mesmiños que fican coa boca aberta diante da balanza comercial alemana sen explicar que a mesma só é posíbel pola existencia da moeda única,  eses que promoveron a liquidación de sectores enteiros da economía, si os que agora se sorprenden coa degradación da débeda polas axencias de rating. Agora fálannos do "contaxio" de Grecia, pero a peste son eles.


[01-05-2010 ] Antonio Lima comentou:

Parabéns, máis o dato da débeda grega sinalado, 20% do p.i.b., semella unha gralla, haxo que é moi superior; falando de todo un pouco, tamén é siñificativo a fatia do gasto militar na orixe desa débeda, comprometido en parte mercando trebellos "hitech" franceses e alemáns...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña