23:04 Luns, 22 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-01-2014

A Esmorga pon de manifesto que os oprimidos desafogan a violencia entre si e acaban (auto)aniquilándose

A Esmorga: o filme que agardamos

Valorar (25)

MANUEL REI ROMEU



Acabamos o 2013 cunha noticia por moitos agardada desde hai tempo: o comezo da rodaxe do filme de A Esmorga, dirixida por Ignacio Vilar. O pasado mes de novembro escenificouse na Praza do Ferro da cidade de Ourense cun acto no que concorreron autoridades da Xunta, da Deputación e do Concello, o director da película, o director da editorial Galaxia, que conserva os dereitos de autor da obra de Eduardo Blanco Amor. O proxecto conta cun orzamento aproximado de dous millóns de euros e o apoio económico de varios organismos públicos e empresas privadas. Segundo as previsións anunciadas, a rodaxe durará até o mes de marzo.                

É unha boa nova para a literatura galega que verá así reforzada a proxección dunha das súas novelas clásicas máis universais e, asemade, para o cinema galego que avanzará un chanzo máis no tortuoso camiño para facerse cun espazo nunha filmografía, cada vez máis controlada por unhas cantas multinacionais. Á complexa tarefa de construír o cinema galego leva anos contribuíndo Ignacio Vilar con películas como Pradolongo (que xa acada a cifra de 450.000 espectadores) e Vilamor. Que unha obra como A Esmorga non se tivese levado antes á grande pantalla –despois de máis de trinta anos de existencia de institucións autonómicas- só se pode explicar polas limitacións políticas e culturais duns gobernos que non acreditan para nada nos valores propios e negan a conveniencia dun cinema en galego para axudar a normalizar a lingua.                        

Semella sempre un bo punto de partida, unha garantía –aínda que o resultado sexa o que for- contarmos para unha iniciativa como esta cun director que acredita no cinema galego “puro e duro”, isto é, naquel que comeza por algo tan fundamental como é a lingua. E que, para alén diso, comprende o sentido e a vixencia dun clásico como  A Esmorga, que, como tal, conserva lecturas de interese para todos os galegos e galegas de hoxe en día e, por tanto, está por enriba de localismos.                            

Non parecía, desde logo, esa mesma vontade a que animaba as palabras do presidente da Deputación provincial de Ourense no día do acto, ao comentar con rexouba que todos somos uns esmorgantes e que concibía A Esmorga como a novela da ourensanía. Na mesma liña, o alcalde de Ourense declarou moi convencido que o protagonista  do filme non serán as persoas, “senón o continente, a Bela Auria, a nosa cidade”.

Parece que o director da película –segundo as declaracións que fixo en Sermos Galiza- ten moi claro que o obxectivo fundamental é conseguir recrear esa atmosfera envolvente que Blanco Amor conseguiu imprimirlle á historia da súa novela. É fundamental a preocupación por que o filme sexa respectuoso coa novela.  Algo que non sucedeu coa versión cinematográfica española de 1977, dirixida por Gonzalo Suárez e titulada La Parranda. Non se asumiu a historia desde dentro da propia realidade galega nin no plano espacial nin no temporal nin no sociolóxico. O ambiente reflectido é o da conca mineira de Asturias  e o tempo semella  o da posguerra, para incidir máis se cabe no tópico de que todos os males galegos proveñen exclusivamente dun episodio negro na historia de España.

Desde logo, se algo contén o relato de  A esmorga é abundancia de indicacións para recrear con precisión esa atmosfera á que alude o director da película. Non será un labor doado porque se mesturan e superpoñen nela moitos planos; mais nesa complexidade, na que conflúen o individual e o colectivo, é na que reside o éxito do produto final.

Ignacio Vilar, director de "A esmorga"

De cara a conseguir ese ambiente opresivo que transpira a novela, é fundamental recrear a forza simbólica do lugar onde  fai a declaración procesual Cibrán, o protagonista da obra, lugar que está presente con forza ao comezo e ao remate da novela, mais  tamén polo medio dela. Trátase dun relato esixido pola forza das circunstancias, perante un xuíz, con vixilancia da Garda Civil e posterior traslado do reo ao “cuartelillo” logo de cada sesión. Este microespazo concentra e intensifica todo o significado que agocha o periplo polo macroespazo das accións que se desenvolven polas rúas de Auria e os arredores da cidade. Trátase de reflectir a imaxe dun poder colonial, que se manifesta xordo, intransixente e inhumano cos oprimidos e colonizados. A presenza da Garda Civil está latente ao longo da novela, creando a sensación dunha persecución constante.                                              

A intención de Blanco Amor era construír unha novela urbana no sentido que encerra a confluencia entre a cidade e o mundo rural, con protagonistas  do lumpen ou xornaleiros eventuais extraídos do suburbio.                      

A atmosfera en A Esmorga créaa a chuvia, a xeada, o neboeiro, as sombras nun xardín de camelias, a luz da lúa que se reflicte nos cristais da galería dun pazo deshabitado. A atmosfera créaa tamén o ambiente de miseria extrema da casa en que conviven Cibrán e a súa compañeira cun fillo pequeno que dorme no mesmo cuarto que eles e comeza a reparar e facer preguntas sobre as relacións sexuais que manteñen os pais. A atmosfera créaa a dialéctica, tan ben lograda, entre espazos exteriores (connotados pola dura climatoloxía e a persecución) e espazos interiores(o abrigo, o lume, a comida, a bebida, o confort…). Mesmo crea atmosfera o conxunto de necesidades, as debilidades tan humanas que teñen os personaxes, e as doenzas que padecen. En última instancia, A Esmorga presenta a lexítima aspiración das persoas a unha vida máis limpa, ao pracer e á felicidade, en definitiva, á realización humana.                          

Mais a intención de Blanco Amor non era plasmalo desde unha óptica abstracta, etérea; antes ben, desde unha realidade concreta como a galega, chea de necesidades e condicionantes. Francisco Rodríguez ten demostrado lucidamente en varios dos seus estudos que A Esmorga é unha novela materialista que presenta as contradicións propias dunha nación colonizada. A orixe allea dos cargos importantes da administración do Estado (o xuíz), da burguesía mercantil (comerciantes maragatos), o mimetismo provinciano da pequena burguesía autóctona (funcionarios municipais como Pepe  O Cabito), a dexeneración e extravagancia da fidalguía (os Andrada), o caciquismo representado polas alternativas políticas de dereita e esquerda, o mimetismo da esquerda socialista ( o Serantes)…                                

Esa atmosfera social compleméntase co mundo dos prostíbulos, tan ben caracterizado e con personaxes de expresivos nomes (a Raxada, a Nonó, A Costilleta, a Viguesa…), a existencia marxinal dos loucos (Socorrito a Tola), os cegos (o cego de Cudeiro)… Unha realidade tan alienada e tan alienante produce estrañamento, un efecto moi ben conseguido no relato de Cibrán en varios episodios da novela: o acceso furtivo dos tres esmorgantes ao pazo dos Andrada en dúas ocasións para veren a fermosa dona da galería; a entrada na igrexa de Santa Eufemia, momento en que reparan no comportamento ridículo dos cabaleiros da Adoración Nocturna.                                    

No seu sentido filosófico máis profundo, A Esmorga pon de manifesto que os oprimidos desafogan a violencia entre si e acaban (auto)aniquilándose. Parece querer manifestar que por esa vía non existe salvación para a sociedade galega. No plano do individual, tamén a novela, partindo da especificidade galega, alcanza categoría  universal ao presentar os tres prototipos básicos das tendencias erótico-afectivas ou, se quixermos, a idea da singularidade de cada individuo no seu comportamento sexual.                                  

En síntese, son moitas e moi interesantes, as propostas que presenta  A Esmorga para unha grande montaxe cinematográfica. Seguramente o director –que ten confesado estar agora nunha fase de experimentar outras formas de contar- saberá integralas na súa complexidade para oferecer o espectáculo que A Esmorga merece.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal