08:51 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-03-2014

A propósito de “Argola”, o seu último libro, editado por O Figurante Edicións

Marta Dacosta e o seu poema-mar, onde sempre hai unha muller preñada de esperanza

Valorar (27)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Só algúns poemas do seu primeiro libro (Crear o mar en Compostela, 1994) serían suficientes para considerar a Marta Dacosta unha das voces máis sólidas e máis importantes da poesía galega contemporánea. E o que fixo a escritora viguesa desde aquel seu canto inicial con poemarios como Pel de ameixa (1996), Setembro (1998), En atalaia alerta (2000), As amantes de Hamlet (2003), Acuática alma (2011) ou Argola (2013) foi medrar e medrar como poeta, amosar unha e outra vez a súa ferida no medio de tanta palabra oca coa que outros e otras poetas nos afogan. Realmente Marta Dacosta é unha voz imprescindíbel para unha literatura galega viva, en constante tensión creativa, unha voz necesaria para unha cultura propia que se resista a vivir só das efemérides.                  

Naquela tertulia que tiñamos con Manuel María no Kirs os luns e os mércores de todas as semanas do ano, a media mañá, puntualmente ás once, abofé que moito falamos da xeración dos noventa, especialmente de Marta Dacosta e de Olga Novo, poetas nas que admirabamos o seu esforzo por escribir desde o seu universo real ese poema de beleza incuestionábel que leva sempre sangue quente en cada palabra. A respecto de Marta Dacosta, o noso único punto de desencontro era o título dun seu libro, do que Manuel María non gostaba nada: “Pel de ameixa, home, por favor!”. Máis tarde comprenderiamos moi ben o porqué daquel título e o seu significado real e simbólico: Había unha ameixeira ao pé da casa / en que eu sen saber, souben da lingua, / aquela que tiñamos agachada, / aínda que sempre alí, ao pé da casa.              

Marta Dacosta pertence a unha estirpe de mulleres de admirábel coraxe. Fiel ás súas orixes familiares e a unha liñaxe de mulleres fortes, afeitas a resistir, vencelladas todas elas ao mundo do mar e empeñadas en construír o seu futuro desde o sacrificio e desde a dignidade persoal, a poeta vai afondar libro tras libro nunha visión feminina e feminista do mundo. Setembro é unha primeira obra fundamental neste discurso. Aí están todas as mulleres do mundo (Unha muller e outra e tantas que non sei) e sobre todo as mulleres da súa familia: E eu sinto que son hoxe tantas que entón me foron, / Saladiña, Manueliña, Rosa ou tamén Pepa… É tempo de ser muller e de erguer a voz e as mans contra tanta opresión: Preciso esa machada e o martelo, / preciso as túas mans, nai, sobre todo, / e esa rabia que está no noso herdo. Posteriormente, en En atalaia alerta, a poeta íspese  emocional e carnalmente: Espinme para mostrar a todos o meu corpo / sen artificio nin roupa, só a carne, / a memoria da infancia, o sexo sen vergonza, / ese lugar maldito e proclamado. / E viron a muller que sempre houbera / agora inmensamente feminina e consciente…              

A rebelión das Ofelias chega co libro As amantes de Hamlet, un poderoso canto contra a sociedade patriarcal. Ofelia como símbolo da muller maltratada. E aparece por primeira vez na obra poética de Marta Dacosta a illa das mulleres libres, un territorio onde as mulleres poden vivir en liberdade e a onde regresan todas as afogadas, unha historia tamén con raíces no noso imaxinario popular, como a lenda das damas das pozas de Mougás: levamos os cabelos extremadamente longos / e os corpos espidos (…) como sinal levamos o sexo descuberto / os peitos e os cabelos ao vento que nos fere / e agardamos pacientes / o seu paso de auga á nosa casa aberta. Versos, en definitiva, que falan do poder feminino: aquí / nesta illa protexida dos ventos / erguémonos inmensas e poderosas / dominando a lonxitude do tempo.                

En Acuática alma, o seu seguinte libro, Marta Dacosta non abandona tampouco a reivindicación da condición fiminina. Igual que sucede no seu poemario anterior coa personaxe de Ofelia, aquí asistimos a unha reinterpretación da imaxe da muller, nesta ocasión nos contos infantís. O libro remata cun poema que é unha homenaxe a todas as mulleres que foron como aquela deusa celta das augas que se chamou Adartia: no fondo dos teus ollos hai un mar que palpita / e podes ser paciente singradura do náufrago / que agarda ao pé de ti, salvado de si mesmo / como podes erguer co teu corpo pequeno / a arca en que se salve o amor deses anos / e un home que varou no fracaso infinito.              

As mulleres están igualmente moi presentes en Cinza, unha especie de álbum poético-fotográfico escrito para reconstruír a historia da súa estirpe familiar, un traballo que ao final quedou sen editar en formato de libro e que as lectoras e os lectores podemos ler no blog da autora. Nun dos poemas pertencentes a esta obra, Marta Dacosta reivindica as súas raíces nestas mulleres do mar e fala da súa tataravoa Rosa, muller de moito carácter, que sabía moi ben o que quería, nacida no seo dunha familia adiñeirada e desherdada polos seus pais por namorar e casar cun mariñeiro: das mulleres que berran o peixe eu son, / das que afunden as mans no xeo do mencer. / Das mulleres que alisten palangres eu son, / das que refán e constrúen as redes / como unha firme laxe para sorter o mundo…                    

Esta constante preocupación de Marta Dacosta polo mundo feminino aparece de novo no seu último poemario, Argola, unha historia que ten como principal protagonista unha escrava que foi apartada da súa familia e do seu país e que puido perfectamente acontecer hai dous mil anos, baixo o Imperio Romano, mais que nos traslada ao problema da explotación, do patriarcado, do colonialismo e de todas as formas vivas de imperialismo que aínda podemos atopar na historia contemporánea dos pobos e na sociedade actual. O libro ten seguramente as súas orixes nunha viaxe que a poeta realizou hai algúns anos á cidade de Roma e nunha reinterpretación histórica do que hoxe fica do antigo Imperio, unha relectura dun pasado de dominio e de esplendor que a escritora fai tamén a partir dun texto de Tácito, no que o historiador romano critica o afán imperialista de Roma, que non se deu saciado nin no Occidente nin no Oriente: “Fixeron pasar baixo o falso nome do imperio roubar, torturar, rapinar: e cando tiñan feito un deserto, chamáronlle paz”.                

Valaquí un libro de poesía que á súa vez é un libro de historia e cunha historia. Cada poema é unha especie de peza dun enorme mosaico romano, conformando todos os poemas unha grande unidade temática, un universo que nos abre a un tempo histórico que aínda hoxe, despois de dous mil anos, podemos contemplar nas edificacións do Foro Romano, nas Termas de Caracalla, en Villa Adriana, en cada pedra, en cada escultura, en cada pintura… Mais esa contemplación que case todos e todas nós facemos cunha fonda emoción e cegados polo esplendor de tanta beleza, a miúdo non nos permite ver o outro rostro da historia, reler o pasado cunha ollada crítica, co que acabamos por ser dalgún xeito cómplices da mentira e da ocultación. O que pretende Marta Dacosta con esta obra é precisamente revelarnos o relato que non nos contaron, o que endexamais figura nas guías turísticas, o que case nunca narran as crónicas dos vencedores, que son os que escriben a historia, e, por outra parte, quere a autora que vexamos como a colonización e a mentalidade patriarcal atravesa os séculos e chega á actualidade, todo iso poetizado a través das vivencias, do sufrimento e dos soños dunha vestal que fala en primeira persoa, un personaxe que nos fascina de inmediato e que como unha Penélope tece e destece, vai e vén do pasado ao presente e do presente ao pasado.                

Na construción desta historia, as lectoras e os lectores deste libro vanse atopar con lendas enraizadas no noso imaxinario popular, como a lenda das mulleres espidas / que cabalgan a serra contra a noite / e apañan peixes enormes á luz do candil (…) convocando as naves imperiais / que devecen polos seus corpos prateados, corpos de femias fermosísimas que atraen os navíos que se lanzan ansiosos da calor das femias contra as rochas, sobre os coídos macíos / coitelos afiados / en que os navíos do Imperio / rematan a viaxe. Atoparán tamén aquí os lectores e as lectoras a lenda da persecución dos Herminios, onde de novo as mulleres son as protagonistas daquela resistencia heroica contra o poder de Roma: Non as puideron vencer / malia o lume instalado no mesmo cabo / alí onde se abre o camiño da baía abrigada / desde a que Caesar deu o paso definitivo / o ordenou que nin auga nin carne chegaran á Illa.                      

Velaí o punto de partida dunha viaxe que nos leva da vida en liberdade á beira das augas atlánticas ao sufrimento e a unha morte en vida no corazón do Imperio. A vestal é entregada polo pai como mercadería preciosa ao Pontifex maximus: todo foi entregado fermosamente envolto / na túnica máis branca que imaxinar se poida. O drama que vai vivir aquela moza comeza cando o pai di que é a idade apropiada para entregala a Roma, porque está chamada a máis altos designios: e así ordenou que fose recoñecida coa grande honra / de ser apartada da miña nai / afastada da avoa que se atrevía a contarme / infames historias de mulleres espidas (…) e así foi como el decidiu que era a idade apropiada / que ía  cumprir nove anos como muller / virgo aspirante ás máis elevadas honras / até murchar o meu corpo / até converterme nunha lousa fría e puída / para sorter o Imperio… El, o pai, é o que o decide. Os homes, sempre os homes. Será así, sacrificando a liberdade da súa filla, como o seu nome vai brillar coa intensidade necesaria para lograr o seu ascenso político.                  

Mais onde Marta Dacosta acada o seu máis alto cume poético é naqueles poemas nos que a vestal fala dos seus máis íntimos desexos: a liberdade, o pracer carnal, a exploración do propio corpo, o regreso á beira das ondas das praias que a viron nacer, o reencontro na Poza Maior coas afogadas que tanto admira, a calor humana e a complicidade da avoa… Versos nos que habita o desexo e o estremecemento, o sufrimento, un nó que oprime as entrañas, o soño e a memoria doutros días… Versos de fonda carraxe contra os que devoran os pobos e contra a escravización intemporal das mulleres. Versos escritos desde a historia, desde a mitoloxía e desde a tradición oral, e tamén desde o propio sentimento da poeta, ben evidente na emocionada evocación da avoa. Versos para a reflexión e o compromiso. Poemas dunha grande carga emocional, escritos coa ferida aberta, cunha forza expresiva que fai latexar as palabras. Poemas de gran tensión erótica. Poemas tamén de grande beleza, dunha perfección difícil de alcanzar nunha poesía de tanto contido político, tan claramente de denuncia. Poemas simplemente soberbios, espléndidos, como ese derradeiro poema que pecha o libro: que o veleno percorra capilares e veas / antes que o seme infame do tirano maldito / invada violento a carne que me queda. O poema perfecto que Marta Dacosta sempre quixo escribir. Un dos mellores libros da última poesía galega.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña