14:36 Xoves, 21 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-01-2014

O nome con que adoitan ser coñecidos os pobos costuma ser aquel con que cada nación se autodenomina, en cuxo caso estamos perante un “endoétnico”

A manutención do nome galega/o

Valorar (42)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



O nome con que adoitan ser coñecidos os pobos costuma ser aquel con que cada nación se autodenomina, en cuxo caso estamos perante un “endoétnico”. Tamén pode darse a circunstancia de a forma ser a que se emprega noutros países veciños, con cal falariamos dun “exoétnico”. Así as cousas, nós usamos a palabra alemáns ou alemás, mais quen habita esas terras emprega a forma Deutsche, nos países de fala inglesa utilízase Germans e os utentes de italiano fan uso do nome tedeschi. Até aquí, nada hai de sorprendente: linguas diferentes presentan xentílicos distintos para designaren as persoas que, neste caso, moran na Alemaña. Mais, que habería que pensar se o propio pobo alemán se autodenominase Germans ou tedeschi? Que tería de acontecer para que iso fose así? Probabelmente, unha das primeiras respostas apuntaría para un prolongado e intenso proceso de colonización ou conquista, pois, lembrémolo, os colonizadores acreditan firmemente no seu dereito a nomearen aquilo que someten. Preguntemos, por exemplo, ás xentes autodenominadas Cymry, habitantes de Cymru (“Gales”), o que aconteceu durante as invasións xermánicas altomedievais da illa: as tribos anglas e saxoas, cando se apoderaron dunha notábel parte da Gran Bretaña, decidiron, cal clérigo a tempo completo, baptizar os pobos celtas que aínda ficaban alí como Wealas, que co tempo evoluiría para o inglés moderno Welsh e que significa, nin máis nin menos, que “estranxeiras/os”. Deste modo, a nación britónica orixinaria pasou a ser considerada foránea nos seus propios territorios.  

É certo que cada país ten a súa propia idiosincrasia histórica, mais entre nós tamén aconteceu algo parecido, cando menos no aspecto designativo. Sen dúbida, un dos españolismos máis daniños e con máis carga simbólica é aquel referido tanto ao nome da lingua canto ao xentílico correspondente, isto é, a forma *gallega/o. Continúa a día de hoxe ser maioritario na praxe oral do idioma, sobre todo en rexistros coloquiais e populares, barbarizado aínda máis nas versións con “gheada” *ghallegha/o ou *jallejo/a, tamén habituais en largas rexións do territorio en que vigora ese fenómeno dialectal. Só se non detecta en falantes con certa consciencia lingüística, en contextos relativamente formais e en ambientes cultural e politicamente soberanistas, nos cales galega/o responde á única posibililidade de utilización. As formas xenuínas tanto para esta forma canto para o nome da nación, Galiza, só comezaron a ser recuperadas propositadamente a partir da época das Irmandades da Fala, para o cal se acudiu aos textos medievais e á variedade lusitana da nosa lingua.  

Así pois, nos territorios administrativamente galegos, comprimidos nun decimonónico e axustado corsé tetraprovincial, a forma foránea, durante a Idade Moderna e Contemporánea, acabou case por varrer a lexítima, que deu sobrevivido puntualmente en determinadas manifestacións literarias ou nalgunhas rexións. Perspectivadas desde a actualidade, tres son principalmente as fontes documentais en que achamos testemuños de manutención do nome autóctone. Así, en primeiro lugar, en finais do XIX, nunha época en que na práctica totalidade dos textos literarios se rexistraba a forma bárbara (cfr. xa os títulos A Gaita Gallega, 1853, de Xoán Manuel Pintos; Brisas gallegas, 1890, de Manuel Lois Vázquez; os propios Cantares Gallegos, 1863, de Rosalía, mais tamén a Coleución de Cantares Gallegos de Roxelio Lois Estévez, dada a lume en 1899, e até a obra de Leiras Pulpeiro, Cantares Gallegos, do ano 1911; Cartas ós Gallegos, 1875, de Valentín Lamas Carvajal; Líricas Gallegas, 1894, de Evaristo Martelo Paumán; Poemas Gallegos, 1883, de Manuel Martínez González; etc.), pode atestarse o nome tradicional nalgunha ocasión esporádica en certos textos de autor, como verifica a seguinte mostra, tirada da obra Pelra... Antre seixos (1888), de Roxelio Lois Estévez: Cantos galegos / Asina morren / Sin que d’os probes / Saiba ninguen... A vontade de restauración do nome fase máis evidente na obra Os Calaicos (1894), de Florencio Vaamonde Lores, como o revelan os exemplos a seguir: Ao mundo espallarei, dende onde moro, / Tantas grandezas, relucentes feitos, / Que son debidos aos galegos peitos; Que as galegas insólitas fazañas / Son maiores que as gregas e romañas; E con él os fortísimos galegos / Espanto dos romanos estrategos; etc. Como queira que sexa, trátase de documentacións absolutamente minoritarias, provenientes dunha tipoloxía de textos case sen proxección social e practicamente descoñecida pola inmensa maioría da populación, que continuaba a se autodenominar *gallega.  

En segundo lugar, temos de facer referencia á poesía tradicional. É certo que na literatura de transmisón xeracional as atestacións continúan a harmonizar co que era máis habitual na altura, quere dicir, o uso case en exclusiva da forma española: así, os tres tomos do Cancionero Popular Gallego de Pérez Ballesteros (1885-1886) non rexistran senón o nome español, de modo similar á Colección de Cantares Gallegos de Casal Lois, dada por concluída aproximadamente no ano 1890. Porén, que o nome xenuíno non se detecte nas estrofes coleccionadas por estes investigadores non implica que se non poida achar noutros textos, tamén de proveniencia popular, aínda que, de novo, moito minoritariamente. Neste sentido, nalgúns cantares recollidos polo clérigo Juan Antonio Saco Arce, igualmente no século XIX e reunidos editados co título Literatura Popular de Galicia en finais da centuria seguinte (1981), pódense detectar as formas tradicionais, a pesar de que os textos en que se recollen parecen ser variantes de unha única cuadra: Vámonos indo galegos, / Galegos, vámonos indo; Que non dades ós galegos / Unha hora de descanso; Castellanos de Castilla, / ¿Qué lles fagués ós galegos?; Castellanos de Castilla, / Tratade ben ós galegos; etc. A estes exemplos temos de adicionar máis algunha mostra, cal a rexistrada no Cancionero Musical de Galicia de Casto Sampedro Folgar (dado a lume por primeira vaez en 1942), pois nos materiais coleccionados, procedentes da ponte intersecular, achamos uns versos que, parecendo contraviren o tópico da morriña galaica, salientan que O cantar do galeguiño / é cantar que nunca acaba…  

E en terceiro lugar, contamos con testemuños provenientes, mesmo a día de hoxe, de rexións galegofalantes exteriores ás actuais demarcacións administrativas. Desta maneira, nos concellos máis ocidentais de Asturias e nas falas galegas do Berzo non é raro ouvirmos espontaneamente a forma autóctone galega/o. A explicación parece sinxela: alí ninguén lles dixo desde as altas esferas gobernamentais españolas que eran *gallegas/os, co cal o endoétnico puido sobrevivir con maior facilidade que na propia Galiza. En Ibias, por exemplo, algunhas persoas aínda comentan hoxe en día a súa praxe lingüística nos seguintes termos: “Nosoutros falamos el galego de eiquí ia na Fonsagrada xa falan outro galego”. Mesmo a literatura culta do século XIX volta a proporcionar varios exemplos, como é o caso da obra Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861), de Antonio Fernández Morales, escritor que basea a súa linguaxe literaria no galego desa comarca e que emprega o adxectivo lexítimo no longo poema “Villafranca y a vendima”: De galeguiñas con megos / e de robustos galegos / chegan cuadrillas á villa; De novo en paz, á cantar / tornan presto as galeguiñas; Nos sombreiros apañando / van as ubas os galegos; non falta algun lacazan / que tras d’os galegos presto, / c’a gincha pian, pian, / vaya mermando algun cesto / Entonces si q’é de ver / ô galego por la villa / tras d’él c’o cesto correr; etc.  

Concluíndo, a transcendencia de empregarmos o nome propio non é nimia. Asistimos, coa súa utilización, a un proceso de dignificación colectiva que pasa pola recuperación e polo necesario uso unánime de galego/a, que, a pesar de todo, e a teor dos datos de que dispomos, felizmente non deu desaparecido.  De aí que, con escasas excepcións, e após anos dunha política lingüística extremadamente pasiva (no mellor dos casos) ou terribelmente agresiva (nos últimos tempos) para esa lóxica recuperación da lingua, chama a atención a escasa implantación social do endoétnico. E tamén ofende obscenamente o intelecto comprobarmos como en espazos públicos de pretenso humor galaico se insiste sempre e máis despois no emprego da forma bárbara para maior gloria de quen é capaz de rir con tales programacións e de quen perfila desde o seu gabinete de tecnócrata o lingüicidio do noso idioma coa aprobación gobernamental.    



[25-01-2014 13:07] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

Obrigado, Xurxo. E obrigadiño, Foz, polos datos que achegas sobre eses comarcas en que, fóra da actual Galiza, continuaron a manter o xentílico lexítimo.

[20-01-2014 19:07] LuisFoz comentou:

Bom artigo, acrescentaria que nao sao apenas algumas testemunhas dos territórios galegófonos nao administrativamente galegos, mas todos (ou quase) os falantes desses territórios que utilizan as formas galego/a. Estou bem situado para o saber já que a minha família paterna procede da Veiga (de Ribadeu como era o seu nome nao há muito).
Também o verifiquei no Berzo e em Samora

[20-01-2014 18:33] Xurxo Couto comentou:

Parabéns polo artigo

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña