02:55 Xoves, 22 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-03-2014

Desde o ecuador do século XX grazas a B. Bloch, é habitual falarmos de idiolectos ou de variedades idiolectais

O individuo como factor de variación lingüística

Valorar (22)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Ao andarmos a terra, parafraseando o título do libro de Manuel María asinado como Manuel Hortas Vilanova, verificamos doadamente a existencia de pequenas diferenzas dialectais ou rexionais: aquí din sabugueiro, máis arriba biouteiro ou bieiteiro; acolá emprégase chicharro, acá xurelo; cara aló escóitase rixóns, contra esta parte óuvese roxós; etc. Certamente, para alén das variantes derivadas da rexión ou zona, que son as máis estudadas no caso do galego, ou das atribuídas á idade, ao contexto, ao xénero etc., existe un tipo de diverxencias lingüísticas que teñen o propio individuo como protagonista. Quen non ten reparado, ás veces, en que certas expresións ou palabras son usadas con moita frecuencia por tal ou cal persoa e non polas súas amizades e familia? Quen non ten pensado que aquela ou aqueloutra frase é típica dun individuo determinado? Quen non ten escoitado nalgunha ocasión algo parecido a “Iso dicíao moito a mamá” ou “Esa frase empregábaa sempre o avó”?                          

Na verdade, caso confrontásemos dúas persoas que usan a mesma lingua, poderiamos notar con relativa facilidade que non a utilizan de idéntico modo. En tales circunstancias, e de maneira individual, un membro dunha comunidade lingüística, considerada ideal, vai diferir dun outro membro dese colectivo humano por trazos particulares do seu falar, aínda que ambos se inclúan na mesma comunidade e aínda que esas dúas persoas posúan características sociolóxicas parecidas (por exemplo, teñen a mesma idade, foron educadas cunha similar formación e culturización, moran na mesma cidade, pertencen ao mesmo sexo, partillan gostos etc.). Porén, determinados elementos lingüísticos poden estar presentes nunha desas dúas persoas e non apareceren na outra: o uso de certo léxico, a presenza dalgúns marcadores discursivos, a preferencia por un tipo cláusulas, a tendencia a situar o pronome átono nunha posición cando existiren varias hipóteses, certas frases feitas ou fixas etc. poden erixirse en elementos distintivos que permitan identificar a fala dunha persoa concreta se comparada con outras da súa mesma comunidade lingüística. Istó é, cada individuo emprega a súa propia variedade de lingua: cada ser humano, no conxunto de todos os seus actos de fala, ten hábitos discursivos propios que, dalgunha forma, o individualizan, pois calquera falante ten unha maneira particular de usar a lingua. As relacións que un utente posuír con esta, ben como os trazos da súa personalidade, son aspectos para se teren en conta que inciden directamente na caracterización do seu modo de falar ou de escribir.

Como exemplos de modos de empregar a lingua cun estilo marcadamente individual podemos expor os casos de Winston Churchil, Martin Luther King (Jr.) ou Adlai Stevenson. Dunha perspectiva galega, chamaría a atención a oratoria (mais non só)  de Manuel Lugrís Freire ou Ramón Otero Pedrayo. Deste último, as súas cualidades como orador salientaron ben nas campañas electorais do tempo das Irmandades e de Nós, ben como deputado en Madrid, xa como protagonista atenciosamente escoitado nas numerosas conferencias que pronunciou ao longo da súa vida, xa desde a tribuna universitaria, ou, inclusive, nas tertulias e sobremesas. Repárese en que hai quen pensa que foi neste campo onde o fidalgo de Cimadevila máis contribuíu para a restauración cultural da Galiza, pois o seu discurso público singularizábase por ter unha extraordinaria capacidade de expresión verbal, capaz dunha prodixiosa fluencia da espontaneidade subxectiva e un lirismo inesgotábel, trazos, aliás, que tamén definen en boa medida o seu particular estilo literario.                                

En todos estes casos, e desde o ecuador do século XX grazas a B. Bloch, é habitual falarmos de idiolectos ou de variedades idiolectais. Costuman ser entendidas como máis un tipo de variación, isto é, como a fala dunha persoa concreta dentro dun estilo e nun contexto determinados. E vira fácil pensarmos que non existen dous utentes que usen exactamente a mesma lingua (ou variedade lingüística), xa que non hai dúas persoas que teñan idéntica experiencia co idioma e, por conseguinte, non hai dous individuos que teñan a mesma versión da lingua. Talvez unha definición precisa de idiolecto, concedéndomos notoriedade aos trazos da fala percibidos individualmente, sexa a que se acha na clásica obra de Oswald Ducrot & Tzvetan Todorov Dicionário das Ciências da Linguagem (1973), cando indican que un idiolecto corresponde á maneira de falar propia dun individuo, considerada naquilo que ela ten de irredutíbel á influencia dos grupos a que pertence. Nesta liña, enmárcanse as diferenzas individuais, o individualismo lingüístico (que xera a diversidade lingüística a nivel persoal) como unha das forzas opostas á outra forza, a da conformidade (que conduce a semellanzas entre utentes dunha lingua).                                              

A percepción de que aqueles dous presumíbeis individuos citados máis arriba empregan a lingua dunha maneira non totalmente coincidente pode non ser tan doadamente obvia para o resto da comunidade usuaria do idioma. É posíbel, pois, que só mediante algún tipo de aparello ou a través dun grao particular de concentración individual, co risco que isto implica, se cheguen a verificar tales diferenzas; non sería de estrañar, así, que as subtís distincións na pronuncia dun fonema, como no caso da vogal postónica final /a/ en casos como cama, casa ou mesa, só fosen percibidas ás claras mediante a axuda de análises espectrográficas: o maior ou menor grao de enxordecemento dese elemento, a tendencia para alterar timbricamente máis aló do que se considerar habitual, a posibilidade de elisión ou crase coa vogal seguinte etc., son quen de resultaren moito máis identificábeis a través deses procedementos do que para o ouvido humano normal. Noutras ocasións, no entanto, a percepción pode verificar con maior facilidade diferenzas entre un grupo reducido de individuos se tivermos en conta outros ámbitos da reflexión gramatical: a recorrencia a frases feitas ou proverbios, a preferencia por determinado léxico, a utilización de determinados elementos textuais (Anda, ho!, Bon, Ben, Imos ver ou Vamos ver etc.).

As variedades agrupábeis baixo a noción de idiolectos préstanse moito ben para a pesquisa en termos psicolóxicos, e, subsecuentemente, baixo as finalidades da gramática chamada psicolóxica, que se alicerza no feito de os fenómenos e comportamentos lingüísticos seren en boa medida identificábeis con bases e características psicolóxicas. Se a perspectiva histórica xera unha gramática histórica, a visión que se centra no propio individuo e nos hábitos lingüísticos idiolectais ha de producir, por lóxica, unha gramática psicolóxica. Nótese como o xeito en que se asimilan as estruturas lingüísticas dun idioma vai facer que, co tempo, se estea a empregar unha variedade idiolectal determinada, diferente da usada polas súas amizades, pola familia, pola veciñanza etc., mais o suficientemente próxima como para non impedir a intercomprensión. É probábel, por pormos un outro exemplo, que unha maior proporción de ordes e mandatos ou de peticións e preguntas proveña de distintas persoas cunha diferenciada caracteriziación psicolóxica: aqueles, probabelmente, serán máis habituais en falantes cunha forte personalidade, ao paso que as peticións ocorrerán máis doadamente en mulleres e homes cun carácter oposto.                              

Con todo, como unha das principais características das linguas é a súa constante variación, tamén no caso dos idiolectos achamos que non son estáticos ou inmutábeis, mais vanse modificando co pasar co tempo. As crianzas non empregan a lingua de maneira idéntica a como o fan as persoas adultas ou a xente idosa, de modo que as variedades idiolectais, embora manteñan algúns dos seus trazos idiosincráticos, tamén se poden ver afectadas por varias circunstancias: o contacto con outros individuos, un grande número de relacións sociais, o nivel de formación etc. son elementos capaces de induciren mudanzas nos hábitos lingüísticos do ser humano.                            

En síntese, cada persoa emprega o idioma dunha maneira non totalmente coincidente con outros membros da mesma comunidade lingüística, aínda que a inmensa maioría dos seus trazos individuais tamén se encontre na lingua usada por ese colectivo de falantes a que pertence. Existe, pois, unha tensión entre dous pólos: por un lado, as persoas posúen particularidades que identifican os seus usos lingüísticos como propios; mais, por outro lado, esas singularidades non poden ser o suficientemente agudas para non seren comprendidas ou asimiladas polo resto da comunidade de falantes, pois neses casos a intelixibilidade mutua podería verse afectada.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña