16:35 Domingo, 22 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2014

A globalización é un campo propicio para a manipulación dos diversos conflitos

Divide e reinarás

Valorar (28)

FRANCISCO GRAÑA



A globalización é un campo propicio para a manipulación dos diversos conflitos. O adaxio “divide e reinarás” ao que recorren con frecuencia os poderes dominantes de todas as épocas cando se senten ameazados, cobra unha relevancia especial nestes tempos de decadencia do mundo unipolar liderado polos EUA e o avanzo do multipolar, no que as intervencións e agresións directas tórnanse cada vez máis problemáticas para quen as realiza.              

Galiza, no pasado, estivo a piques de desaparecer por causa das guerras sociais internas, sendo finalmente reducida a manterse como unha nación vasala, so o poder centralizador castelán. A pugna social entre a nobreza, o alto clero, e a entón maioría social galega representada polos Irmandiños, e constituída polos labregos, a pequena burguesía artesán e a baixa nobreza, foi alimentada polos reis de Castela. As elites sociais galegas, que podían servir de instrumento para encetar unha acumulación económica propia que permitise a posterior industrialización do país, foron debilitadas por esta guerra social interna e absorbidas polo centro do Imperio español ao que contribuíron a desenvolver en detrimento do de Galiza. Non foi en principio, certamente, unha intervención directa do poder castelán. Coa súa inxerencia axudaban en cada intre preciso, alternativamente, aos distintos contendentes en guerra, até conseguir finalmente o suficiente decaemento dos poderes emerxentes galegos, o cal facilitou unha final intervención directa dos reis Católicos e a destrución definitiva da nobreza e as elites galegas. Galiza foi así condenada a ser unha colonia española até os nosos días.              

Por iso, vista a historia do noso país, non nos debería estrañar os ataques e a denigración sistemática, pola banda dos medios globalizados, cara calquera forza política ou social emerxente nunha Galiza esmagada e colonizada que poida conducir a Soberanía Nacional e a liberación do poder españolista, leal servidor, asemade, do poder global. Nos tempos actuais o nacionalismo galego é, sen dúbida, a forza política e social que pode chegar a ter capacidade suficiente para axudar ao pobo galego a liberar a nosa nación de calquera poder exterior, por moi poderoso que sexa, que impida o seu desenvolvemento. Como nacionalistas estamos convencidos de que a liberdade nacional, nai de todas as demais liberdades e dereitos, será conquistada polo pobo galego a pesar de todos os atrancos habidos e por haber. Hoxe na Galiza ha unha guerra dos medios intelixentemente dirixida contra o BNG que ás veces se alterna con loanzas e “bos consellos desinteresados”. Os medios sucursais da prensa e TV globalizadas en Galiza, principalmente desde 2012, mais tamén xa de antes, traballaron arreo para promover a división do BNG, que chegara a ter unha presenza electoral e social, cando menos inquietante para turbar a tranquilidade do poder españolista hoxe dominante en todos os campos.          

A operación para torar o BNG  foi consumada, aínda que non conseguiron o seu desmantelamento como, sen dúbida, pretendían os inimigos da Galiza, disfrazados de demócratas de toda a vida. Por iso, tampouco hai que estrañarse do desembarco e utilización de plataformas políticas e sociais “progresistas” apadriñadas polo poder españolista, que aproveitando o conflito interno do nacionalismo galego e a crueza da crise económica agravada pola nosa condición colonial, tentan de vendernos a posibilidade da conquista de melloras sociais para a maioría social galega ao derrotar nas urnas a dereita, deixando á marxe a dependencia de Madrid, e, xa que logo, que as e os nacionalistas vaiamos unidos nas candidaturas electorais coa esquerda españolista, exercendo de cipaios  so o seu liderado desde Madrid, xa que constituímos unha minoría dentro da maioría social española que sería a encargada naturalmente de distribuír polo territorio do Estado “solidariamente”os supostos beneficios que se conseguiran (pois xa sabemos que na democracia españolista a minoría social galega debe subordinarse a maioría social española).            

A non aceptación desta manipuladora proposta, insinuada sistematicamente a través dos medios globalizados, sitúanos nunha posición sectaria, e, xa que logo, condenábel como se ven manifestando, discreta pero repetidamente nos medios. A unidade é unha bandeira atractiva cara a un pobo que aínda non asume con plenitude a Soberanía Nacional e non ve ningunha saída inmediata a unha situación desesperada.          

O BNG, como forza nacionalista coherente, non debe caer nesta trampa que se lle está a tender, pois a esquerda españolista ten demostrado dun xeito fidedigno que é incapaz de aportar ningunha solución positiva para o pobo galego. É pola contra, parte do problema, ao lexitimar permanentemente o aparcamento e esquecemento dos dereitos nacionais galegos dentro do Estado español no canto de supostos futuros beneficios sociais. Con esta pretendida implicación do nacionalismo, preténdese na realidade dividir, máis unha vez, as forzas autóctonas propias do pais desviándoas do seu obxectivo emancipador, que non é outro que gañar soberanía e debilitar até a derradeira ruptura dos vínculos opresivos, políticos, sociais, económicos, culturais....españois, como condición necesaria para poder encetar a satisfacción das necesidades inmediatas e reais do pobo galego. Hoxe o españolismo tenta de utilizar esta plataforma esquerdista española para que estes vínculos se manteñan por enriba de todo, España antes roja que rota, xa que garanten a permanente dependencia que posibilita a opresión e explotación colonial de Galiza, para así poder defender e aplicar o Estado de benestar noutras partes do Estado español e traficar coa UE e o poder global.              

A colaboración do nacionalismo galego con outras forzas externas a Galiza só pode ser posible e útil sobre a base do internacionalismo e o recoñecemento e defensa dos dereitos nacionais e non sobre a manipulación dos conflitos internos dos pobos. Se a esquerda españolista en Galiza quere xuntarse solidariamente co nacionalismo galego; terá, en principio, que deixar de ser españolista e romper cos vínculos españois a través de Madrid, construíndo unha forza política galega propia. Non chega con declaracións abstractas de boas intencións futuristas; outras forzas de ámbito estatal xa o teñen feito amosando o seu patriotismo e o compromiso co dereito a autodeterminación do pobo galego (MC, Inzar....). Porque non o fai Esquerda Unida/IU, por exemplo ? Estou convencido que con unha Esquerda Unida Galega e descolonizada, a unidade no só é posíbel, senón necesaria para este país. A unidade para traballarmos polos intereses imperialistas causantes de todos os males que padece o noso pais non é beneficiosa para as e os galegos, é máis, debe ser rexeitada con contundencia, por ser contraria ao patriotismo máis elemental ao servizo de Galiza.              

A loita do BNG pola unidade, pasa por traballar pola unidade das forzas políticas, sociais e tamén económicas galegas cara a un proxecto común de liberación nacional e social.            
Na Galiza o capitalismo dominante é o español ligado ao global; non hai un capitalismo galego nin unha oligarquía autóctona. A nosa economía depende, vía Madrid, da Troika e do Poder Global; cómpre pois recuperala para o noso país, rompendo aqueles vínculos que non o deixan despegar. Este é o gran compromiso do nacionalismo galego, e nesta loita deben estar unidos todos os sectores políticos, sociais e económicos de Galiza e desde Galiza.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña