08:48 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-04-2010

Debemos actuar ante os principais problemas da mocidade galega, para trasladar as nosas alternativas e asentalas entre a xente nova

Fortalecendo a alternativa xuvenil nacionalista

Valorar (50)

GAEL GONZÁLEZ BEIRA


Cartel do XIV Congreso da UMG


Nos últimos tempos, temos constatado desde a nosa perspectiva de mozas e mozos que viven e sofren as consecuencias derivadas da condición colonial da nosa nación, dependente no económico e asoballada culturalmente, a hostilidade e a belixerancia coa que desde o sistema se apunta ao nacionalismo, na Galiza e no mundo, para o erradicar e vemos con preocupación e alarma o novo escenario político ao que nos enfrontamos.

Neste escenario, a crise do sistema está a provocar unha radicalización desta hostilidade cara ás forzas trasformadoras na necesidade vital que ten de eliminar ás voces discordantes ou de as asimilar de xeito que aplicando maquillaxes estéticos permitan a reprodución do sistema sen que iso supoña a súa transformación de raíz.

Porén, nunca vamos ter un contexto exento de hostilidade e a súa radicalización tennos que servir para darnos conta da ameaza que supomos e da necesidade da nosa loita.

A posta en marcha das políticas do PP na Xunta de Galiza está a ocasionar unha importante contestación social, entre as que podemos destacar as mobilizacións en defensa da lingua galega. Debemos actuar ante os principais problemas da mocidade galega, para trasladar as nosas alternativas e asentalas entre a xente nova, mellorando a nosa capacidade de resposta e mobilización mais tamén anticipandonos ás políticas regresivas para a mocidade que se impulsen tanto desde a Xunta como desde o goberno central. Eis a privatización do ensino, a degradación ou privatización dos servizos públicos, a contrarreforma laboral, a diminución do gasto social... Os últimos procesos mobilizadores evidencian a potencialidade da xente nova, polo que a nosa capacidade organizativa é fundamental para acadar un amplo respaldo das nosas propostas e para facer que esa mobilización puntual teña unha concreción práctica e continuada no tempo. Como movemento xuvenil nacionalista debemos ser quen de xerar opinión e impulsar análise política e crítica que cristalice nunha dinámica de participación social e mobilización.

A mocidade galega organizada deberá seguir a contribuír coas súas achegas teóricas e prácticas para a concreción das alternativas políticas do nacionalismo a nivel xuvenil e fuxir de ideoloxismos estériles ou da linguaxe formalmente radical que só contribúe a afastarnos da realidade e a afastar á mocidade do nacionalismo, así como de formulacións reformistas que desdebuxan o carácter transformador do proxecto nacionalista. Seguimos a acreditar en que o esforzo colectivo das organizacións xuvenís nacionalistas contribuirá a mudarmos o rumbo das políticas xuvenís e a consolidarmos o nacionalismo galego entre a mocidade.

Organizármonos para actuar e actuármonos para incidir: pór en valor as ferramentas de autorganización da mocidade galega, dinamizalas e actuar socialmente de forma incisiva son os retos para o movemento xuvenil nacionalista que, pese a contar cunhas estruturas e fortaleza organizativa nada desprezábeis, deberá incrementar a súa incidencia social.


1 2 3 seguinte

[27-04-2010 ] luchinha comentou:

Viva a UMG !!!!

[27-04-2010 ] roi comentou:

Adiante coa UMG e con Galiza Nova!

[27-04-2010 ] migue comentou:

parabéns,camarada.

[27-04-2010 ] Dimitrov comentou:

Parabéns a Unión da Mocidade Galega polo seu Congreso. A galería de fotos que acompaña este artigo é a mellor expresión do estado de saúde no que se atopa a organización da mocidade comunista e patriótica. Moita xente, moita xente de Deus. Iso quer dicir que o estades a fecer ben, nun contexto de grandes dificultades para o mundo e particularmente para os que aspirades a transformar o sistema. Ao fin o voso Congreso non só indica que hai futuro, tamén exemplifica que hai forza para construir un presente mellor.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña