02:44 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-11-2013

Os motivos dos varamentos das baleas

Baleas e competencias

Valorar (0)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



O feito de que apareza unha balea varada na costa supón un caso excepcional de emerxencia, e como tal debería estar contemplado nos protocolos oficiais de actuación das emerxencias de Galiza.

Non é habitual que aparezan cetáceos de grande tamaño varados. Dos 250 cetáceos que son rexistrados varados en Galiza, como media anual, tan só un 8% son exemplares que superan os 5 metros de lonxitude, sobre todo baleas e cachalotes. Mais, se ben é un baixo número, son suficientes para telos en conta a causa dos problemas que xeran.

Un cetáceo de entre cinco e oito metros de lonxitude pode ser retirado da praia con certa facilidade con maquinaria e un camión, mais os exemplares que superan ese tamaño causan un enorme problema para a súa retirada debido a que poden superar os 20 metros de lonxitude e as 30 toneladas de peso.

A atracción que senten as persoas humanas sobre estes magníficos animais fai que en canto se corre a voz da presenza destes leviatáns na costa, deseguida provoca unha grande expectación, amoreándose decenas ou centos de persoas ao seu arredor para marabillarse do seu tamaño e queixarse do seu fedor.

Os motivos dos varamentos das baleas

A presenza de baleas fronte as nosas costas é coñecida dende hai milleiros de anos, xa nos cuncheiros dos castros aparecen restos de osos de baleas, e outros cetáceos, indicio de que, cando menos, aproveitaban os seus corpos mortos varados nas praias.

Posteriormente foi cazada a balea vasca (Eubalaena glacialis) dende a idade media ata a súa práctica extinción, no século XVIII. No século XX foron cazadas e procesadas outras especies de baleas, fundamentalmente balea común (Balaenoptera physalus) e boreal (B. borealis), así como cachalote (Physeter macrocephalus). Isto significa que o paso das baleas e cachalotes, nos seus movementos migratorios, é habitual fronte as costas de Galiza. Antes, como se cazaban, reducíase a posibilidade de que un grande cetáceo entrara na plataforma. Actualmente as baleas son observadas máis preto da costa, mais, non nos di nada este feito sobre a súa abundancia, só que aumenta a probabilidade de poder observalas máis cerca da costa. Só a pequena balea alibranca (B. acutorostrata), que non foi cazada nunca na nosa costa, é quen de achegarse á plataforma e mesmo entrar nas rías a alimentarse, como aconteceu recentemente co avistamento múltiple do Chasula na boca a ría de Arousa.

O feito de que as baleas entren na plataforma e se acheguen máis á costa aumenta o risco de varamento, por unha banda porque aumentan as ameazas sobre os exemplares, a causa das colisións cos grandes buques, da inxestión de plásticos ou da captura accidental en faenas pesqueiras. E por outra, resulta máis doado que un animal con problemas ou enfermidade busque refuxio nas augas costeiras fuxindo do bravo mar maior, mesmo poida chegar a varar aínda con vida como ten acontecido en diversas ocasións. Como no ano 1993, cando unha balea subiu polo seu pé río Grande arriba ata Ponte do Porto, en Muxía.

Os motivos da actuación

O lóxico, e natural, sería deixar que o animal varado apodrecera na costa e dea de comer a outros seres vivos, preeiros e descompoñedores, seguindo o seu ciclo natural. Mais esta posibilidade ocasiona non poucos problemas, primeiro porque hai moi poucos lugares que reúnan as condicións para que eses corpos xigantes poidan ficar alí durante meses ou anos, logo, porque o mar non para e moi posiblemente o fluxo das mareas poida mover o corpo para outro lugar causando máis molestias. Din que no Cabo Touriñán morreu un percebeiro que esvarou na graxa dunha balea varada e abandonada alí, dada a imposibilidade da súa retirada, no ano 2000.

De aquí que haxa que prever financiamento, ou ben incluír unha partida nos orzamentos anuais de Galiza, para solucionar estas situacións.

Durante os últimos 25 anos tense feito de todo cando aparece un grande cetáceo morto na costa, botalo ao mar de novo, que é como quen cuspe para arriba, dinamitalo, fondealo, varalo nun coído, cortalo en varios anacos....mais a solución definitiva dos últimos anos deuse ao retiralo da costa e incineralo, excepcionalmente o esqueleto é recollido con finalidade didáctica pola CEMMA, como no caso do cachalote de Sanxenxo do ano 2003 e da balea de Ponteceso de 2004.

Os elementos necesarios para darlle solución definitiva son os seguintes:

Primeiro unha alerta a tempo, para evitar que o varamento aconteza nun lugar non desexado. Logo precísase da actuación dun remolcador que a amarre e a desprace ao porto máis cercano, alí amárrase ao peirao, coas autorizacións pertinentes, para organizar a loxística que consiste en persoal e maquinaria para cortar o corpo en anacos transportables e finalmente os restos son cargados nun camión, ou varios, para a súa incineración. As maiores dificultades son: quen paga iso e quen asume as decisións.

Competencias

No labirinto das competencias solapadas das diferentes administracións actuantes sobre o mar e a costa, as baleas veñen a causar distorsión debido a que, segundo onde se atopen, dependen duns ou outros as competencias de actuación, ou ás veces de ninguén, sobre todo porque ninguén quere asumir un grande problema, coma un Prestige en pequeniño, e temen a imaxe que van dar diante da cidadanía.

O problema fundamental é o tempo que transcorre entre o venres pola tarde e o luns pola mañá, nese intre é cando o desastre pode agudizarse polo baleiro administrativo e de toma de decisións. Así aconteceu coa balea recentemente rexistrada en Muros o día 3 de novembro. Ao non contar con ninguén que tomara a decisión do amarre do animal o mesmo domingo, coa primeira alerta da súa presenza nas inmediacións do Monte Louro, o mar derivou o seu corpo á praia do Seixal, en Tal, alí o lugar non é case accesible dende o mar nin ten acceso dende terra, polo que as operacións de retirada complicáronse moito, o tempo foi pasando, a descomposición do animal avanzando e todo resultou moito máis complicado e, polo tanto, caro. O animal foi retirado finalmente o mércores ca marea alta ata o porto de Muros e despezado o xoves.

É por iso que compre tomarse estes casos en serio para canalizar cada situación do mellor xeito, tratando de causar o menos impacto posible nas comunidades e economías locais. Xa sabemos que unhas horas de cheiro son innegables onde se despece á balea, mais o importante é que a solución da súa retirada sexa definitiva e non un apaño mal rematado.

Parece que algúns séntense avergoñados pola presenza dun corpo xigante morto nunha praia, tratando de ocultalo baixo a alfombra, cando o único que conseguirá será ter unha montaña de carne tapada cun trapo. Debémoslle algo máis a estes animais dos que durante séculos estivemos tirando moito beneficio, avance e progreso social. Ademais do noso deber de estudalos, e de reducir os impactos humanos sobre eles, temos que darlle o tratamento máis digno que poidamos a aqueles que chegan varar vivos e mesmo aos seus corpos inertes, se é posible, mesmo que nos ilustren nun museo.

Sobre todo, esa é parte do éxito da operación, que as competencias de todo o proceso de actuación sobre os animais mortos na costa estean unificadas en Galiza.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña