05:32 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-04-2010

Sobre os motivos reais de que o centro de Izar en Fene non poida contruír ningún produto naval civil

ASTANO e a cuestión das axudas de Estado

Valorar (10)

XOSÉ DÍAZ DÍAZ


Caderno de Pensamento Nacionalista nº 5

Escóitanse unhas cousas a respecto das famosísimas axudas de estado (ollo!, non da UE) recibidas no seu día pola empresa pública española da construción naval, IZAR, declaradas incompatíbeis co mercado común pola Comisión da Unión Europea, e que serven para todo, mesmo para xustificar co centro de IZAR en Fene (Astano nos seus tempos como empresa) non puidera nin poida abordaren a construción de todo tipo de produto naval civil. Vemos que é preciso reiterar certos argumentos á vista das cousas que se escoitan a políticos de todo teor, como D. José Blanco, que lle botaba a culpa á Comisión Europea, pronunciadas por quen demostran non ter o máis mínimo coñecemento desta cuestión, e que veñen así a evidenciar, inconsciente mais correctamente, que o que rodea a ASTANAO ten a ver de maneira principal cunha cuestión simplemente política, que xurdira no proceso de reestruturación do ano 1984.

Por tanto será útil que lembremos que o Estado español ingresa na Comunidade Europea en 1986, onde a respecto do tema que tratamos presenta o plano de reestruturación de 1984, mais a Comisión xusto daquelas instaura a 6ª Directiva sobre as axudas á construción naval que lle esixe no seu articulado ao goberno español a presentación dun outro plan "de reestruturación sistemático e específico" que inclúa novas reducións de capacidade e cadros de persoal, o que este fai obedientemente a fins de 1988, e no que continuando coa leria de 1984 indícase expresamente: "ASTANO S.A., pasou a seren exclusivamente de Offshore e Reparacións,o que supuxo unha diminución de 135.000 TRBC e 2 Gradas de construción." Claro ca CEE non aproba o plan presentado (obviamente, non polo tratamento dado á cuestión Astano senón por lle parecer insuficientes as medidas reestruturadoras presentadas), conxelando as axudas con grave prexuízo para o conxunto dos estaleiros españois. Mais logo, en novembro de 1990, apróbase a 7ª Directiva comunitaria sobre axudas ao sector naval, que no seu articulado esixe máis unha vez ao goberno español a presentación dun novo plan complementario do anterior, para se aplicar no período 1991-92, e que se aproba finalmente en xaneiro de 1991, onde "se acepta" o peche de ASTANO S.A. para as actividades de construción naval (buques e grandes transformacións) considerándose como data inicial o 31-03-1987, data na que ASTANO entregara o derradeiro buque comercial.

Na lexislación comunitaria daquela vixente o peche implicaba que as instalacións afectadas non poderían realizar as actividades navais antes de transcorridos 10 anos, se ben se estabelecía o posibilidade de que á metade do período podería instarse a reapertura, para o que a Comisión tomaría en conta expresamente dous elementos: a situación da demanda e se era preciso ou non a concesión de axudas para levar a cabo a reapertura. Non hai que dicir que nin en 1992 nin en 1997, onde ASTANO podería volver á construción naval sen condicionantes, o goberno español reclamou nada disto. Pola contra en 1995 comeza unha nova reestruturación, o chamado Plano Estratéxico e de Competividade (PEC) que se aproba pola Comisión a fins de 1997, onde, máis unha vez, entre outras reducións de capacidade e cadros de persoal mantense a prohibición por 10 anos máis a ASTANO da produción de buques comerciais. No ano 2000 créase a empresa IZAR composta por unha serie de centros produtivos, non empresas xuridicamente, entre eles Astano. É obvio que a cota de produción de buques mercantes descansa agora especificamente en IZAR empresa, non nos centros individuais anteriormente autorizados, polo que parecería lóxico que calquera centro de IZAR, entre eles Astano, puidera levar a cabo actividades de construción de buques, mais isto, por suposto, non foi así. A última reestruturación polo de agora, como xa vimos, prodúcese a fins de 2004 e se aproba pola Comisión en xuño de 2005. O resultado, 10 anos máis de prohibición para Astano, até 2015, malia que Navantia ten autorizado a construción naval civil polo 20% da facturación total, tomada como media trianual.

Fixémonos tamén, e isto é moi importante, que cando o PSOE goberna en Madrid, o PP reivindica "notoriamente" que Astano constrúa buques, mais cando goberna o PP, este non fai nada nesa dirección e resulta ser o PSOE o elemento reivindicador, nunha tomadura de cabelo aos galegos que leva xa tantos anos, que parece mentira que alguén poida ter dúbidas sobre as intencións reais destes dous partidos estatais a respecto da problemática de Astano. O número de veces que en todos estes anos tense aprobado no Parlamento Galego, mais tamén no Congreso, logo da chegada do BNG, que Astano accedese a construción naval civil foron diversas. Así, se de verdade os partidos estatais tivesen unha mínima vontade de resolveren este problema xa faría moito que non falariamos desta cuestión.

A anormal situación de Astano, non o esquezamos, tampouco non é máis ca un símbolo, "pioneiro" iso si, todo o importante que se quixer, do que aconteceu e acontece coa nosa economía real, cos nosos sectores produtivos, sexan a agricultura, a pesca, a conserva, a siderurxia, o sector lácteo, o enerxético, ..., ou quizais mañá o financeiro, que unicamente a carencia dunha soberanía propia política efectiva e real, ou a falla de peso político suficiente neste Estado ao que por forza pertencemos, malia o enorme esforzo despregado polo Nacionalismo en exclusiva, fixo que se consumara tal como aconteceu, que tampouco coincidiu, nin moito menos, co artellamento dos deseños previstos, que no caso de Astano pasaban pola súa morte directa e sen contemplacións en 1984.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña