20:14 Venres, 20 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-12-2013

A democracia españolista, implantada coa reforma política do réxime franquista, foi deseñada polo imperialismo cun bipartidismo perfecto

Bipartidismo, como modelo de democracia perfecta

Valorar (24)

FRANCISCO GRAÑA



É un lugar común afirmar que o poder económico domina hoxe no mundo e na maioría dos pobos e nacións, é o poder máis relevante con relación a todos os demais, mas non o é, dicir, que unha das claves principais que dan estabilidade a súa dominación é o feito de  permanecer oculto, no ámbito do privado, e de contar coa lexitimidade derivada da aceptación e consenso da maioría da poboación , por mediación dunha representación delegada e condicionada por este poder, denominado co eufemismo do libre mercado. A maioría social acepta con resignación a súa explotación a pesares dos intermitentes estoupidos sociais que se suceden, enmarcados nas liberdades democráticas reguladas polo Estado de Dereito, mediante o pacto institucional acordado pola representación popular electa no seu nome. A liberdade e a democracia proclamadas en abstracto, son os fundamentos retóricos deste réxime político que se basea na representación ao través de dous partidos políticos; bipartidismo perfecto, ou dous grupos de partidos, bipartidismo imperfecto, que se alternan na xestión do goberno do capital por delegación do pobo excluído da participación no poder político, e o económico so  a propiedade privada da burguesía , que é a que realmente goberna.                  

O bipartidismo iniciase no mundo occidental coa revolución burguesa, na que a burguesía capitalista como clase ascendente relega a nobreza feudal. Nos primeiros parlamentos bipartidistas sempre atopamos dúas forzas políticas confrontadas; conservadores e liberais. Os primeiros representan a nobreza decadente e os segundos a burguesía en ascenso. O crecemento da burguesía promove a construción dos Estados Nación, que fan posible a creación dos mercados no espazo dos grandes Estados  Nacións, onde falar a mesma lingua, ou forzar a falala, facilitanse as comunicacións,  e a industrialización capitalista. Neste proceso cheo de violencia, moitas nacións foron esmagadas polos grandes Estados- Nacións opresoras sendo absorbidas e colonizadas.                      

Co desenvolvemento do capitalismo burgués, emerxe unha terceira forza social constituída polas po las masas obreiras, que coas súas loitas sociais tamén conseguen unha representación nos parlamentos burgueses. A irrupción da representación obreira modifica o bipartidismo parlamentar. Na dereita dos parlamentos sentanse os representantes das clases, agora unidas, feudal e burguesa, e na esquerda os que representan a clase traballadora.                

A maioría das revolucións obreiras anticapitalistas fracasaron grazas a colaboración social das clases obreiras coas súas burguesías nacionais, ao compartiren os beneficios da colonización e o saqueo dos países oprimidos dependentes atrasados no seu desenvolvemento económico,  e colaboraren nas guerras imperialistas cos seus gobernos.            

Deste xeito, contando coa colaboración de clases nos países centrais do capitalismo, o bipartidismo cumpre, a función de evitar as revolucións obreiras e polo tanto, o mantemento da estabilidade política e social do sistema capitalista. Pacificada a retagarda, a política imperialista imponse nun proceso de conflitos, onde as guerras que alcanzan o ámbito mundial determinaron a xerarquización imperial global, diluíndo as burguesías nacionais na oligarquía globalizada que opera nun mercado mundial.  No centro do sistema capitalista imperialista, a contradición entre oligarquía e a clase obreira, o antagonismo social e substituído polo consenso social que garante a ditadura do capital. O Estado da oligarquía dótase dun conxunto de mecanismos e institucións formais(opinión pública,representatividade,sufraxio universal.....) que facilitan a desorganización política das clases traballadoras, mediante o establecemento de consensos e compromisos conforme aos intereses da oligarquía capitalista, que conta co apoio das burocracias sindicais. A función represiva e militar dos Estados capitalistas centrais, mantense nun estado potencial e non activo, como nas formas autoritarias e fascistas do poder capitalista, ao que finalmente recorre se é necesario cando periga o seu poder.                        

Nos países oprimidos e dependentes da periferia, a diferenza dos países imperialistas, o antagonismo e a inestabilidade social, a loita de clases prevalece ao través das loitas de liberación nacional tanto nas nacións que dispoñen dun Estado apéndice do Imperialismo, coma nas que aínda non o teñen e as colonias. Aquí neste campo, é onde as clases traballadoras obtiveron éxitos, sen dúbida, fronte a explotación e opresión da oligarquía imperial. Arestora, a loita nacionalista antiimperialista pola autodeterminación e soberanía das nacións e pobos oprimidos, forma a vangarda internacionalista da inmensa maioría da humanidade, porén, nestes países a contradición esquerda dereita é espuria, só serve para enmascarar a realidade do imperialismo e a contradición principal entre centro e periferia.                        

Xa que logo, no mundo real só pode haber liberdade e democracia concretas, non existe liberdade ni democracia abstractas. Coa globalización , non pode existir liberdade e democracia concretas a nivel mundial  so o dominio xerarquizado dunha oligarquía imperialista depredadora, hoxe omnipotente, mas si é posible, en espazos nacionais soberanos liberados.                  

Tamén no Estado español a democracia españolista implantada coa reforma política do réxime franquista, tras a derrota do movemento obreiro antifranquista, foi deseñada polo imperialismo cun bipartidismo perfecto, recollendo antecedentes do que existía con Cánovas e Sagasta, líderes de dous partidos, conservadores e liberais que se alternaban no poder, so a dinastía borbónica. Unha alternancia defendida con entusiasmo por Manuel Fraga Iribarne, ex- ministro de Franco e por Felipe Gonzalez financiado pola Fundación alemana Ebert para o apoio da socialdemocracia no mundo.                     

Mas a inestabilidade sempre estivo presente nun estado español construído como un aparello carcerario, que hoxe forma parte da cadea imperialista, sobre as nacións e pobos da Península Ibérica, agás Portugal. Na actualidade a democracia española aséntase sobre un bipartidismo formado principalmente por un PP á dereita, e un PSOE á esquerda, que contan coas súas marcas brancas como complemento ou substitución, no seu caso, UPyD á dereita e IU/EU á esquerda.                  

Os procesos de liberación nacional cara a autodeterminación das nacións sen Estado, so a opresión do Estado español foi avanzando a pesares da presión dos medios españolistas, conseguindo en Catalunya e Euskadi afastar o bipartidismo e ir asentando unha democracia propia soberanista. Na Galiza o proceso foi, e é máis difícil, xa que o españolismo logrou frear,de momento, o crecente auxe do nacionalismo galego pondo eventualmente a unha parte na posición dunha nova sucursal do bipartidismo, por medio da esquerda españolista. Mas o proceso continúa.                    
E evidente que o bipartidismo mantense, sobre todo nos países centrais, como un modelo de exportación da democracia perfecta para a protección dos intereses capitalistas, hoxe globalizados e xerarquizados, aínda que con crecentes dificultades motivadas pola loita dos pobos. Por iso, os apoloxistas da globalización  o utilizan como unha escusa para condenar os sistemas políticos das nacións antiimperialistas que non adoptan este modelo perfecto de manipulación antidemocrática, co pretexto da defensa desinteresada dos dereitos humanos, a liberdade e a democracia.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña