12:06 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-09-2013

Neste artigo afondaremos un chisco sobre o lixo sólido no mar e a educación ambiental

Limpar ou non limpar o mar esa é a cuestión

Valorar (0)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Igual que durante moito tempo se pensou que o mar non tiña cancelas, tamén se considerou que non tiña fondo, e,  igual que se lle foron pondo cancelas ao mar, cada vez vemos o fondo máis preto da superficie. Mais, non por iso acadamos colectivamente un nivel de sensibilización suficiente como para frear, e mesmo recuperar, a situación ambiental do mar. O máis doado de ver, e de reconducir, é a situación do lixo sólido e visible e sobre todo dos plásticos, un verdadeiro problema planetario.

Durante este ano a través de tres artigos titulados Contaminación mariña I, II e III, debullei os tipos de contaminación que a humanidade produciu no mar, causou danos que neste momento están impactando contra a saúde do medio ambiente e mesmo da humanidade. Neste artigo afondaremos un chisco sobre o lixo sólido no mar e a educación ambiental.

A era dos plásticos

O século XX podería dicirse que supuxo o inicio da era dos plásticos, sen dúbida foi un dos mellores inventos modernos. Baixo esta catalogación inclúense todo tipo de substancias sintéticas obtidas mediante polimerización, proceso químico que agrupa moléculas con carbono en macromoléculas de longas cadeas, de compostos derivados do petróleo e outras substancias naturais. Todas elas teñen a propiedades elásticas e flexibles. Inicialmente o termo utilizouse para definir as características de mobilidade e cambio de forma da materia: a plasticidade. A orixe destes materiais parece que provén dun concurso, no 1860, para substituír o marfil natural das bolas de billar por outro tipo de material, daquela o estadounidense John Wesley Hyatt presentou un produto derivado da celulosa.  Posteriormente, no 1909, Leo Hendrik Baekeland, químico estadounidense de orixe belga, sintetizou varias resinas, produtos plásticos como a baquelita ou un novo tipo de soporte fotográfico, así deu comezo a era do plástico.

Antes do plástico, algunhas das ferramentas e utensilios como cubertos, peites, recipientes, adornos, etc., construíanse de madeira, cerámica, barro, nacar, cuncha de tartaruga, corno e mesmo barbas de balea, mais só estes tres últimos tiñan algo da milagrosa característica da plasticidade. Esa diversidade de materiais foi substituída polos máis diversos tipos de materiais plásticos sintéticos baratos e abondosos.

A variedade de materiais clasificados como plásticos é actualmente enorme, mais todos teñen unhas características comúns, a máis da plasticidade, como a baixa densidade, impermeabilidade, illamento eléctrico, térmico e acústico, baixo custe de produción, resistencia á corrosión e baixa biodegradabilidade, todas elas fan que sexan de aplicación case infinda. Estas dúas últimas características son unha beizón durante o uso dos materiais, mais transfórmanse nun verdadeiro problema no momento do remate da súa funcionalidade e converterse en lixo, pois algúns deles son practicamente eternos. Os compoñentes plásticos, ao ser moléculas inexistentes na natureza e inexpugnables á degradación, non son susceptibles de seren asimilados pola natureza.

A reciclaxe limítase a recollelos, limpalos e fundilos de novo en materia prima para crear outro novo produto plástico, mais non todos eles son susceptibles deste proceso de reciclaxe.

A diminución da produción de petróleo levou a xerar materiais plásticos biodegradables de orixe diverso, amidón, celulosa, microorganismos ou proteínas.


Contaminación ambiental

Unha simple goma de mascar tarda en degradarse cinco anos, as botellas e bolsas entre 100 e 1000 anos. Os microorganismos non teñen por onde atacarlle, as macromoléculas son case indestrutibles. Mesmo a degradación co tempo o único que fai é desfacer o envase en anacos pequeniños ou microscópicos, mais seguen sendo imposibles de asimilar no medio. Os compoñentes plásticos pasan a converterse en parte das substancias que constitúen a contaminación invisible.

Ao longo do século XX os plásticos foron usados á lixeira, se ben lembro ás avoas levar as bolsas plásticas pregadiñas nun pequeno triángulo ao mercado, reutilizándoas varias veces mediante o lavado e tendido posterior, xunto ca roupa, tamén lembro os carros de parisia, esterco que se ía buscar ao vertedoiro periurbano, coa que se estercaban os campos. Aquela engádega viña absolutamente chea de cartón e de plásticos, se ben o cartón ficaba na terra, os plásticos remataban voando ou ondeaban na vara dalgún toxo medio soterrado, procedente do esterco das cortes, co que se mesturaba nas leiras. Daquela era un indicio de que algo non ía ben, mais ninguén era quen de analizar e atallar a situación. No mar, no pañol grande, a cousa era menos evidente, todo tragaba. Mais, co tempo, a sopa de plástico mariña deu en facer un mar dos argazos nos lugares do centro de xiro nos océanos Pacífico, Atlántico e Indico, lugares sobre os que pivotan as correntes oceánicas.

Que facer?

O que facer xa o sabemos: retiralos do medio, o caso é cando e como. Cando?, canto antes, e sobre o como... convértese noutra nova pregunta, e quen paga iso?. A esta pregunta xa podemos responder: as institucións non.

A solución ten que vir por tres vías, a primeira: retirar o que hai, e non tardaremos moito en pescar plásticos, pois non hai que esquecer que cada barco arrastreiro pode tirar das súas redes diariamente 400 kg de plásticos, que voltan ao mar ao non existir canles para a recollida dese residuo, e tamén haberá que ir retirar os novos continentes flotantes dos océanos.

A segunda vía é o uso racional, que se define na produción de materiais plásticos biodegradables e non contaminantes, reducindo e abandonando os derivados do petróleo. Nesta vía tamén podemos introducir a redución do uso, como de embalaxes innecesarios e mesmo a mudanza de costumes, promovendo o uso de recipientes por parte do usuario para reducir as embalaxes dos establecementos, case diría rehumanizar o mercado, que implica tamén outras moitas máis cousas.

A terceira vía é a educación ambiental, para evitar repetir os mesmos erros do pasado, procurando un uso racional e unha reciclaxe efectiva dos materiais plásticos.

As limpezas da costa e submarinas que diversas entidades, ambientais, de mergulladores e mesmo do sector pesqueiro, están promovendo, son un bo exemplo de educación ambiental mariña. Estas actividades aínda minoritarias, e mesmo incomprendidas, son actividades cun grande impacto nos participantes, aínda que sigan sen interiorizar que todo ese lixo poida saír do fondo do mar sobre o que nadan, navegan e pescan, e que imaxinan cun fondo virxinal e impoluto.

Especialmente importante é no caso d@s cativ@s que teñen contacto por primeira vez coa ampla variedade de fauna que conquista e usa como soporte todos eses materiais que saen do fondo, non só plásticos, tamén trebellos de metal e madeira, e que cada ser adapta, ou se adapta, para constituílo na súa casa e o seu universo. O papel destes participantes é recoller todos aqueles seres que aínda vivos poidan voltar ao mar, polo que a súa participación na actividade é dobremente enriquecedora, non só conseguen que o mar estea menos contaminado senón que recuperan e devolven ao mar a eses seres que merecen sobrevivir a unha contaminación que les non xeraron.

Ver devolver ao mar os animais vivos por esas mans que están aprendendo da vida é un símbolo de esperanza nun mundo aos que moitos, xa case vellouqueiros, vémoslle unha inaprazable data de caducidade.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña