17:50 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-10-2013

O Padre Sarmiento e conclúe que ao igual que a CASTILHA da meseta, a súa orixe está na abundancia de antigas fortificacións ou castelos, e tudo procedendo do neutro latino plural, CASTELLA

A Castela galega e a Castielha castelhana

Valorar (1)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Nos documentos medievais de Pontevedra,ao tratar do xeito de comercializar o viño na cidade, fálase do “viño ullao” e do “viño castelao”.

Parece claro que o primeiro fai referencia ao viño procedente das ribeiras do rio Ulla (Ullao),mais cando fala do “viño castelao”estase referindo, non ao viño da Castela castelhana, senón ao da Castela galega, que era como se designaba daquela ao que hoxe chamamos “Ribeiro de Ávia”.      
CASTELA, era a denominación de unha das “dignidades” ou distritos que poseía o bispado ourensán, ao igual que as terras que hoxe son de Verín, eran chamadas daquela, BARONCELLE, e preguntámonos se non será esa a raíz de dunha caste de viño e de cepa que se chama aínda hoxe o BRANCELLAO, ou sexa, BARONCELIANO.    

Antigas terras do Ulla, de Castela e de Baroncelle nomeando aos seus viños: Ullao, Castelao e Brancellao.    

Nese nome da CASTELA GALEGA xa tiña reparado o P. Sarmiento e conclúe que ao igual que a CASTILHA da meseta, a súa orixe está na abundancia de antigas fortificacións ou castelos, e tudo procedendo do neutro latino plural, CASTELLA.      

Acontece  que na zona do Ribeiro houbo castelos, como o de ROUCOS ou o da PENA CORNEIRA,  pero non en maior densidade que noutros lugares do Pais.      

O caso é que esta zona xa se chamaba  CASTELA antes de que fosen construídas estas fortificacións, moitas delas derrocadas nos tempos dos Irmandiños.      

O nome de CASTELA xa se nota en un documento do ano 887 e é posíbel que xa antes se usase tal nome para designar as terras dos actuais concellos de CEA e AMOEIRO así como o RIBEIRO  de AVIA .    

A CASTILHA  da Meseta xa aparece documentada no ano 800 como TERRITORIO CASTELLE e, como na Galiza, as fortificacións medievais son de posterior feitoría.      

O Filipe Senén suxire que o nome de “castelos” é usado popularmente pola xente para designar as penelas ou moreas de pedras encabaladas que sobrancean nos nosos montes.      

É certo que os penedos abondan nesta zona, se pensamos en toda a serra da Pena Corneira, aínda que non lle acaecería tan ben á Castilha burgalesa.    

O noso faro toponímico e a nosa metodoloxía lévanos a ensaiar unha interpretación mais “materialista” e menos descritiva do caso.    

Os nomes dos lugares débense ao modo de produción dominante, neste caso, o feudal, i- é nos seus medios de produción, nos traballos da xente, onde imos procurar a orixe do topónimo en cuestión.      

A orixe do chamadeiro está relativamente próxima aos nosos tempos, polo menos non é dos tempos dos romanos, senón que é un nome de orixe medieval( pensade que o nome latino da Castilha mesetaria era BARDULIA). Deberon ser aqueles tempos de gran aumento populacional nas dúas CASTELAS, a galega e a castelhana, por tanto debeuse sentir a necesidade de colonizar e decruar novas terras para dar acomodo ás novas masas de xente.

Este xeito de rachar,mondar e domear terras incultas foi chamada popularmente co verbo CACHAR. Velaí un infinito interminável de topónimos como: CACHAFROIA CACHAEUSENDA CACHAMUIÑA CACHALVITE CACHAGONZA CACHAREQUILLE,ETC….    

Onde se asocia a cada CACHA o nome do seu posesor ou primeiro decruador; reparamos que son todos nomes xermánicos ou sexa suevos, o que nos indica o temperau desta colonización.    

Velaí os REQUILA,GONZA,MONINIA,ALVITO,ALDUARA,EUSENDA ou FROIA,….    

Nosa opinión é que, esa palabra CACHA debe proceder dunha antiga CÁSTELA ou CÁST`LA, e esta dun verbo CASTAR derivado de CASTUS. O apelido que o pobo lle puña aos reis nunca era laudatorio: o Craso,o Doente, ou a Louca son bós exemplo diso.    

O mesmo Afonso II, o CASTO,seica non debía o chamadeiro á limpeza e pureza da súa vida senón mais ben a certas carencias, cortaduras ou “capadócias”que o pobo lle atribuía e que afectaban á unha normal relación conxugal coa súa dona, a raíña Berta.    

TERRA DE CÁSTELA, non sería nesta altura, terra de castelos, senón “terra castrada”, ou sexa rompida e decruada; designaba o feito de pasar de ser terra brava a mansa.  

Na fala de hoxe por “ castrar” unha colmea, entendemos o feito de obter un beneficio dela, cortando os fabos ou entenas para aproveitar o mel.     E aínda intuímos que o CASTIÑEIRO debe o seu nome ao feito de que para facelo ben produtivo era preciso demoucalo, ou sexa “castralo”e logo inxertalo; isto vese ben nas caracochas que rodean o convento de S.ESTEVO DE RIBAS DE SIL.  

A este respecto ISIDRO de SEVILLA da outra interpretación freudiana do nome , pois sostén que o nome de CASTIÑEIRO débese a que ao rachar os pontudos ourizos aparecían dous como “testículos” ou castañas. Transformar un monte bravo nunha fortificación esixe o traballo de “castralo”,ou sexa recortalo e domealo hasta ser transformado nun CASTRO.  

Os CHAOS DE CASTELA, que eran as terras de Cenlle, San  Amaro,Amoeiro e Maside deberon sofrir , neses tempos, ese proceso de ser curtidas,rotas e CASTADAS ou CASTELADAS, no falar de hoxe,CACHADAS. Aquelas masas humanas que farían ese traballo, dirixidos por súas autoridades feudais, eclesiásticas ou civís, precisarían, en tempos posteriores, defender as novas terras conseguidas e construirían os CASTELOS, palabra esta culta e con un sentido militar de defensa, diferente do significado exclusivamente agrícola que tivo nos séculos VIII e IX.  

A palabra CÁSTELA ficaría conxelada na designación documental e culta pero paralelamente evoluiría na boca do pobo até chegar a CACHA seguindo este camiño Terra de CÁSTELA > CAST´LA > CASCHA > CACHA.  

Facer unha CACHADA na fala de hoxe sería o mesmo que facer unha CÁSTELA no falar dos devanceiros.  

Así, TRIA CASTELA, nas centeosas e trigueiras terras luguesas, terá mais a ver coas cachadas medievais que con uns supostos tres castelos que non aparecen por ningures.  

Por tanto a CÁSTELA dos sec. VII,VII e se cadra IX, sería unha verba agrícola con un sentido totalmente diferente ao defensivo e militar que se lle da nos séculos posteriores cando se falaba de “VICUS  E CASTELLA”.  

Por tanto pensar que CASTILLA chámase así por ser terra de castelos, pertence ao “constructo” cinematográfico da visión ideolóxica da historia que papamos nas nosas escolas, pero pouco ten a ver co que debeu ser a realidade daquel tempo.



[02-11-2013 19:36] bernardo comentou:

Moi ben Cesiñar coma sempre me aportas cousas novas,e moi ben razonadas.unha aperta.

[15-10-2013 11:48] Ernesto Vázquez Souza comentou:

Os castelos de pedra, com torres são do século IX, mas desde o século III há castelos de madeira, paliçadas, e plataformas, sobre motas e fortificações rochosas,

Castela teria dessas fortificações típicas de fronteira... das que depois evoluiriam em não poucos casos as torres e os castelos...

http://www.berkshirehistory.com/castles/images/hampstead_nor_cast.jpg

[11-10-2013 15:55] lila comentou:

Moi ben este artigo despois de tantos e tantos outros artigos que so falan das dasgracias actuais. vese que ainda hai alguèn que ten ganas de bromas eso si moi ben documentadas e razonadas.

[11-10-2013 08:59] salga2 comentou:

Como sempre o compañeiro Cesar deléitanos cos seus enriquecedores artigos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña