01:55 Xoves, 09 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-01-2014

Esta lei consagra a imposición de políticas nos concellos reducindo a democracia e a autonomía local

Mais centralismo, mais recortes, mais privatizacións coa nova Lei nos concellos

Valorar (15)

FRANCISCO GARCÍA SUÁREZ



O 30 de decembro o BOE publicaba a Lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración Local que entraba en vigor o pasado fin de ano.              

Tal como indicábamos cando analizamos o seu anteproxecto esta modificación da Lei de Bases de Réxime Local representa un ataque brutal a autonomía municipal limitando as competencias dos concellos a favor das deputacións provinciais, favorecendo a privatización masiva de servizos públicos e subordinando ós concellos galegos aos ditados do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas do Goberno de España. Estas medidas adóptanse ademais sen ter en conta a opinión dos concellos, invadindo as competencias propias de Galiza e por suposto sen medidas que solucionen a falla de financiación que discriminatoriamente sofren os concellos galegos.          

A reforma do artigo 135 da Constitución Española, que consagra a estabilidade orzamentaria e garante o pago prioritario da débeda pública, xustifica no preámbulo da lei as medidas a adoptar estimando un recorte de 7129 millóns de euros que sairán fundamentalmente da supresión de servizos, privatizacións, redución do gasto público do emprego e do impedimento da realización de actividades económicas polos concellos.              
Esta Lei, en sintonía coa involución que estamos padecendo en recortes de dereitos e liberdades, reforma laboral, pensións, sanidade, educación, privatización caixas de aforro…, vai significar un atranco importante para poder facer dende os concellos políticas alternativas ao modelo económico e social que se está impondo.          

Primeiro porque se recortan as competencias municipais e polo tanto a posibilidade de prestación de determinados servizos polos concellos. Algúns tan básicos como servizos sociais, mocidade, dinamización económica, igualdade, cooperación,…. Preténdese impedir que os concellos especialmente os menores de 20.000 habitantes, poidan prestar servizos necesarios que outras administracións non prestan. Suprímese o artigo 28 da Lei 7/85 que o permitía e esíxense informes necesarios e vinculantes de outras administracións para poder facelo.          

Porque as deputacións provinciais son potenciadas para impulsar a privatización dos servizos a escala, de interese para as grandes empresas, en concellos de menos de 20.000 habitantes. Residuos, auga e saneamento, limpeza viaria, pavimentacións ou alumeado público son servizos que as deputacións co apoio do Ministerio de Facenda prestarán e coordinarán. A potenciación das deputacións incide así mesmo en reforzar unha institución que se solapa nas súas funcións cos concellos e coa Xunta de Galiza que poderían asumir todas as súas funcións sen ningún problema mellorando tamén a financiación local. A súa potenciación obedece tamén ao interese por reforzar un estado masi centralista e uniforme.

Terceiro porque esta lei consagra a imposición de políticas nos concellos reducindo a democracia e a autonomía local. Indo a un modelo de administración vertical no que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas directamente ou mediante os secretarios municipais e interventores establecerá múltiples corsés e limitacións na política municipal. Así mesmo, aínda que deixan de ser competencias municipais e pasan a ser da Xunta de Galiza esta poderá delegar nos concellos competencias como servizos sociais, igualdade, prevención da violencia de xénero, mantemento de centros sanitarios asistenciais, escolas infantís, actividades complementarias nos centros escolares, etc., co cal os concellos poderíamos seguir facendo estas actividades pero coas limitacións e nas condicións de recorte que a Xunta de Galiza considere.              

En definitiva en vez de abordar a necesaria financiación dos servizos municipais tan discriminatoria cos concellos galegos ao non valorar a dispersión poboacional nos custes dos servizos óptase por impor unha eliminación de servizos que afectará de xeito mais negativo aos concellos de menos de 20.000 habitantes, afondando no desequilibrio territorial e nunha regulación allea á realidade da nosa nación.          

Chama tamén a atención, polo que representa de falta de sensibilidade democrática, que na tramitación parlamentaria o PP non tomase en consideración ningunha das 30 emendas que a FEGAMP en Asemblea Xeral aprobou. As deputadas do BNG no Congreso intentaron sen éxito a súa incorporación pero os intereses en aprobar un texto para favorecer a iniciativa económica privada en detrimento do público, o recorte do gasto en servizos para priorizar o rescate e o espolio da banca, prevaleceron.            

Agora correspóndenos denunciar esta normativa e loitar contra a súa aplicación para impulsar dende os concellos unha política alternativa a este modelo económico e social, unha política ao servizo do pobo.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña