08:46 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-11-2013

Os tesouros nosos que neste momento se destrúen tan brutalmente e o método para atallalo. A burocracia e o caciquismo como pexas para a sensibilización colectiva

Os nosos tesouros

Valorar (0)

LOIS DIÉGUEZ



Non se pode amar o que se descoñece. É vello proverbio mostrado pola vida. Coñecemos con seguridade o que hoxe máis que nunca se entende por tesouro: dominio do inglés, manexo do último aparato técnico construído polas grandes empresas do software, e posuír unha mentalidade práctica e apegada en exclusiva ao mundo propio. A miña amiga Xulia resúmeo acertadamente con esta frase: todo o mundo vai ao seu menos eu que vou ao meu. Polo tanto, a vida dunha persoa moderna do século XXI xiraría en torno a estas máximas. Ese é o seu tesouro, e porque o coñece, convértese en meta a conseguir.          

Mais a experiencia, nesa meta traballada, parece que non dá grandes resultados, e a proba está en que levadas tais máximas ao caderno vital de cada persoa, ao final, non consegue unha maior satisfacción ou un maior enriquecemento da súa personalidade; e menos un mellor nivel de vida. A xente nova, con amplos coñecementos ao respecto, vagabundea hoxe polos países de Europa ou Norteamérica sen conseguir un estatus que saia diso de ir tirando cada día, e normalmente nun plano de empobrecedora soidade. O tesouro, pois, pode ser enganoso e actuar de miraxe para ocultar o verdadeiro.          

Supoño que seríamos máis felices se os conceptos de riqueza estivesen máis aproximados á idea de coñecernos mellor o que e a quen nos rodea para poder comprender os outros, e falar así no noso idioma como base máis completa para aprender un segundo ou os que queiramos. Se fósemos conscientes de que o avance tecnolóxico ha estar ao noso servizo (a máquina dominada pola persoa, única forma de romper a escravitude) e non ao revés. Se a dor de moas que poida ter outra persoa nos doese un pouquiño tamén a nós, para así poder compartir esa dor, ou alegría, ou goce de calquera aspecto vital.        

Tesouros, pois, da vida, sempre a compartir se os coñecemos, porque só así combateremos por eles. No práctico e material, estamos asistindo estes días a exemplos que nos asoballan de forma brutal, pois van contra o corazón da riqueza colectiva creada a través dos séculos e dos anos. Refírome á Colección de pintura e ourivería que posuía o Museo Provincial de Lugo e que foi retirada polos herdeiros dun mecenas que nos anos de 1970, deixou en depósito, Álvaro Gil Varela. Galego, sensíbel á nosa produción artística, interesado sempre en que a xente puidese ver e aprender, amar e sentirse reflectida na obra doutros. Nunca a el se lle ocorreu sacar ese tesouro de onde o deixou.          

Pero si aos herdeiros. Pregúntome eu se somos fieis ás persoas que amamos, unha vez mortas, aproveitando os seus tesouros para fins distintos aos que eles determinaron. Se a día de hoxe son propicios  os tempos que vivimos para exercer o mecenado cultivado antano. Mais a xente, que di?, sente esta herdanza como súa ou dálle igual, pase o que pase? Podía ser distinto o desenlace se no seu momento (anos atrás), se xestionase a declaración dese tesouro como BIC e non tarde, mal e arrastro? Se aquela Comisión de Cultura da Deputación non fose afastada de forma tan escura e pola calada?          

Perigo inminente tamén con outra colección artística, a que cos nosos cartos foron amoreando as Caixas galegas de tan fatal destino escrito por quen nos rouba ou quere roubar agora non só os nosos aforros, senón esta magna colección de pinturas, esculturas, instalacións, debuxos ou fotografías, a máis representativa dos nosos artistas plásticos galegos do século XX. Sufrimos por iso ou, preocupados por problemas máis importantes, como é a máxima agora ante calquera reivindicación, pasamos do fondo significado que iso ten para o noso propio desenvolvemento identitario, cultural, ou económico? Dános igual que esas obras poidan aparecer dentro de pouco nos museos, escuros sotos de mafiosos ou tendas de París, Londres, Berlín ou New York?          

Se en toda esta historia me aleda algo é a resposta de grupos ou colectivos que enfronten o problema coa arma máis poderosa, que é a da sensibilización social, precisamente nestes momentos en que non preocupan os temas que non sexan directamente do bandullo. Grupos vivos que aproveiten a experiencia do pasado e rompan coa mecánica burocrática e caciquil que todo mancha e empobrece, pois do contrario volveremos ao de sempre. Aplaudo con forza a rebeldía iniciada por Galiza Cultura e outros colectivos culturais, e mesmo algunha institución, para comprometernos a deixar constancia da nosa repulsa ante un goberno galego que entrega con tanta facilidade os tesouros nosos ao capital dos seus amigos.  E a pedir o obvio: Declaración de BIC ao conxunto da obra unida nunha soa, Titularidade Pública do tesouro, Galiza como espazo onde se exhiba, e Dereito do pobo galego a podelo contemplar. Ese é o camiño: dar a coñecer o noso para así poder amalo, defendelo e gozalo.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña