07:42 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-01-2014

Dezanove sentenzas contra un goberno irresponsábel

Días de histeria, furia e irracionalidade

Valorar (30)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Lonxe queda aquel día no que un goberno do PSOE que presumía de democrático e de progresista, tendo de presidente ao “conciliador” Zapatero, decretou o primeiro estado de alarma da democracia, cousa que nin sequera ocorreu tras o Golpe de Estado do 23-F, e militarizaba un colectivo laboral, o dos controladores aéreos. Segundo o Real Decreto 1673/2010, de 4 de decembro, este colectivo de traballadores e traballadoras abandonaran as súa obrigas e paralizaron un servizo público esencial para a sociedade que naqueles intres tomaba os aeroportos para saír de viaxe, aproveitando a ponte da Constitución, cando aínda non se apreciaba a crise económica coa intensidade destes últimos meses.

Malia teren estabelecido por lei que os controladores aéreos non podían traballar máis 1.670 horas anuais, e malia que o Ministerio de Fomento tiña constancia da falta de persoal para atender as torres de control nos últimos meses do ano, algo do que xa lle avisara o propio colectivo en reiteradas ocasións, o Ministerio de Fomento facía oídos xordos.

Así, o 3 de decembro, outro Real Decreto, a parte de privatizar parcialmente AENA, as lotarías estatais (cousa que finalmente non se levou a cabo) e de eliminar os 426 euros de axuda aos parados e paradas sen ningún tipo de subsidio, o goberno de Rodríguez Zapatero, pola iniciativa do Ministro de Fomento, José Blanco, cambia unilateralmente as condicións laborais dos controladores aéreos. Deste xeito, deixaron de contarse como laborábeis as “imaxinarias e períodos de formación non computábeis como actividade aeronáutica, os permisos sindicais e as licenzas e ausencias por incapacidade laboral”. Por poñer un exemplo, se un controlador estivo enfermo ao longo de 2010, tivo que recuperar o tempo que estivo de baixa; un feito máis propio das fábricas da primeira revolución industrial que do Estado español do século XXI.

Pero iso non era todo, o peor é que o pactado e negociado entre os traballadores e a patronal, neste caso o propio Estado, e publicado no BOE, carecía de valor; unilateralmente o patrón cambiou as regras de xogo e facíao co exército na rúa e a punta de pistola, e co apoio da maior parte dos partidos políticos do Estado e de todos os medios de comunicación como poucas veces se ten visto nunha decisión gobernamental.

En reiteradas ocasións, o colectivo de controladores e controladoras aéreos, foran a diana de todo tipo de críticas, amplamente e demagoxicamente difundidas, como a de ter uns elevados soldos, como se esas nóminas foran roubadas e non froito dunha negociación entre os traballadores e a patronal. Neste sentido, cómpre preguntarse a partir de que cifra unha persoa e un colectivo perde todos os seus dereitos laborais.

Mais neses días este colectivo foi sometido a tal grao de presión social e mediática, que nos momentos centrais do conflito estívose moi preto do linchamento físico dalgún destes traballadores por defenderen os seus dereitos, un comportamento máis propio do “far west” que dunha sociedade moderna e formada, como presume ser o Estado español.

E neste contexto, cunha sociedade histérica e de inducida irracionalidade, só o tempo e a xustiza podían poñer as cousas no seu sitio. Así, o xulgado de instrución de Santiago de Compostela, vén de resolver que o peche do tráfico aéreo non estivo motivado pola sedición dos controladores e controladoras aéreos, senón por mor dunha decisión política de AENA, é dicir do Goberno Central. E non só iso, senón que con esta resolución queda demostrado que o colectivo de traballadores avisou con tempo e forma da falta de profesionais nas torres de control e que pon de manifesto a falta de previsión da empresa, neste caso de AENA, e do Ministerio de Fomento dirixido naquela altura por José Blanco, que tentou infrutuosamente ampliar a xornada laboral dos controladores de Santiago de Compostela, cousa que lle foi negada o 29 de novembro de 2010 pola avogacía do Estado. Cinco días despois decretábase o estado de alarma!

Mais, logo de tres anos daqueles días de histeria, furia e irracionalidade, e despois das sentenzas xudiciais, dezanove en total, que lle dan a razón ao colectivo de controladores, é evidente que a sociedade española en xeral é unha sociedade moi mediatizada, facilmente manipulábel e aos pés dun poder omnímodo que domou a un colectivo corporativista, -é verdade-, pero especialmente combativo e reivindicativo, que debía ser exemplo para a clase traballadora en xeral de loita polos seus dereitos laborais.

Logo de que os xulgados lle dean a razóns aos controladores aéreos, o lóxico sería que houbera algún tipo de recoñecemento público, de emenda do erro cometido con este colectivo. O lóxico sería que estas sentenzas que acusan ao goberno central de mentir e manipular foran motivo de controversia política e mesmo se abrira algunha comisión de investigación para aclarar politicamente o sucedido entre o 3 e o 4 de decembro de 2010. Mais non agardedes tal cousa, xa que, como dixen antes, os dous grandes partidos estaban de acordo coa medida tomada polo Ministerio; o obxectivo era dar un toque de atención a todos os traballadores e traballadoras a que renunciaran a toda esperanza, a que renunciaran aos seus dereitos, reducindo a capacidade reivindicativa dun colectivo que sempre se caracterizou pola defensa dos seus dereitos.


[01-02-2014 12:54] Xan comentou:

Parabéns polo teu artigo. Unha vez máis o tempo pon a cada un no seu sitio. O sistema artellou unha estratexia para desprestixiar ao conxunto da clase traballadora pondo como exemplo a un colectivo concreto, cun poder adquisitivo que supera a moitos sectores, dando a sensación de privilexiados. Unha vez máis o sistema iguala por abaixo, iso si, seguimos sen cuestionar aos auténticos privilexiados.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña