15:28 Venres, 10 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-01-2014

Hai un libro recomendable para entender o por que diso que se vén chamando “auto odio”

Prestixio da lingua e respañolización

Valorar (16)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Hai un libro recomendable para entender o por que diso que se vén chamando “auto odio”, lectura útil para coñecer as claves que nos axuden a comprender, máis que a entender, a razón deste feito. Trátase de “Otra idea de Galicia”, de Miguel Anxo Murado, elaborado a base de moitas lecturas, análises e reflexións. Por iso é útil, porque aforra ter que ler e procesar moita bibliografía.                  

Moitas das cousas que nel se din, sóannos ou nos son familiares, especialmente aos que nos dedicamos á investigación histórica, de maneira que unha das conclusións á que se pode chegar é a de que ese “auto odio”, non é máis que unha causa da miseria, que produce fame e ignorancia,  unha prevención ou unha reacción, moi humana, fronte os agravios, as mofas e os desprezos recibidos por aqueles galegos que escapando da pobreza buscaron fóra da súa terra un traballo para poder vivir. Estas persoas, na súa maioría analfabetas, foron tomados como modelo duns estereotipos que afortunadamente hoxe xa non se dan, pero cuxos borrallos aínda andan por aí.                

Cambios no prestixio do idioma
               

Desde a creación do Estado Moderno a finais do século XV, unha vez unificado en parte o territorio trala expulsión dos árabes e dos xudeus da península, eliminación por tanto de etnias e culturas diferentes, dado que dous dos elementos fundamentais para a súa existencia son o territorio e o pobo, e como este aquí falaba un idioma propio, decidiron simplificalo e uniformalo cunha única lingua oficial. A escollida foi o castelán, pero tamén puido ser o galego, que xa fora lingua de cultura e de prestixio no seu momento, na Hispania non musulmá, é dicir na Gallaecia.                

De maneira que a partir dese momento os galegos, que falaban entre eles en galego, atopáronse cunha situación bastante complexa, posto que cando tiñan que acudir ao notario o que dicían na súa lingua materna escribíanllo en castelán, e cando ían á misa escoitábana en latín, dous idiomas estraños e incomprensibles para eles, exclusivos de burócratas, eclesiásticos e universitarios.                    

Había unha poboación maioritaria monolingüe, que coincidía que ademais era pobre e analfabeta, e dous grupos minoritarios, pero con bastantes efectivos, cunha certa instrución, propietarios das terras e ricos, uns bilingües, nobres e fidalgos, e outros trilingües, composto polo clero segrar e regular. De maneira que o galego pasou a ser a lingua dos pobres e analfabetos, e o castelán e o latín os idiomas dos cultos e poderosos. Si a isto engadimos o que lles ocorreu aos galegos que emigraban desde o século XIX ata o segundo terzo do XX, poderase comprender o receo a utilizar o galego.              

O clero, un aliado histórico            

En todo este proceso, o clero xogou un papel importante. Aínda que constatamos que a partir de 1319, en que os bispos son nomeados polo Papa, a maior parte dos que ocuparon a sé lucense son foráneos. O último da Baixa Idade Media foi don Alonso Enríquez (1476-1495), irmán do poderoso don Pedro Álvarez Osorio de Cabrera, primeiro conde de Lemos. Na Idade Moderna, desde o reinado dos Reis Católicos, e coa Casa de Austria nos séculos XVI e XVII, non haberá ningún bispo galego en Lugo. Compre pensar que esta política de desarraigamento do pastor cos seus fieis, contraria aos fundamentos e á práctica dos primeiros séculos da Igrexa, foi deliberada, pois hai que ter en conta o dereito de presentación utilizado polos reis que en realidade eran os que nomeaban, pois a Santa Sé, ou o Papa, limitábase a facer o nomeamento.          

A cuestión non mellorou coa Casa de Borbón nin co Réxime franquista, pois non deixa de ser anómalo que dos nove bispos nomeados no século XVIII, só dous fosen galegos, don Caietano Gil Taboada (1735-1745), de Santo Estevo de Barcia, e o seu sucesor don Antonio Páramo Somoza, natural de Goián (Ferreira de Pantón), nomeado o 17 de decembro de 1735 e falecido o 8 de marzo de 1736 sen se consagrar nin tomar posesión, co que na práctica redúcese a un. Haberá que esperar 240 anos ao nomeamento do único bispo galego deste período dos 35 que houbo entre 1500 e 1800.          

Pero ao longo dos séculos XIX e XX, só houbo tres, Santiago Rodríguez Gil (1847-1857), de Santa Cristina de Valeixe (TUI); frei Plácido Anxo Rei Lemos (1919-1927), natural da Praza do Campo da cidade de Lugo, e frei Xosé Hixinio Gómez González (1980-2008), natural de Lalín (Pontevedra). O balance é demoledor. Dos corenta e seis bispos nomeados por Roma entre os anos 1500 e 2000, a Sé de Lugo só tivo catro galegos, catro en 500 anos.            

Insistir no mesmo erro                    

Este feito debe ter relación coa política de castelanización iniciada a finais do século XV que culmina no século XIX coa creación do Estado Nación, orixe do nacionalismo español, que como reacción deu lugar, primeiro ao rexionalismo, e despois aos hoxe denominados nacionalismos periféricos,  aos que poñerán freo as ditaduras militares de Miguel Primo de Rivera (1923-1930) que desenvolveu unha política de reespañolización, de cuxo froito quedounos a disparatada castelanización dos topónimos, e a de Francisco Franco Baamonde (1936-1975), que ademais de reespañolizar, tamén se dedicou, coa colaboración do clero, a recristianizar España. O balance ou resultado final non é moi favorable para os que o intentaron durante 500 anos.            

É verdade que o despoboamento do medio rural, o proceso de urbanización, a influencia dos medios de comunicación, fundamentalmente, radio, televisión, telefonía e internet, e en menor medida a prensa porque a xente non lee, son os mellores aliados en contra do galego, compensada en parte mediante a súa introdución no ensino, de aí os cambios introducidos por Feijoo en detrimento do galego a requirimento desa minoría con complexo non se sabe de que, pero ao mesmo tempo prepotente, eufemisticamente chamada “Galicia Bilingüe”, que consiste en que eles so falen castelán, e os outros o que prefiran ou o que lles peta, galego ou castelán.                  

Esta obsesión absurda, e esperemos que imposible da dereita retrógada e inculta, inténtase repetir agora co goberno doutro galego casual, Mariano Rajoy Brey, que xamais falou en público unha palabra en galego, ignoro se o fala na intimidade como Aznar facía co catalán, nin sendo deputado no Parlamento de Galicia, nin sendo vicepresidente da Xunta. O seu ministro de Educación y Cultura y Deporte, José Ignacio Wert, manifestou o seu desexo de españolizar aos alumnos cataláns, o que leva implícito tamén castelanizar. O instrumento xa o teñen aprobado so por eles, pois na nova Lei de Educación, adquire un maior peso a Historia de España, e redúcese as competencias das comunidades autónomas no deseño curricular, de maneira que este empeño é de supoñer que tamén se fará extensivo a todos aqueles escolares cunha parte do curriculo diferenciado, ademais dos galegos e dos vascos.


 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña