06:19 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2014

Contareivos unha historia real, sufrida a semana pasada na miña propia persoa

Galeguismo cordial

Valorar (45)

HELENA VILAS VIÑAS



Contareivos unha historia real, sufrida a semana pasada na miña propia persoa, grazas a iso saquei forzas e moito cabreo para escreber  este pequeno artigo máis a miña humilde opinión.          

Ben, a pasada semana, fun a unha entrevista de traballo distinta a todas as do que até agora asistín ao longo da miña vida laboral. Consistía en estar no posto de traballo durante uns días, atender aos clientes, até aí, todo normal. Así pasei unha semana, sen ningún problema, até que por fin coñezo persoalmente a xerente da empresa e me explica toda a normativa e política do seu negocio, os obxectivos, as funcións que debería desempeñar, etc, etc, etc. Cando ao remate de todas as instrucións, sóltame: - “mira una cosa que te quería decir, ¿sabes hablar español?” a miña reacción foi un pequeno sorriso de decepción, pero collín aire para respostar adecuadamente. O certo é que, a calquera persoa bilingüe dentro do estado español, é dicir, calquera persoa galega, vasca ou catalán, semellante pregunta, consideraríaa unha tremenda falta de respecto … en fin, xa poderedes imaxinar cal foi a miña resposta; por suposto que sabía falar español, que o difícil en realidade, era non sabelo … e que non tiña ningún inconvinte en cambiar de idioma si a situación o requírese. Aquí poñémoslle fin á conversa entre a xerente e eu, mais o asunto non remataría aí.            

Días despois tocoume falar coa encargada, e o primeiro que me espetou foi exactamente o mesmo, pero a pregunta formulouna doutro xeito, o cal, as súas palabras foron así de contundentes: -“todo muy bien, nuestro deseo es que te adaptes y estés a gusto en la empresa, lo que ocurre, el miedo que nos dá es ESE gallego … y que te sea difícil traducir a la hora de expresarte con el cliente, porque claro, tú ¿piensas en gallego, no?” a miña resposta foi exactamente igual á anterior, aínda que merecían unha contestación (que a pensei) ben desagradábel … porque xa se sabe, as que pensamos e nos expresamos en galego, está científicamente demostrado, que por ese motivo, temos  limitacións á hora de conter as formas … malia todo, fun capaz de facelo … (léase con ironía).        

En fin, que dicir de todo isto? Sabía que existía un conflito, que o galego aínda estaba sen normalizar, que aínda existían moitos prexuízos, mais, o que descoñecía, é que hoxe en día existise tal atrevemento á hora de dirixirse aos galegofalantes, con que insolencia e que pouquiño esforzo lles custa expoñela.            

Si existe conflito lingüístico para quen pense que non; diglosia chámase, existe esa xente, que pretende excluír o galego da vida pública. Estes bilingüistas que só defenden a imposición do castelán. Esa xente que che di: “si a mí el gallego me gusta, pero mi lengua es el castellano” é tan grave e tan comparable como decir: “yo no soy racista, pero no me gustan los negritos” ou “yo no soy unha persona homófaba, pero no me gusta ver a dos hombres cogidos de la mano” mentira, cinismo e hipocrisía diría eu que é …, non só non lles gusta, senón que lles molesta, e moito. Que deixen de finxir, e recoñezan que para eles o galego non é máis que un dialecto pailán e inservible.      

É tanto a gravidade do asunto, que toda esta xente, inclusive, están en contra da Lei da Normalización Lingüística (aprobada polos da súa mesma especie, na época de Fraga), están en contra dun Decreto que pretendía garantir o 50% das materias en galego. Todo isto, grazas ao PP de Feijóo, valéndose de Galicia Bilingüe, uníndose así, para exterminar a nosa lingua. Dándolle apoio durante a campaña electoral e xustificando que o castelán estaba perseguido e atropelado nos anos do tan presentemente  nomeado bipartito, e que Galicia Bilingüe creouse para chegar a un “consenso” e así poñerlle fermosos eufemismos como bilingüismo harmónico ou galleguismo cordial e diste xeito poder cualificar ó exterminio rápido e indoloro do noso idioma.        

Pois isto, entre outras, é ao que nos levan as políticas do Partido Popular, e mentres existan asociacións coma Galicia Bilingüe, e este goberno os siga alimentando, estaremos en conflito continuo. Cren que falar castelán, dálles máis satisfacción as súas necesidades  e que é unha lingua máis útil, pensan que falar en galego, aparéntase ter máis limitacións intelectuais e claro, optan polo simple: o monolingüismo en castelán. Por aí empeza a negación e o auto-odio cara o noso, como un virus; e pouco a pouco a epidemia vaise estendendo.        

Nin o castelán é mellor que o galego, nin o galego é mellor que o castelán, nin o inglés é mellor que o galego, nin o galego é mellor que o inglés, simplemente que o galego é o idioma propio do País, e por si non o teñen claro, tanto estes políticos e políticas, empresarias e empresarios, pais e nais, que renegan del; era ben que lles botasen un ollo o Artigo 5.1 do Estatuto da Autonomía, que por moito que lles pese, di así: “A lingua propia da Galiza é o Galego” .      

A todo isto, voltando á raíz da anécdota vivida a semana pasada; aínda a sabendas de que estas “grandes emprendedoras” que me tocou aturar, non lerán este artigo, (porque se isto aínda se chamase: Tierra y Tiempo, quizáis...) malia todas as adversidades, se por casualidade o leran, dicirlles que, persoalmente sentinme como unha indíxena ameazante coa pretensión de afundirlle o negocio por falarlle un idioma tan humilde, tan labrego e tan suburbial … non nos  temades a nós, porque en realidade quen vos fai pobres sodes vós mesmas ao renegar do voso.        

A ver, para cando non teñamos que estar cabreadas por estas cuestións, que algún día nas ofertas de emprego, nas entrevistas de traballo, nos anuncios, etc … puxeran: ESÍXESE FALAR GALEGO e non o contrario. Mentres tanto o noso idioma seguirá sendo una lingua agonizante …  



[16-04-2014 22:47] Isidro de Bertamirans comentou:

Isto e mais común do que parece. Fai uns anos eu atopei na Coruña a unha conveciña miña que era dun lugar rural preto de Muros nun super, onde ela traballaba como caixeira, ao ir paga-la compra dixome que se lle daba o número de teléfono ma levaban a casa. Dinlle o número, e dixome que llo repetise que como llo daba en gallego non era quen de entendelo (!!!!). A xente botou a rir, e ela explicou que despois de dez anos na ciudade xa o esquecera (?!)..... Para chorar, non si?

[13-04-2014 19:01] Mariluz comentou:

Xa sabemos que a galegofobia é un andazo moi malo de desinzar. Eu acredito das reflexións deste artigo por telas vivido en imensidade de ocasións. Como dicía aquél...o conto éche moi triste!!

[13-04-2014 16:57] Anxos Castro Parada comentou:

Asi nos ia e ségue indo. A min pasoume fai moitos anos co governo Fraga. Un señor de Padrón cunha empresa de Seguros e outros . Estaba eu cotexando os movementos contables que a empresa na que eu traballaba tivo durante ese periodo coa de el, para presentarmos a Declaración de contas superiores a 500.000 ptas, claro este señor deciame que non me entendía, eu pensei que lle falaba coa boca moi pecha ou cecais lle falaba moi apurada asi que lle preguntei, a resposta de el foi "es que no entiendo el gallego" eu quedei abraiada e díxenlle !anda xa David! estás de mofa ou que? ademáis eu sabia que co meu xefe, el falaba galego, volveu insistir, "es que yo no entiendo el gallego" Eu non tiven a mesma pacencia que Helena Vilas, contesteille que o sentia moito, que non era miña a culpa, senón entendia o galego que puxera unha intérprete pois eu a el entendialle o castelán perfectamente. Eu seguin coa miña fala, espeteille que se non estaba conforme que dera unha queixa a Empresa. Evidentemente nono fixo. Hai un dito que di : "A iñoranza fai a un ser atrevido".Levamos tantos anos de persecución i maltrato a nosa lingua que isto non mudou ren de ren.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña