21:15 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-11-2013

O Cuartel de San Fernando de Lugo, chamouse Hospital dos Inválidos, Casa de Inválidos Inhábiles e na Guerra da Independencia, Hospital de San Fernando

O Cuartel de San Fernando de Lugo. A ruina dun BIC

Valorar (0)

ADOLFO DE ABEL VILELA



O Cuartel de San Fernando de Lugo, chamouse Hospital dos Inválidos, Casa de Inválidos Inhábiles e na Guerra da Independencia, Hospital de San Fernando. O pasado mes de novembro nunha comparecencia no Parlamento de Galicia da directora xeral de Patrimonio da Xunta, María do Carme Martínez, manifestou que a Xunta non quería facerse cargo deste histórico edificio, declarado BIC adquirido polo Concello de Lugo ao Ministerio do Exército para cedelo á Xunta de Galicia para facer o Museo da Romanización.

Esta actitude non so vulnera os acordos tomados no seu día polos responsables políticos da Consellería de Cultura, senón que tamén é un xeito de eludir a súa responsabilidade cargándolle a conservación exclusivamente ao Concello, unha postura pícara que non ten xustificación, xa que a Consellería considerándoo seu, convocou e fallou un concurso de ideas nun edificio que oficialmente non lle pertence, ao que concorreron setenta equipos, para a rehabilitación.

Antecedentes históricos


Lugo foi unha cidade de paso. As tropas que embarcaban ou desembarcaban na Coruña, paraban nunha cidade que na segunda metade do século XVIII non pasaba de 1.200 habitantes, que lles tiñan que dar aloxamento nas súas casas por no haber un cuartel. Quedaban exentos desta obrigación o clero secular e regular e os fidalgos, polo que o compromiso de dar cama, mesa, lume, auga, sal e vinagre, recaía nos máis pobres.

O 16 de decembro de 1748, Fernando VI destina a metade do que recadaba a Real Facenda por arbitrios para facer cuarteis para liberar aos vasalos desta servidume. Esta decisión foi aproveitada polo concello lucense que o 13 de outubro de 1749 solicitou un cuartel a El Rei a través do marques de la Ensenada. O 3 de marzo de 1751 foi aprobada a construcción, pero unha serie de atrancos, principalmente económicos, fixo que se atrasase o inicio das obras ata o 10 de outubro de 1779. O Hospital e cuartel entregouse ao corpo de Inválidos o 27 de abril de 1790. Sobre a súa historia remitimos ao lector interesado a o artigo publicado aquí o 11 de marzo de 2010.

Os despropósitos do novo uso do edificio

O primeiro intento para derrubar o cuartel de San Fernando foi co alcalde Tomás Notario Vacas coa idea de facer un centro comercial no seu solar. En 1998 o Concello, sendo alcalde Joaquín García Diez, chegou a un acordo co Ministerio de Defensa para adquirir o cuartel por 355 millóns, para instalar un centro cultural e un auditorium. Aprobado no pleno do 26 de xuño, convocouse un concurso de ideas ao que se presentaron once proxectos, gañando o concurso o arquitecto lucense Marcos Parga Prado.

Aínda que se dixo que o proxecto era moi respectuoso co edificio non era así, xa que o mutilaba cortando a parte central da cruxía oeste para inserir un cubo de cristal. Recorríase ao efecto espello para completar visualmente o patio. Nunha xustificación truculenta dicíase que coa desaparición desta parte recuperábase a primitiva planta en U do edificio o que era unha verdade a medias xa que o edificio de planta rectangular cun patio central, non se terminou por razóns económicas, de maneira que quedou un terzo sen construír, quedando o patio aberto cara ao sur, terminándose en 1865. O arquitecto abríao cara ao oeste.

Nese momento o edificio estaba protexido polo PEPRI con nivel de catalogación 2, correspondente a edificios singulares e de elevado valor arquitectónico, histórico e cultural, impedindo en teoría a actuación que se propuña, pero no interior deixábase a posibilidade de eliminar o edificio, ao especificarse que esa unidade de actuación deberíase dedicar a dotación cultural “coa conservación ou non” do edificio.

Ao estar declarada a Muralla Patrimonio da Humanidade, ICOMOS opúxose á construción non só pola mutilación que sufría o edificio senón tamén polo seu excesivo volume e o seu impacto visual sobre o monumento debido á súa proximidade.

Foi entón cando a Consellería de Cultura e Turismo iniciou os trámites para destinar o edificio a Centro de Interpretación e Museo da Romanización de Galicia e declaralo BIC coa categoría de Monumento, para evitar a súa destrución total ou parcial, o que tivo efecto por decreto do 9 de xullo de 2009. Tamén se convocou un concurso de ideas para rehabilitalo, ao que se presentaron setenta propostas gañando a presentada polos arquitectos madrileños Pedro Colón de Carbajal e Raquel Buj García, que foi recorrida por un equipo concursante por considerar por considerar que non se adapta ao preceptuado no artigo 39 da Lei do patrimonio Cultural de Galicia de 1995, para os BIC, no artigo 72 do PEPRI de Lugo, e nas bases do concurso, estando pendente de faio no Tribunal Contencioso Administrativo.

Así que o que non conseguiu o tempo en 222 anos, estao conseguindo a desidia dunha administración, a Xunta de Galicia, que ten obriga por Lei de conservar o patrimonio histórico e cultural común. A ruína que o ameaza é un episodio máis que engadir a súa dilatada historia.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña