01:51 Domingo, 29 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-01-2014

“Parece ser que na rúa Tabernas ninguén foi capaz de probar aínda que Carvalho Calero forma parte da literatura galega desde 1931”, díxonos Cunqueiro cunha certa tristeza

Do que Álvaro Cunqueiro nos contou do seu vello amigo Ricardo Carvalho Calero

Valorar (46)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Nos días aqueles da nosa mocidade, tan lonxanos xa, Medos e eu descubriamos escritores como Marguerite Youscenar, Albert Camus, André Gide ou un autor máis descoñecido como Pascal Lainé, que acababa de recibir o prestixioso Premio Goncourt. Falabamos tamén a miúdo de Álvaro Cunqueiro, sempre cun entusiasmo que non observabamos entre o noso círculo de amigos. Admiraba Medos moi especialmente os relatos de feirantes, menciñeiros e xentes de aquí e de acolá, máis incluso que o Merlín e familia. Eu, pola contra, estaba marabillado con aquel primeiro volume da Obra en galego completa, sobre todo coa  poesía. A verdade é que ao poeta Álvaro Cunqueiro descubrírao na miña adolescencia nuns seus versos dedicados a Ortigueira e publicados nuns programas de festas de Santa Marta: Santa Marta, laguna veneciana / que la bebe un pájaro de bruma… / Tenderemos un puente hasta Cariño? / Puente muy largo, amor, para un suspiro. / -Diré Carino, Carino, a la italiana / para que suba con música el mar esta mañana… Deprendinos de memoria aos doce anos, dunha vez e para sempre. Ou aqueles outros que din: Santa Marta, la luz, si te preguntan / por dónde va la luz, por qué mañana, / si de oro de aire o de manzana. E desde entón fun sempre un fiel lector de Cunqueiro. Se dos últimos cen anos da poesía galega tivese que salvar un libro nun naufraxio en alta mar, non dubidaría en coller Dona do corpo delgado. De morrer afogado, que sexan as nosas últimas palabras os fermosísimos versos de Cunqueiro: Miña branca señor, corpo delgado: / este bosque é do tempo da máis recente lúa, / i ese malvís que tanto áer enfrauta / cada día que amence renasce e asubía. / Amante, no meu vaso aínda canta a sede.                      

O caso é que Medos e eu, nun deses días de novembro que teñen a luminosidade dun cadro de Turner, ordenamos de ir a Vigo visitar a don Álvaro Cunqueiro. E alí nos presentamos, no seu domicilio vigués, en Marqués de Valadares, coas mellores mazás de ollo da miña horta de San Claudio, aínda sabendo que eran as mazás do val de Mondoñedo as que el precisaba para vivir e para escribir. Mais estabamos convencidos de que a froita de Ortigueira tería para Cunqueiro o recendo melancólico doutros días. E así foi. Cando chegamos atopámolo tecleando na máquina só cun dedo da man dereita, mentres que coa man esquerda sostiña unha lupa para ver o que escribía. Acababa de marchar Luís Cochón, segundo nos dixo, e estaba a redactar as últimas páxinas para un libro que lle encargara Destino e que logo se publicou co título de Ollar Galicia, morto xa o autor, cunha prosa espléndida. Na casa toda había un riquísimo aroma de mazá madura. Nada máis rematar o parágrafo que estaba a escribir sobre Betanzos, deixou a lupa e a máquina e comezou a falar de Ortigueira como se estivese a falar de Mondoñedo, cunha alegría do corazón que lle brillaba nos ollos. “Santa Marta, Santa Marta! Teño desexos de volver a Santa Marta como quen volve aos amores primeiros”, díxonos don Álvaro cun certo ton nostálxico. E engadiu: “Ortigueira ten unha luz italiana que lle vén de Piero della Francesca, unha luz chea de violíns de Vivaldi, como paxaros celebrando a chegada da primavera”.                

Polo medio  da conversa narrounos Cunqueiro, como el só sabía facer, toda a historia de dona Sibilia, que deixou Constantinopla por Naraío, e aínda antes de marcharmos agasallounos cun Chateauneuf-du-Pape e díxonos o que segue, palabra máis, palabra menos:                        

“Tal e como agora eu vou, vello i anugallado, perdido cos anos o lentor da moza fantasía, pónseme por veces no maxín que aqués días por min pasados na frol da mocidá nas terras de Ortigueira son soio unha mentira, que por ter sido tan contada e tan matinada na memoria miña, coido eu, o mintireiro, que en verdade aqués días pasaron por min. Non sei xa se foron reais ou en min naceron Amadeo de Sabres e Giorgio Cantalupo, se o soñei ou algunha vez estiven no castelo de Elsinor, se a viúva do bispo de Liverpool casou de segundas co barbeiro real de Saint James Court ou realmente con quen casou foi con don Piero Nossolini, con aquel Monseñor Grande Inquisidor de Nápoles que escorrentou dunha bañeira ao demo que quería ver bañar as monxas. Do que si podo dar fe é de que don Hamlet foi príncipe de Dinamarca e de que o único incerto señor que eu coñezo é o meu vello amigo Ricardo Carvalho Calero. Ás veces penso que foi a miña cabeza soñadora a que imaxinou que Ricardo fora colega meu naquela Compostela dos tempos do Seminario de Estudos Galegos ou que fun eu e non el o que escribiu os Poemas pendurados dun cabelo e o Salterio de Fingoi. Todo puido ser así, e para min ser autor deses libros sería igual de gozoso que contemplar o val todo de Mondoñedo florecido como un inmenso cereixal. Parece ser, meus amigos, que na rúa Tabernas ninguén foi capaz de probar aínda que Carvalho Calero forma parte da literatura galega desde 1931. O único que está documentalmente demostrado é que na Penzol si houbo un exemplar da Historia da Literatura Galega Contemporánea de Carvalho Calero, mais unha tarde de abril que foi Paco del Riego a Samos, deixou o libro un momento abandonado á beira do río, sobre a herba, mentres el e Evelina refrescaban os pés naquelas augas que pasan por alí, e nesas entremedias veu unha cerva do Caurel e comeu o libro enteiro, e nin as tapas de cartón deixou. Tal foi o desgosto que levou Del Riego que nunca máis quixo falar desa obra e do seu autor. Contan alí por Samos que aquela cerva anda agora polo val de Lóuzara recitando varios poemas de Rosalía que lle quedaron na memoria. E foi así como a Historia da Literatura Galega Contemporánea de Carvalho Calero desapareceu para sempre da historia da nosa literatura. Agora incluso din que aquel señor que me acompañou a min como padriño na miña investidura como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago non era en realidade o profesor Carvalho Calero, senón un meu parente de Riotorto, que é pasteleiro en Londres. A min todo isto, dígolles a verdade, e perdoen o meu desafogo, entristéceme moito. Mais aí está Carvalho, con esa súa enteireza moral, levando sempre os agravios con enorme dignidade e con ese seu sorriso, vendo pasar persoeiros efémeros un tras outro, como aquela “Cabeza de home” de Antonello da Messina que está en Cefalú e á que eu lle dediquei un poema que remata máis ou menos así: …Búrlase / dos séculos e dos anxos, e de todo / o que non dura, porque el é eterno.                      

Antes de despedirse moi cariñosamente de nós, díxonos Álvaro Cunqueiro: “Se ven a Francisco Pillado pola Coruña, díganlle que xa rematei a peza de teatro Os sete contra Tebas e que un día destes voulla enviar polo Castromil para os Cadernos da Escola Dramática Galega. Díganlle tamén que hei de mandarlla cun queixo de San Simón, que moito lle ha de gustar a Noli”.  


1 2 seguinte

[26-01-2014 17:36] manuel hermida fernandez comentou:

ESCRIBES CON MESTRIA UNHA ORACION RECORDATORIO DO XENIAL D.ALVARO CUNQUEIRO, E DISFRUTO CON FRUICION DA FERMOSA URDIMBRE DA TUA PROSA.APERTAs.

[22-01-2014 18:50] Bernardo comentou:

MAGNIFICO, MEU SEÑOR DON MANUEL

[22-01-2014 13:42] Foxo comentou:

Contestando a Antón: o que nos contou Cunqueiro de dona Sibila -Sibila, efectivamente, non Sibilia- non o podería escribir eu nunca, porque está marabillosamente contado polo propio Álvaro Cunqueiro no relato "El caballero", que podes ler no seguinte enlace:

http://www.falamedesansadurnino.org/imaxearaio-en-cunqueiro/

Moi obrigado.

[22-01-2014 00:42] anton comentou:

Para cando a historia de Sibila que abandonou Constantinopla por Naraío

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña