14:11 Domingo, 29 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-11-2013

Faise presente a entrega dos patriotas emigrados e exiliados na Arxentina

Falamos de Antón Moreda

Valorar (17)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



A pantasma de Antón Moreda, o Toñito de Dona Amadora, o Moreda de San Miguel de Reinante, faise presente máis unha vez canda a choiva brava desta Beiranorte do Xavier Baixeras e o nordés tan propio que atormentaba a Hamlet no Elsinor de Cunqueiro rexorden con novos folgos . Aparece a pantasma do Secretario Xeral do Consello da Mocidade nunha semana na que se cumpre o cincuenta aniversario da súa fundación e na que se me me foron achegando as lembranzas dunha relación persoal iniciada alá polo 1995, pero que ven da primeira lectura de Porta Blindada, das conversas familiares, do autobús de Casanova, e tamén das gañas de saber sobre aquel parto pola vella que foi o Consello. Unha semana na que me lembrei tamén, de xeito moi particular da súa morte, do enterro, coa nosa Ana oficiando e a bandeira que Delgado Gurriarán trouxera de México ao Congreso de Poio en 1981,e  que cubrira entre outros a Martínez López, a López Durá e ao vello Beiras nas horas finais, e que mandaba para o alén ao noso Moreda e con el toda unha vida de loita, se ben deixaba con nos o exemplo dunha entrega insubornábel a causa de Galiza.

Falamos de Moreda Moreda , e faise presente a entrega dos patriotas emigrados e exiliados na Arxentina, que contra vento e mare, mantiveron o legado de Castelao e o corpo doutrinal que o nacionalismo atesourou desde as Irmandades da Fala, puliu no periodo republicano e afinou após o xenocidio franquista. E vemos hoxe a Lois Ares, bibliotecario do Centro Galego e asinante do Manifesto de Lugo, que gañou a Antón para a patria. E fundamos as Mocedades Galeguistas, con Carlos Abraira, Neira Vilas, Antón Santamarina, Xosé Casal ou Denís Conles, que son nacionalismo rexo, de lei, sen matute, nada saudoso, firme. E xuntámonos cos vellos petrucios , encabezados por Alonso Ríos, Prada, Puente, Seoane, o vello Abraira, Avelino Díaz ou López Pasarón. E parolamos tamén con Dapresa, Vicente Barros, Manuel Pedreira ou o vello Olveira, que empaparon aquel "Adiante"Bonaerense do rexo espírito patriótico da primeira "Fouce" e da vella "Pondal". E acudimos uniformados, en posición de firmes e a facer garda de honra ao Congreso Galego da Emigración a escoitar a verba acendida de Suárez Picallo, de Álvarez Gallego, de Canabal, de Tobío ou de Xosé Velo. E reunímonos con Velo, que nos convocou a todos os que somos mocidade a practicar o "foquismo" en Galiza antes de que Fidel e máis o Che subiran a Serra. E participamos da directiva da Irmandade Galega, en representación dos novos, baixo a Presidencia de Alonso Ríos, que xa non era o Señor Afranio, e soubemos das discrepancias cos irmáns da Terra e o do infrutuoso da visita de Perfecto López.

Falamos de Moreda, e quédanos o esforzo de toda unha xeración que puxo as bases para reconstruír o nacionalismo, como movemento político dirixo a restaurar a soberanía da nación galega. Tocaba volver a Terra, Seoane xa llo anunciara aos amigos de Brais Pinto naquela reunión clandestina no madrileño “Bar Os Mariscos”, era necesario coñecer de primeira mao o proxecto de Galaxia, sondar as posibilidades de reorganizar o vello Partido, actuar politicamente, pero antes tocaba cumprir coa milicia. Dous anos de servizo militar, primeiro un lunch nunha Casa da Rosaleda, aquí tedes a un mozo galeguista recen chegado de América, que non escribe, non pinta pero cree que Galiza é unha nación e ten dereitoá autodeterminación.Sorpresa, estrañeza mutua, xa sabemos o que é galaxia. Consultas no despacho de Galeguismo de Xelmírez-15, as cousas acláranse.1963, Bautista, Patiño e Arxona maniféstanse pola Unión do Pobo Galego.No Fingoy de Lugo, na Xistral de Monforte, pensase o mesmo.Xuntanzas, hai que xuntarse, frontismo, como no vello Partido. Todo o mundo ten sitio, atraiamos a democracia cristiá, Fontenla armándoa no Viño, tamén a socialdemocracia, Rodríguez Pardo, García-Bodaño, xa saberán quen é Piñeiro.Asembleas ao longo e ancho de Galiza, Galiza outra vez en marcha. Consello da Mocidade, facción xuvenil do Consello de Galiza. Xa temos unha estrutura para axir politicamente. Lubumba, Ben Bella, Galiza/Arxelia, somos nós.Lugo, a 7 de xaneiro de 1964, decrétanse purgas no Consello. Arcadio, o amigo de Rodríguez Lapa, muda o sentido do voto que tiña delegado. O nacionalismo é o cabalo de Troia do comunismo en Europa Occidental, piñeiro dixit. As maos son as mellores agullas de calceta, que si Galiza e un pobo, un país, un pobo, un pais, federalismo. Movemento de Mozos Europeos. Outra volta, que facer?. Expulsado da organización da que son Secretario xeral, despedido do posto de traballo. Galaxia non paga traidores. Carolina, sempre Carolina, que puidera namorala. Carolina, modelo profesional, presentadora de televisión, portada de Garbo, imaxe corporativa de "medias Gloria, americana do norte, de Texas,  días de amor, anguria e miseria en Barcelona. Carolina vaise e non volve. Losada informa puntualmente a Piñeiro.

Falamos de Moreda , e quédanos a alegriade formar parte daquel grupo de mozos e mozas que colaborou co seu recoñecemento, dignificación social e divulgación da súa traxectoria. E de Cataluña, para Castro da Terra Cha Luguesa, como Luguesa é a súa Mariña. Ostracismo, esquecemento, electroshock, Porta Blindada, grazas Margarita, que foi do Secretario Xeral?.Recoñecemento social, Brigadas Chairegas, Fernán, Galiza Nova, CAF, 25 de Xullo, Arenga da Mocidade, Gaiola, publicación da súa obra, volta ao Bar Viño de Mazarelos. 1995, vaille falar a mocidade nacionalista en Compostela, café no Viño, coño Moreda, es Bautista?, Xornalismo daquelas, hoxe Filosofía, cheo, a xente de pé, aplausos, coñécenme?. E volta a súa Casa,nesta casa naceu Antón Moreda, Ollomao,as asociacións culturais fanlle a figa a Piñeiro, Praza do Souto, todo San Miguel de Reinante aplaudindo a Toñito de Dona Amadora, bagoas, moitas bagoas, amigos, irmaos e veciños. Máis Aplausos, Viva Galiza Ceibe, fixemos o que puidemos, grazas. Aquí está canda nos o Moreda e sabemos que segue atormentado, que non acouga, porque se sabe necesario, que quere erguerse para seguir a camiñar con nos,paseando con caiad pero rexo, polas chairas e mariñas da nosa soberanía, que el é da caste dos celtas. E xa para sempre fica con nos Antón Moreda que non é escritor, nin artista plástico. Pensa que Galiza é unha nación e que ten dereito a súa autodeterminación. Fixo o que puido por Galiza. E abonda.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña