18:46 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-03-2014

Queremos pesquisar cal é a causa de que aos personaxes encantados e que veñen doutro mundo, se lles chama na nosa tradición MOUROS

OS MOUROS: Unha bizarra relación entre o trasmundo galego e a toponimia

Valorar (19)

CÉSAR VARELA GARCÍA



A tradición popular galega está inzada de referencias a MOURAS e MOUROS enfeitizados que aparecen nas noites de luar, peiteando seus cabelos ou dándonos avisos de tesouros ou desgrazas que poden acontecer.          

Non son seres asustadores, nin ánimas da HOSTE, nin asombraciós ao xeito do Samain. Preséntanse ao pé de fontes e fervenzas ou dentro lugares avantaxados e simbólicos como os antigos castros ou castelos medievais.        

Cadra que, os lugares onde acostuman a presentarse, teñen denominacións relativas á súa eventual presenza: deste xeito a nosa xeografía loce nomes tan suxestionables como: A PENA MOURA, PÉ DO MOURO, FONTE DOS MOUROS, A MOUREIRA, O MOURO MORTO, PENA MOURISCA, MOURELOS, CABANA MOURA, e mais por ai …        

Entendemos que estes nomes non se están referindo aos musulmás, pois a nosa xente ten unha conciencia histórica concreta diste pobo como de ser persoas reais, coas que ten combatido durante séculos; que coñece das guerras do norte de África, e máis recentemente de facer o servizo militar no Sáhara, Ceuta ou Melilla, ou de velos hoxe polas rúas das nosas cidades.        

Os musulmás non son pois, para a nosa xente, un pobo mítico, senón que, pensamos nós, aparécenos como un pobo moi real e concretado, no tempo histórico e no espazo.      

Quén son,polo tanto, os MOUROS aos que se refire a nosa toponimia e porqué locen eses nomes lugares tan particulares do noso Pais?    

Velaí a nosa teoría:    

Se reparamos no bairro pontevedrés da MOUREIRA, entendemos que debía existir alí unha PENA MOUREIRA  desde onde se enxergaría o escoamento do río Lérez no mar; ponto estratéxico para o asexo dos cardumes de sardiña e dos perigos do mar.              

Se percorremos ese antigo bairro mariñeiro, aínda da para perceber como todas as casas están asentadas na pena viva, antiga pervivencia dese penedo primordial, que debeu ser abatido para fornecer as pedras das casas.    

Radicaba aí, ao pé da igrexa de S. Roque, a praza do CAMPO DA TORRE, cuxo nome xa nos orienta da función vixiante do lugar.      

Aínda que algúns toponimistas inciden na conxectura de antigas verbas prelatinas de MOR, como sinónimo de pedra, e  outros aínda na SALMOUREIRA dos salazóns; a nosa sospeita diríxese ao verbo latino MONEO ou ADMONEO, que é a base das MUNICIÓS ou avisos de casamento que se daban nas igrexas.          

Unha PENA MONEORIA daría en MOEORIA e daí a MOIRA ou MOURA que denomina esas singulares penedías.        

Esa pedra MONEORARIA viría dar na MOUREIRA pontevedresa, nesa función de pena alviscadora sobre o horizonte.          

Un MOURO MORTO, non faría referencia a un musulmán falecido no lugar, senón a un sitio MONEORIO ou vixía que sería  ademais MÚRITO, ou sexa murado e con paredes, como quen di unha GARITA de sentinela, é dicer, CABANA MOURA.          

Unha PENA MOURISCA estaríanos falando dunha pedra MONEORÍSTICA, especializada na asexa dos perigos dos horizontes.      

Unha FONTE DE MOUROS será unha fonte circundada por altos penedos MONEORIOS onde se aparece a doncela MOURA para peitear ou encadrelar seus cabelos.        

O PENEDO DO MOZO refírese a un penedo MONOTIO > MOOÇO, unha pedra de velar, e daí a utilidade dos rapaces novos (os mozos) para avisar e dar recados.          

É así que os seres do trasmundo galego serían amables entes que nos ADMONEAN ou avisan de eventos que nos poden pasar, fálannos da “trabe de alquitrán“, e das dúas caras que teñen as cousas da vida: unha parte boa, se as sabemos usar e un lado calamitoso se utilizamos os dons imprudentemente.          

Nunha das nosas andainas, visitando un castro dos montes ourensás, apareceunos un tipo que nos dixo algo así como: “Se a xente soubese o que hai aquí debaixo, excusaban bater o zoco polo mundo adiante buscando millor fortuna“, logo de dicer isto esgueirouse por un carreiro, sen mais comentarios.      

Isto aconteceume hai moitos anos, pero hoxe teño por certo que aquel home era o MOURO do castro que nos deu unha ADMONICIÓN ou aviso que ben valería para todos os galegos:

Se puxésemos en valor o que temos no noso Pais e as nosas potencialidades, ben seguro que acadariamos un maravilloso futuro, e deixariamos de andar polo mundo perdendo nosas vidas e resolvéndolle os problemas aos demais!          

Éche ben curioso que o pensar do MOURO coincida coa filosofía política do BNG!      

I-é que o inconsciente colectivo funciona!      

E coidadiño coas “trabes“, que son o PODER!      

Si se sabe usar, pódense facer maravillas, velaí a “trabe de ouro” pero se usa de forma espurea transfórmase na “trabe de alquitrán”, nun horror que nos pode facer moito dano;” en léguas á redonda”!            

Nada pois a ver, os nosos entrañábeis MOUROS, co mundo dos ismaelitas, nen cos zombis, nen aparicións asustadoras. Son aconselladores, avisadores que usan para aparecerse lugares que xa locen un nome que suxire a advertencia, o aviso ou a vela, as penas MOURAS!

Velaí a interrelación entre a toponimia e as lendas, eis o método “materialista histórico” para abordar o estudo da toponimia; na base unha cuestión económica e de utilidade social, e sobre ela constrúese a superestrutura xurídica e ideolóxica; xa o dicía Marta Harnecker!

E aínda lle diríamos aos nosos veciños zamoranos, noutros tempos fillos da vella GALLAECIA, que a orixe do nome da súa cidade han de procuralo nos modestos lugares ourensás de ZAMOIROS E ZAMORELOS, todos procedentes duns LAXAMOIROS ou pedras de vixía onde encaixaría desde unha LAXA MORA > LAÇAMORA, o nome da ZAMORA de hoxe.



[18-03-2014 10:41] Manuel Barral comentou:

Moi ameno e interesante o artigo. Grazas

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña