09:04 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2013

Do seu maxisterio deprendemos o mesmo concepto de irmandade que uniu a homes como Castelao e Otero Pedrayo

A grande estatura humana de Xaime Bello

Valorar (2)

MANUEL LÓPEZ FOXO



A Xaime Bello Costa poderiámolo admirar polo seu compromiso co país ou pola súa ética política, pola súa entrega ao nacionalismo durante tantos anos ou polo seu empeño en construír un Ferrol aberto ao mar e ao futuro, polo seu entusiasmo pola docencia ou pola súa grande sensibilidade artística, mais, por riba de todo, admirámolo pola súa enorme estatura humana, pola súa bonhomía, por esa súa fraternidade que fai brillar cada unha das súas palabras e mesmo os seus silencios. Nos máis de trinta anos de militancia nacionalista e de estreita amizade que nos une, nos que os dous vivimos non poucas treboadas, nunca lle escoitei a Xaime Bello unha palabra ofensiva ou unha expresión de desprezo, de rancor ou de resentimento contra ninguén. Endexamais, nin cando o vin ferido polas coiteladas da vida política, tan frecuentes e ás veces tan dolorosas. Un xesto coa cabeza, un longo silencio ou un breve comentario irónico cargado dunha certa amargura foi a única resposta que eu lle vin cada vez que soubo dalgún comportamento ruín.

Xaime Bello

Aínda que é unha constante histórica deste noso pobo tecer e destecer (Díaz Castro, sempre Díaz Castro!: Un paso adiante e outro atrás, Galiza, / e a tea dos teus soños non se move), Xaime Bello procurou sempre non destecer a tea que tece o amor de cada un e cada unha de nós, á súa maneira, a esta nosa patria, por moi grande que nalgún momento fose o motivo para expresar o seu verbo con ira. Do seu maxisterio deprendemos o mesmo concepto de irmandade que uniu a homes como Castelao e Otero Pedrayo ou que mantivo permanentemente viva a relación entre os poetas Manuel María, Cuña Novás e Novoneyra. Vímolo moitas veces defender con vehemencia a súa idea sobre unha determinada cuestión, mais podemos dar fe de que nunca usou a palabra para ferir a un compañeiro ou a unha compañeira. Talvez porque sabe moi ben o moito que custa crear irmandade arredor da conciencia de país. Seguramente tamén porque non ignora que o máis valioso da mina son os propios mineiros, cos seus defectos humanos. A súa actitude recórdanos incluso a nobreza de Alexandre Bóveda cando sae publicamente na defensa de Filgueira Valverde para contestar aos ataques persoais que este recibe tras abandonar o Partido Galeguista: “asegúrovos -di Bóveda- que a miña pluma enmudecerá antes de escribir un agravio para os que foron irmáns no Partido e o siguen sendo na causa sagra da nosa Terra”. Non esquezamos que quen así se expresa é un Alexandre Bóveda que con igual claridade desaproba e combate con contundencia política as acusacións de Filgueira Valverde para xustificar a escisión da Dereita Galeguista. E Xaime practica ese mesmo concepto de elegancia verbal e de irmandade con calquera persoa que ame a súa lingua e o seu país. Precisamente por todo iso somos moitos os que lle profesamos desde sempre un grande respecto a Xaime Bello, porque en compromiso e amor a Galiza, en ética, na cordialidade do corazón e da palabra, a súa estatura agrándase e ponse á altura daqueles homes bos e xenerosos dos que nos fala don Ramón Otero Pedrayo nas páxinas de O Libro dos Amigos.

Xaime Bello tamén nos deu unha gran lección de lealdade ao proxecto político no que el milita desde a Asemblea de Riazor, aí onde outros e outras nos decepcionaron enormemente. Quen gañou a pulso un forte liderado social na súa cidade e ocupou cargos institucionais tan destacados como o de deputado no Parlamento galego, alcalde de Ferrol ou vicepresidente da Deputación da Coruña, seguro que tivo máis dunha ocasión para pór o seu nome ao servizo dos que queren destruír a opción política do nacionalismo, como si fixeron outras persoas. Mais a súa fidelidade ao país e a súa lealdade á organización que nos fixo soñar que outra Galiza é posíbel non lle permitiu nunca dar un paso ou dicir algo que puidese ser utilizado para facer dano ao nacionalismo. Por riba de calquera desexo persoal ou de calquera discrepancia pequena ou grande coa liña de actuación política, Xaime Bello soubo situar sempre nun primeiro plano a importancia de contarmos cun proxecto común para o país. E aí segue, como un militante máis, sen reclamar endexamais para si outra consideración que non sexa o noso afecto ou unha palabra cordial.

Nunha sociedade onde cada vez todo é máis efémero e máis fráxil, Xaime Bello Costa simboliza como ninguén o valor da permanencia, o ronsel das ideas, a vontade de non dar un paso atrás na difícil tarefa da afirmación política de Galiza, sabendo ben da dificultade do traballo, como xa o sabía Rosalía de Castro cando evoca en Follas Novas o mito grego de Penélope e di aquilo de tecín soia a miña tea, unha idea que Rosalía retoma posteriormente no poemario En las orillas del Sar: tejo y destejo sin cesar mi tela. E aínda virá despois Xosé María Díaz Castro, proclamando nun só verso toda a lentitude e a dureza do traballo: Aran os bois e chove. Cando un é un bo coñecedor da nosa historia e da literatura de nós, como é o caso de Xaime, a militancia nacionalista non é simple estética verbal, senón unha maneira moi fonda de amar e de defender o país, sentíndose elo dunha cadea humana que vén do fondal do tempo e vai, suco a suco, arando a terra.

Igual que o Pai Sarmiento facía as súas longas viaxes por Galiza cun caderno no que ía anotando todo o que chamaba a súa atención ou igual que José Luís Sampedro andaba continuamente co seu “portátil” no peto para rexistrar historias como a da laranxeira hermafrodita que florece nun pazo de Ortigueira, Xaime Bello leva sempre consigo un caderniño e algo con que escribir, e de súpeto toma nota do que observa ou do que alguén di, e apunta palabras, datos, impresións… Cada mércores, desde hai algúns anos, no seu “Cabo Prior”, Xaime comenta a actualidade de Ferrolterra e do país ou a súa última vivencia persoal, con brevidade e lucidez, e de cando en cando escribe un artigo redondo, un artigo que nos impacta, que nos dá de cheo no corazón, como o que no seu día lle dedicou a Rai, o amigo e o camarada que nos acababa de deixar: “Eras moi intuitivo. Non necesitabas de discursos grandilocuentes para manifestar o que era mellor para a túa terra e como conseguilo. Tamén cariñoso e leal. Cando puñas o teu brazo no meu ombreiro era, non só sinal de afecto, senón para me transmitires que podía contar contigo para o que precisara”. Ninguén podería expresar mellor o noso sentimento de aprecio e a nosa dor nin escribir un retrato máis breve e máis cabal. Estas palabras de Xaime falan tamén da súa calidade humana e da súa humildade.

Xaime Bello érguese entre o público e colle a cámara para fotografar ese intre que pasa e non regresa. Mentres, no crepúsculo da tarde, Vicente Araguas, amigo seu de vello, recita algúns dos versos máis fermosos que nós temos escoitado: …como en tombe / la neige, ai, Lola, / de puro estar morta, Lola, e cae / a neve, teimosamente, Lola.



1 2 seguinte

[12-11-2019 22:24] Eduardo Vázquez Vidal comentou:

Cheguei de casualidade a este artigo. Con Xaime fun compañeiro no !.E.S. "Ferrol Vello" de Ferrol. Compartimos moitas actividades formativas co alumnado: excursións, saídas culturais,participamos no primeiro concurso de "Voz Natura", curso escolar 1.997-98 , festivais no Centro, aparte das clases cos mesmos grupos de alumnos. Escoiteino falar moitas, sei moito dos seus comportamente sempre exemplares. Por eso todo o que dí del LOPEZ FOXO son auténticas verdades. Agora xa xubilados seguimos sendo amigos de verdade. Xaime é unha gran persoa e un xeneroso entregado a política, a servir a sociedade. Os ferroláns que ben o coñecen votáronno maioritariamete para ser Alcade de Ferrol, aínda que a maioría pertenecerá a outros grupo político distinto do B.N.G.

[28-11-2013 18:30] Rosana Pérez Fernández comentou:

Prezado Foxo: O artigo é ben sentido, como todos os teus. A descrición que fai de Xaime Bello compartímola moitos e moitas pero ningún sabemos expresala de xeito tan fermoso. Parabéns e apertas fortes para Xaime.

[23-11-2013 21:38] Aurora comentou:

Un moi fermoso artigo sobre unha belísima persoa.

[23-11-2013 21:29] Ricardo Seixo Fernández comentou:

Concordo con todo o expresado por López Foxo e, dende este outeiro, unha aperta enorme para o compañeiro Xaime.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña