06:45 Sabado, 20 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-04-2014

Unha ollada aos tempos da Reforma Política para axudar a entender a situación do nacionalismo no momento actual

Repetición da historia

Valorar (36)

LOIS DIÉGUEZ



Corre moita tinta, moita imaxe, moita palabra sobre os anos da Reforma Política. Póñense os medios de comunicación a ferver, axudados tamén pola morte de Adolfo Suárez que acaban de canonizar soterrándoo na catedral de Ávila. Regresamos á Idade Media. Panexíricos atroces para abondar no españolismo recentralizado, no que entran todos os partidos  estatais que viviron aquela época, sen excepcións. A España una, grande e libre volve unilos. E nós, os nativos, apenas podemos ouvir a historia que daquela construímos. Cantas persoas falan disto? A cantos medios de comunicación lles interesa? Canta xente nova, militante ou non, sabe como se desenvolveu a nosa loita naqueles anos que van desde 1975 a 1982 principalmente?            

Quero lembrar algún aspecto que nos pode axudar a comprender o que nos está a ocorrer neste momento e o por que. Sobre todo referíndome á coherencia que puido haber nos partidos ou organizacións nacionalistas máis importantes, e falo da UPG, AN-PG e PSG. Tres forzas que até 1978 traballaron máis ou menos unidas, con momentos, tamén, de desencontros. Loitábase en dúas alternativas a respecto da superación da longa etapa da ditadura de Franco: Ruptura democrática ou Transición pactada. As dúas primeiras forzas mantiveron o tipo coa Ruptura, e mesmo a segunda, aínda que posteriormente comezou cos seus clásicos titubeos. Redactouse un programa para ese momento que se quería de cambio real, baseado no dereito de autodeterminación: as Bases Constitucionais para a participación da nación galega nun Pacto Federal, seguido dun detallado Programa Económico.          

Os partidos españois de esquerda (non vou falar xa dos da dereita, franquista) opuxéronse con rotundidade a esa alternativa desde o principio, mesmo o PC español, e así seguiu adiante ese pacto cos franquistas, representado por Adolfo Suárez. Cos maus resultados das primeiras eleccións xerais de 1977, a acción dos partidos nacionalistas comezou a variar. A UPG e a AN-PG seguiron mantendo o Programa das Bases Constitucionais. O PSG sufriu un conflito interno que rematou cunha parte importante do partido alimentando a escasa militancia do PSOE. Este, naqueles anos, non  tiña practicamente presenza na Galiza. E a UXT tampouco existía aquí. Así que a integración dos militantes do PSG no partido español, a maioría con g rande experiencia política, acabou axudando ao fortalecemento e consolidación do PSOE.        

Sería hoxe igual o PSOE na Galiza se non se dese esa circunstancia? Tería a mesma forza? Estaría o nacionalismo en xeral máis introducido no noso país?        

Que presenza tiña Esquerda Unida na Galiza hai dous anos? E agora? A historia repítese, aínda que de distinta forma. A recentemente formada Anova non pasa a formar parte de EU, máis alimentou a súa presenza aquí e axudou a darlle unha boa representación no Parlamento Galego. A nosa batalla no período da Reforma política tivo como resultado todo o contrario, pois acabou sacándoa daquel, debilitando así o propio españolismo. Fraquea ou desaparece a idea nacionalista cando os seus defensores acaban rompendo o principio básico, que é a autoorganización. E rómpese cando se aproba un programa común electoral cunha forza española ou cando se forma parte da mesma candidatura a nível español ou galego. A unión táctica nun momento determinado para un obxectivo concreto nunca pode levar a unha entrega e submisión deste tipo. Xa estamos a ver os resultados no interior de Anova: conflito. Nacen dun conflito e axiña forman outros.        

Pero nese pequeno grupo que ficou desde 1978 no PSG,  o conflito sempre foi inherente a el, como podemos comprobar tamén no propio BNG cando constituíron o seu grupo propio para ter representación directa nos órgaos de dirección. Ao pouco de formalo xa o esgallaron, expulsando del ao propio Beiras.        

Sinto profundamente a situación que actualmente vive o nacionalismo, precisamente no momento en que debería responder con contundencia  á agresividade que o capitalismo e o imperialismo están exercendo contra a sociedade galega. As rupturas, desarticulacións e incoherencias desaniman a uns e desesperan a outros, e deixan un selo de desconfianza e desesperanza no noso pobo. Vaidades exacerbadas, intereses de clan, desexo desesperado de protagonismo, caciquismo, debilitamento e confusión na propia ideoloxía, desconfianza na nación... son as eivas que levaron a esta situación. Poderá parecer que o éxito duns votos confirman un futuro de medre e avance, pero témome que a realidade deixará ermo o campo elixido por ese sector do nacionalismo, e ampliado e vizoso o dos seus compañeiros de viaxe. O tempo falará. Mais os demais, coma sempre, seguimos cara adiante.



[08-04-2014 10:00] Mariano Abalo comentou:

Que hai do meu?

[07-04-2014 09:52] Carlos Outeiro. comentou:

Parabéns pola análise, compañeiro.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña