18:08 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-01-2014

Hai nomes de diferentes lugares do País que resultan ben chocantes e até arbitrarios; a brutalidade deturpadora non se consultou con ninguén

Estraños topónimos: “A Zapateira” e “O Cú de Sal”

Valorar (24)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Tanto se poden deformar os topónimos que rematan sendo incomprensíbeis e case imposíbel de conformar a súa orixe.        

Lidando con uns documentos notariais actuais da zona do Carballiño, aparecen as partillas dunha propriedade chamada de,    

“O CU de SAL”.        

Se houbese un notario, ou mesmo un escribinte, integrado co seu País e a súa fala, ben loguiño adiviñarían, e por tanto correxerían, que na fala da xente, un CUDESAL é un CODESAL, ou sexa un lugar abondoso desa planta da familia das xestas, que son os CODESOS.    

Pois así ficará, en todas as seguintes herdanzas e partillas,  instituído nada menos que por vía notarial, a propriedade agrícola do, ” CÚ de SAL”!      
A ZAPATEIRA é o nome dun monte próximo á Coruña, onde está instalado o flamante clube de golf que loce o mesmo nome.      

E, cal será a orixe diste chamadeiro ?      

Seica, será debido a algunha facedora de zapatos?, Cousa rara, unha muller zapateira, pois o facer e mendar zapatos foi sempre oficio de homes.      
Temos rúas de zapateiros en varias vilas desde tempos medievais e aínda os de Noia teñen zona de seren prácticos nese oficio.      

Cóntase, que nos tempos do franquismo, o rexedor municipal lanzou un bando convocando aos noieses a que acudisen á procesión da Virxe: “cada uno con su vela ”.      

A surpresa do meiriño foi grande cando viu aos procesionandos, seguindo as súas ordes, apertrechados cada un con unha SUBELA na man!   

Voltando ao caso; aínda habendo por alí unha tal “zapateira”, que sentido tería que transcendese ese nome para designar un monte?      

Ao manexar un moderno mapa cartográfico das terras ourensás de Avión, volta a aparecer unha  ZAPATEIRA nomeando a cume de un monte.       Parece que hai unha relación entre as cimas dos montes galegos e o nobre oficio de facer zapatos por parte das mulleres ….!      

Vexamos un xeito mais cabal de comprender o fenómeno desta denominación tan particular que,  se cadra, vai resultar tan pintoresca como como a do CÚ de SAL que analizamos antes.        

Lembramos que no Carballiño hai un lugar de fermosas vistas, que chamamos, A PENA COBERTOIRA, e pensamos que no monte coruñés as cousas puideron acontecer así:    

O nome inicial debeu ser, o Monte da LAXA TAPEIRA, pois debeu de existir alí, como no caso do Carballiño, unha mámoa coa súa laxe chan funcionando como cuberta ou tapa, por unha das típicas meta —que ocorren na evolución do noso idioma, pásase a dicer LAXA PATEIRA, e daí soñaría como LAÇAPATEIRA, acontece a confusión do -LA- inicial co artigo español (polo que devecen algún coruñeses), e fica entendido como LA ZAPATEIRA, logo ven a “normalización ” e resulta xa a incomprensíbel A ZAPATEIRA de hoxendía.          

Esta debeu ser a secuencia da evoluzón:    

LAXA TAPEIRA > LAXA PATEIRA > LA XAPATEIRA >LA ÇAPATEIRA > LA ZAPATEIRA > A ZAPATEIRA.        

E aínda, de esguello, pensamos que o monte chamados de XAXÁN, en Lalín  pode proceder de unha antiga denominación como MONTE da LAXA CHAN, que sería outro xeito popular de designar un antigo dolmen ou mámoa.      

LAXA CHAN > LAXA XAN >LA XAXAN e daí o XAXÁN de hoxe      

Haberá alí os restos de tal mámoa?      

Non o sabemos, mais o nome xa da para suspeitar!      

É moi tentador meter na mesma interpretación o monte de Domaio,onde está o dolmen da CHAN DA ARQUIÑA, aínda que alí os documentos certifican un GAGAO, e a pronuncia da xente é “GHAGHÁN”.      

El será?  



[28-01-2014 23:47] Violeta comentou:

Que ben razoa este do Caballiño!, por què non lle enseña aos seus veciños co alcalde ao frente para que se deixen de parvadas co do polbo-pulpo?

[28-01-2014 22:37] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

De novo, benquerido César, glup!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña