04:53 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-04-2010

O decrecemento aparece como o mellor slogan contra o capitalismo

Decrecemento, a revolución necesaria

Valorar (8)

MANUEL SOTO CASTIÑEIRA



Nos últimos anos tomou forza a idea do decrecemento, quizais agora impulsada por unha crise que, efectivamente, está a xerar crecementos negativos nas economías occidentais.

Porén, é un erro falarmos do "decrecemento actual" xa que estaríamos a confundir a simple crise de crecemento do modelo capitalista na que se decrece, pero sen modificar no máis mínimo o modelo capitalista, coa idea do alternativa de decrecemento.

O decrecemento como slogan busca poñer de manifesto, primeiro, a imposibilidade real dun crecemento económico ilimitado ou continuado no tempo (exista ou non crise financeira) e, segundo, as consecuencias negativas en todas as ordes, no medio natural, na cohesión e a equidade social, e na emancipación humana, dese crecemento esaxerado.

Galiza fíxose eco tamén deste debate na recente Semana de Filosofía de Pontevedra, cunha conferencia do sociólogo e filósofo Joaquín Sampere, quen entende o decrecemento como un paso necesario cara unha economía ecoloxicamente sustentábel. Mesmo, segundo ten declarado, é máis partidario de falar de sustentabilidade ecolóxica que de decrecemento.

DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL?

Compre repararmos un chisco na cuestión terminolóxica, pois outros pensadores como Serge Latouche ou mesmo Carlos Taibo (http://www.adega.info/info/090121joomla/files/revista%20CERNA/CERNA%2058.pdf) afirman que a idea do desenvolvemento sustentábel debe ser tamén superada (a favor do decrecemento) por considerar que foi apropiada pola ideoloxía do crecemento, polo capitalismo. O ecoloxismo, ao menos no noso ámbito, mantén a adhesión á idea da sustentabilidade ambiental como concepto básico sobre o que trazar o desenvolvemento humano. Neste sentido, o concepto de desenvolvemento sustentábel para nada se pode confundir coa idea do crecemento sustentábel ou crecemento verde, senón mais ben ao contrario, xa que crecemento e sustentabilidade son conceptos antagónicos e incompatíbeis.

En realidade, o que vemos detrás desta maraña é o intento do sistema por apropiarse e deturpar un concepto para, desa forma, anular a posíbel consolidación dunha vía de pensamento crítico co modelo. Cabería dicir que o mesmo ocorreu co termo "ecolóxico", mais que hoxe podemos considerar que resistiu a pretendida usurpación. De aí, pois, que, a pesar do uso deturpado hoxe do concepto de sustentabilidae, o ecoloxismo se resista a abandonalo. Podemos, pola contra, dar cabida ao termo decrecemento, sen abandonar a idea de que as sociedades e os pobos deben evolucionar e desenvolverse, e unha boa parte da humanidade aínda crecer, dentro sempre dos límites físicos e de sustentabilidade impostos polo ecosistema.

CRECEMENTO E CRISE ECOLÓXICA

Máis aló das cuestións terminolóxicas, o elemento básico é decatármonos de que o crecemento ilimitado é imposíbel e que a situación na que nos atopamos as economías e as sociedades do Norte é o resultado dun modelo capitalista que se basea precisamente no crecemento ilimitado. O noso modelo de vida é o resultado dun crecemento que se basea no industrialismo e no produtivismo, por unha banda, e no consumismo, por outra, como caras dunha mesma moeda. Dun crecemento que require a extracción continua de materias primas e o vertido de residuos nun modelo lineal de metabolismo lonxe de reconverterse minimamente nun modelo cíclico.

Mais todo isto xa o sabemos?. Diríamos que si, pois van xa catro ou cinco décadas de debate e preocupación sobre esta problemática. Mesmo desde dentro do sistema, o Club de Roma fixo xa en 1971 unha achega fundamental publicando o informe "Os límites do crecemento". Mais tamén temos que dicir que maioritariamente, social e individualmente, seguimos actuando como se non creramos na existencia de tais límites, e seguimos inmersos, pola contra, na ideoloxía do crecemento ilimitado.

O metabolismo lineal das economías e as sociedades do norte, coas enormes cantidades de recursos produtivos (territorios, materias primas, enerxía)  que engule e as cantidades proporcionais de residuos e emisións que xera, estivo na base da crítica ecoloxista ao modelo de crecemento e consumo. Hoxe estamos xa na antesala do esgotamento de moitos destes recursos e da perda de calidade de recursos básicos como os alimentos, a auga e o aire, afectados irreversiblemente, en parte, polos detritos dese mesmo metabolismo.

O esgotamento dos recursos enerxéticos fósiles está no horizonte das actuais xeracións máis novas ou incluso nas de mediana idade. Un escenario acompañado tamén polo esgotamento doutros moitos recursos produtivos (por exemplo, o fósforo como fertilizante agrícola, entre outros). A sociedade humana enfróntase desta forma a unha crise ecolóxica de fondo, cuns horizontes aínda máis próximos do que vimos dicindo, como consecuencia do fenómeno da mudanza climática. Unha mudanza na que xa estamos inmersos, mais que pode atinxir consecuencias verdadeiramente catastróficas.

O DECRECEMENTO COMO SLOGAN ANTICAPITALISTA

O decrecemento pode verse como un obxectivo desexábel (desde o Norte, e desde Galiza, por suposto) ou como unha realidade que o futuro inmediato nos imporá. Samper pono de manifesto coa seguinte expresión: "Non quere deixar de consumir? Tranquilo, que xa te obrigará a realidade! (http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2010/04/11/quiere-parar-consumir-tranquilo-obligara-realidad/428073.html). Mais isto pode non ser así para todas as persoas.

Na medida que unha catástrofe global se vaia adiando, o capitalismo pode manterse por tempo (Latouche aventura o colapso entre 2030 e 2070), a costa de seguir dilapidando recursos e intoxicando o planeta, e a costa da segregación e o agravamento das diferenzas sociais, a través do rearme interno co recurso aos fascismos, e externo mediante as guerras. Fronte a esta agonía traumática do sistema, para nada o mellor dos escenarios posíbeis, compre reforzar a análise critica do modelo de crecemento e do propio capitalismo.

O decrecemento aparece así como o mellor slogan contra o capitalismo. Mais non se trata simplemente de non crecer, algo do que nestes anos xa se encarga a propia crise capitalista, senón de identificarmos que sectores deben decrecer e en que áreas xeográficas é prioritario. Que cambios radicais nas formas sociais e nos modelos de produción e consumo deben acompañar ao decrecemento. Que modelos e experiencias de autoorganización, produción e consumo sustentábel podemos promover a afianzar. Como crear por esta vía un enramado social de resistencia e novas oportunidades para reaxir fronte á catástrofe que se aveciña.

NACIONALISMO E ECOLOXISMO

Como pon de manifesto Michael Löwvy, quen tamén participou na Semana de Filosofía de Pontevedra (véxase a entrevista en A Nosa Terra, 15/04/2010), a ideoloxía do crecemento foi adoptada tanto pola dereita como pola esquerda. A crítica ao consumismo escoitouse desde calquera posición social, mais sempre soou a coartada para botar balóns fora. Se queremos buscar, no noso ámbito, un sector da acción social que ao longo do tempo, das últimas décadas, mantivera unha posición máis clara ao respecto, este foi sen dúbida, o ecoloxismo.

Vexamos neste contexto ideolóxico e de percepción da realidade a defensa de obxectivos de redución do consumo e mesmo da produción. O ecoloxismo ten buscado diferenciadamente cales son os sectores, mercadorías e servizos que deben decrecer. Velaí a súa posición sobre as centras térmicas de carbón ou gas natural, sobre os biocombustíbeis, sobre o tren de alta velocidade, o automóbil particular ou as autoestradas. Velaí tamén a defensa da sobriedade no consumo e no gasto (a redución na orixe!), a reutilización, a reciclaxe, os cultivos ecolóxicos, a soberanía alimentaria, as enerxías renovábeis ou o comercio xusto.

Desenvolver unha alternativa social ampla ao actual modelo non é tarefa doada. O nacionalismo galego preséntase como aglutinador de diferentes sensibilidades e ten acadado unha importante presenza social e mesmo institucional que xulgamos imprescindíbel para ser alternativa críbel diante dunha maioría social. E xulgamos isto esencial para construírmos un modelo alternativo ao actual sen pasarmos pola destrución dos valores seculares do pobo galego e o sufrimento de importantes camadas da nosa sociedade, de moitos e moitas de nós mesmos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña