19:23 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-12-2013

Nada a ver con “lanzamentos” e aínda menos con as exóticas árbores dos oasis

Dende A Lanzada a Palmeira

Valorar (11)

CÉSAR VARELA GARCÍA



O traballo que levamos para explicar a orixe distes nomes de lugares mariñeiros comezou ben lonxe da beiramar.      

Na parroquia de SEÑORIN, orixe do noso CARBALLIÑO natal, temos unha paraxe que loce o nome de AS LAMPAZAS, e no mesmo concello, na parroquia de SAGRA, aparece o lugar de AS LAMPARAS.      

O lugar das LAMPARAS consta de media ducia de casas onde nunca se soubo que houbese alí ningún tipo especial de alumeado que xustificase tal chamadeiro.    

A primeira idea para a explicación destes apelativos é pensar na planta borraxinácea que loce ese nome de LAMPAZA, pero loguiño desbotamos a idea ao consultar fontes portuguesas onde se fala no 1258 de “in suo termino (de Bragança) et in suas lampasas ” onde semella claro que non se están referindo ás acelgas, senón mais ben aos arredores ou “alfoz” da cidade, quer lugares incultos ou quer vilares.      

Un documento do ano 1130 que recollemos do erudito luso Dr. Almeida Fernandes insiste: “potestas in Bragantia et in LAMPAZAS”.          

O sabio portugués aventura a posibilidade de a palabra proceder dunha raíz “LAMP” pré-romana, co significado de “lugar inculto que eventualmente podería cultivarse e povoarse”.      

Non obstante, a nosa teoría descorre por outros vieiros, velaí:      

Reparamos que, no noso galego familiar, cando se fala de  dar unha “labazada” ou un “lapote” estamos usando palabras que entendemos como evolución de unha “palmazada” ou un “palmote”, en alusión a  unha superficie plana como a palma da man.    

Aínda, no falar mais groso, tamén escoitamos “vas levar unha desas que da o cura” na mesma referencia algo plano esgrimido como castigo sobre a cara de alguén.    

Visto isto, aventuramos aquí unha posíbel evolución de    

PALMATIATA > PALMAZADA > LAMPAZADA >LAMBAZADA > LABAZADA    

E do mesmo xeito:    

PALMOTE > LAMPOTE > LAPOTE.  

Son cousas do camiño evolutivo das palabras na nosa lingua que nos dan a chave para explicar a orixe do nome da pontevedresa Praia; apliquemos o mesmo método a unha suposta TERRA LAMPATIATA, velaí:      

LÁMPAZADA > LÁMPAZADA > LANZADA    

Que sería, nen mais nen menos, que unha lóxica alusión á areosa planicie que se forma no istmo da península do Grove, cuxa planicie foi aproveitada para construír alí un campo de pouso de avionetas e helicópteros.        

As Pedras da Lanzada, que se nomean nos concellos de Caldas de Reis e de Sanxenxo, farían referencia, na súa orixe a pedras chairas, lapas ou laxes.      

Como as palabras crían mundos, a partires da sonoridade do nome  xurdirían as tradicións e lendas de “lanzar espíritus, demos e ameigallos” cousas que xa pertencen ao imaxinario das crenzas populares pero que, ao noso entender, nada teñen a ver coa orixe do nome, sendo mais ben unha consecuencia del.    

A mesma teoría esclarecería o nome das LAMPAZAS, nun fondego chairo de Señorin, e o das LAMPARAS de Sagra, que sería o apelativo dunha zona  de eidos chairos ao pé da pena Cobertoira.    

E aínda, de esguello, non sería descamiñado pensar que o nome do vexetal LAMPAZA se debe á forma, que lembra a palma da man, das súas follas.    

Do mesmo xeito o nome de PALMEIRA pouco debe ter a ver coa exótica árbore do deserto que loce o escudo da vila, senón que o supomos emparentado co nome da vila portuguesa de LEÇA DE PALMEIRA, debendo ambas o seu nome ás chairas extensións areosas das súas praias, que as definiron e nomearon desde recuados tempos.      

Para os lugares chamados de LANZÓS, en Valdoviño e na Lourenzá, valería a mesma teoría, e procederían por tanto de uns“PALMATIOLOS”, ou sexa, pequenas chairas.    

Como nunca andamos por eses lugares sería bon que algún leitor, nativo desas terras, nos confirmase se lle acaecería ben a nosa proposta de explicación ao feitío físico deses terreos.    

E  aínda, valerá esta teoría para explicar o nome da LÁNCARA luguesa?    

Se valera, sería partindo dunha PALMANCARA > LÁMPACARA, até chegar ao LÁNCARA de hoxe. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña