19:04 Venres, 20 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-10-2013

Bertold Brecht formula o dilema de como unha persoa pode ser boa e xusta, e ao mesmo tempo sobrevivir nun mundo capitalista, onde a exclusión e a explotación humanas son o fundamento da sociedade

"A alma boa de Galiza"

Valorar (0)

FRANCISCO GRAÑA



Na súa obra dramática "A alma boa de Sezuan", Bertold Brecht, formula o dilema de como unha persoa pode ser boa e xusta, e ao mesmo tempo sobrevivir nun mundo capitalista, onde a exclusión e a explotación humanas son o fundamento da sociedade.

Na obra do autor alemán; tres deuses que chegan a Sezuan, provincia china situada ao leste do Tibet, europeizada e  semifeudal, coa misión de atopar cando menos unha persoa de bo corazón e pura de alma. Buscan un lugar onde se aposentar e finalmente hospedaos a prostituta Shen Te. Cando os deuses teñen coñecemento dos seus problemas económicos, paganlle polo seu aloxamento unha pequena fortuna. Esta acumulación orixinaria, permite a Shen Te obter un pequeno estanco e deixar a prostitución. A cambio desta pequena fortuna, Shen Te promete aos deuses comportarse no futuro dunha maneira recta e boa. Mas a súa dedicación desinteresada aos pobres e abandonados levaa axiña a esgotar todas as súas reservas financeiras, e case á perda da tenda de tabaco.

Para facer fronte a este desafío “ser bo e porén vivir” divide a súa personalidade asumindo o papel dun curmán imaxinario, dun xeito intermitente, Shui Ta, co fin de salvar a súa fortuna e mesmo incrementala, empregando sen escrúpulos os medios necesarios, por crueis que sexan......Con iso, consigue non so manter o estanco, senón fundar unha fábrica de tabacos e posteriormente multiplicar por Sezuan unha morea  de fábricas. Deste xeito, Shen Te permanece inmaculada, mais sen coincidir nunca co malvado Shui Ta. A pesares de descubrirse esta dupla personalidade, os tres deuses seguen a considerala a alma boa de Sezuan, coa recomendación de que Shui Ta apareza publicamente coa menor frecuencia posible.

Portada do libro "A alma boa de Sezuan" de Bertold Brecht na súa edición en alemán

Tamén na Galiza, que vive hoxe nun moderno capitalismo colonial, atopamos almas boas como na fábula de Bertold Brecht. A recentemente falecida Rosalía Mera ilustraria esta situación. Co-propietaria do emporio téxtil INDITEX, tratase de unha muller feita así mesma, que naceu nun fogar humilde do barrio obreiro coruñés de Monte Alto e levantou  un poderoso grupo empresarial case da nada, dende o seu entorno laboral e familiar, xunto cos irmáns Ortega. Neste núcleo obtén a necesaria acumulación orixinaria de capital, co que atopa  na miseria colonial galega o caldo de cultivo perfecto para conseguir chegar a ser a muller máis rica do Estado español e unha das primeiras a nivel mundial, segundo a revista Forbes. Unha millonaria que non renega das súas orixes, comprometida publicamente coas ideas de “esquerda”, defensora da sanidade e ensino públicos, que participou persoalmente en movementos sociais como Nunca Mais e o 15-M, e, por suposto mantén unha forte sensibilidade” galeguista”, (os seus netos levan nomes galegos e acoden a escola pública). Pero a diferenza de Shen Te, a alma boa chinesa, non ten necesidade de escindir a súa persoa, e deste xeito, resolve o dilema de ser boa, sendo coherente coas súas ideas persoais e chegando ao cumio do poder económico, recorrendo á DELEGACION das actividades económicas en perversos asesores, malvados xerentes e crueis e despóticos capataces externos e subcontratados, ficando as relacións cos seus subordinados ocultas por pertencer ao ámbito do privado. O moderno sistema capitalista colonial galego, permítelle todo iso e ademais apoiaa nos seus compromisos sociais públicos, afastados do puro asistencialismo e a beneficencia. Grazas aos beneficios fiscais as súas fundacións, como Paideia Galiza e outras boas obras, son verdadeiros investimentos de negocio, dos cales obtén suculentos dividendos.

Entrementres, o imperio Inditex desenvólvese a nivel transnacional a costa do suor e sobre-explotación das costureiras galegas en condicións infrahumanas, aproveitando a pobreza inducida no pais pola opresión colonialista. Traballo clandestino autónomo, sen contratos, sen seguridade no traballo, sen seguridade social, con longas xornadas extenuantes en locais inmundos sen ventilación, sen unhas mínimas condicións sanitarias... Todos os riscos do negocio son asumidos, sen papeis, por ducias de pequenos talleres clandestinos que adiantan o seu traballo, os gastos e a manufactura, baixo as normas e prezos impostos polo emporio téxtil. A Inditex cábelle o mérito de ter deseñado un novo método de escravitude salarial. Este modelo de negocio, “modelo Inditex”, deslocaliza a produción no Magreb e nos países asiáticos, Marrocos, Bangladesh, India e outros lugares, Brasil e Arxentina, onde efectivamente Inditex foi denunciado polas condicións de traballo e o emprego de menores. Teñense producido varios incendios pequenos con mortos, e un grande nunha gran fábrica téxtil utilizada por varias multinacionais europeas do téxtil, Inditex entre elas, debidos á falla de seguridade, causando máis de mil mortes en Dacca, capital de Bangladesh. Todo isto que xunto coas denuncias recibidas, está cuestionando este modelo de negocio. Ultimamente estanse a producir mobilizacións de centos de milleiros de traballadores do téxtil en Bangladesh en demanda dunhas mellores condición de traballo.

A pesares de seus contratempos, podemos dicir que co goberno do Partido Popular, o grupo Inditex ten o negocio asegurado, grazas ás súas eficientes políticas que agrandan e afondan a pobreza neste Pais, desde o Goberno e a Xunta de Galiza do PP, criándo un paraíso laboral para que as galegas e os galegos aceiten de bo grado o “traballo” que os ingratos traballadores de Bangladesh e doutros países poidan hoxe rexeitar.

O colmo da bondade é, sen dúbida, o xeneroso financiamento dun Sindicato téxtil na India por parte de Rosalía Mera ( será para axudar á precariedade, aínda máis, nas condicións laborais do gran pais); pero con motivo do seu enterro chegase ao despropósito dos Sindicatos españois, CCOO e UGT, louvaren o seu modelo de empresa e talante empresarial. Aínda que, ao cabo, estas louvanzas resultan coherentes coa política sindical de submisión e colonización das e dos traballadores galegos levada desde a transición polos mesmos, criando as condicións laborais idóneas para este depredador modelo empresarial. As gabanzas dos representantes da política españolista e da prensa controlada e pagada por Inditex e outros aduladores profesionais, resultan máis axeitadas.

Xa que logo, a existencia de persoas boas ou malas é un falso dilema, malia que constitúe un valioso elemento de distorsión ideolóxica, por mediación do cal o poder económico enmascara a súa dominación colonial e de clase, so a forma dunha simple cuestión de xenialidade e moral individualista. E esta distorsión manipuladora é extensíbel a todo tipo de persoeiros da política, economía...

O que realmente necesita Galiza para rematar con esta vergoña, é de galegas e galegos conscientes, que loitemos e traballemos pola autoorganización do pobo desde o nacionalismo galego, defendendo os dereitos colectivos e individuais que nos pertencen. Hoxe non somos moitos as persoas empeñadas nesta tarefa irrenunciábel, pero máis cedo ou máis tarde, seremos máis até acadar no futuro a maioría social do pais. Como nacionalistas estamos, e esa é a condición de ser nacionalista, absolutamente seguros e convencidos, da capacidade de Nós como pobo e nación para erradicar por nos mesmo a opresión colonial e a pobreza inducida, cunha Patria Soberana.



[07-10-2013 15:30] Alarico comentou:

É bom saber que a reflexom para artelhar a loita de classes com a emancipaçom nacional nom só é precisa senom necessária. Só podemos ser livres como Naçom se somos livres como povo e classe.

[05-10-2013 09:00] tito comentou:

Gostei imenso do artigo, parabens ao autor.

[04-10-2013 13:49] Xose de Navia comentou:

Xamais perdas o norte amigo Graña

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña