09:35 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-09-2013

Como se lle pode chamar hoxe a eses presidentes de distintos países que invaden outros nas fins de semana como se se fosen de caza ás leiras que queren roubar? A necesidade de alternativas axeitadas e valentes para combater a nosa impotencia

Sedarnos

Valorar (0)

LOIS DIÉGUEZ



Hai xa máis de 20 anos que o goberno dos EE.UU. ten na súa criminal axenda a invasión de Siria. A creación dese Eixo do Mal precisamente polos guerreiros máis sanguinarios do mundo (tamén invocando a Deus) foi a baza coa que xogaron e seguen a xogar dese xeito monstruoso en canto os seus interese de roubo, control e sometemento dos distintos países, perigan. Nos aspectos ideolóxicos e de fondo non é diferente Obama a Bush. En que? Non basta con ser liberal, negro, guapo e simpático, imaxe deseñada para un momento social que o pide. Para ser diferente hai que se guiar por unha ideoloxía avanzada, de respecto ás persoas e nacións, democrática e xusta, e iso nunca o permitirán as grandes empresas que controlan economicamente as elección en USA, chamadas democráticas. Pola simple razón de que, se o fosen, non sacarían esas enormes ganancias cuxas cifras nos poñen a tremer. A morte de centos de miles de persoas entran nestas operacións económicas que multiplican as súas contas de rapina.                              

Para exemplo práctico chega con mirar a situación dos países invadidos recentemente e sometidos á pouta dos gobernos estadounidense, inglés, francés e todos ou case todos os que compoñen esa alianza militar que campa polo mundo ao seu antollo e sen que os organismos internacionais o impidan, e refírome a Afganistán, Irán, Irak, Libia, ou nun aspecto diferente, Palestina. Quen controla hoxe as súas economías? Quen o seu petróleo? Quen os deixou na pobreza e sufrimento que xamais tiveran  e sometidos a gobernos lacaios dos imperialistas na maior parte dos casos? O inferno creado por estas potencias nesta parte do mundo confirma sobradamente a súa política asasina.                              

E 100.000 mortos en Siria que agora queren multiplicar, porque o que está a ocorrer é responsabilidade dos imperialistas citados, pois organizaron, armaron e adestraron os mercenarios, terroristas e fanáticos que operan coas armas e coa mentira, e cos métodos máis deshumanizados que agora queren hipocritamente achacar aos sirios e sirias que defenden con heroísmo a súa liberdade e independencia. Ninguén pode ter dereito nen lei a invadir un país. Só esta definición natural e humanista, plenamente democrática, impide as atrocidades que queren agora elevar ao rango de exterminio. Porque Siria é un perigo para os sionistas de Israel,  o exemplo dun país digno que non se someteu nunca nen a eles nen aos EE.UU. e demais comparsas, e sen o cal os palestinos quedarían definitivamente condenados tamén ao exterminio. Sen meternos xa nas súas riquezas que os occidentais queren pillar, e no papel que cumpre con Irán.                    

Sédannos estes días con todos os medios de comunicación controlados polas empresas que poñen a uns e outros (tanto monta...) nos gobernos occidentais. As noticias multiplícanse  estes días con imaxes falseadas, mentiras repetidas e argumentacións axeitadas a unha mentalidade que non pode distinguir o correcto do incorrecto, o falso do verdadeiro. E prohibindo a voz das vítimas que nunca ouvimos. Eu quería ouvir a Al Asad e os e as defensoras da Siria libre e independente para saber as súas argumentacións, mais os demócratas occidentais de toda a vida néganme ese dereito. Como vou coñecer a situación de Oriente Medio se me moen a cabeza cada día só os sempiternos señores da guerra (Obama, Cameron, Hollande o socialista, que sarcasmo...)? Os pobos de occidente sedados, sometidos á mesma propaganda, indiferentes na ignorancia planificada. A súa firme solidariedade e combate é imposíbel nestas ditaduras camufladas, e a invasión que se anuncia parece asegurada.                    

Aplaudo esas pequenas pero importantísimas accións que fan quen son sensíbeis ante o crime e o roubo. Contrarrestar a información imperialista sobre Siria con espazos plurais como o de Sermos Galiza é un respiro ante a impotencia. Informar para liberar. Parabéns. As chamadas ás mobilizacións deste día en que escribo, tamén. Mais  cumpría traballar para darlles voz aos invadidos e ouvílos aquí, na nosa Terra, en Occidente. Os actos deberían fuxir do clásico e usar máis a imaxinación para que o seu efecto incida realmente no noso pobo e non do grupo de sempre. E mirar en profundidade as alianzas entre partidos. Hollande, socialdemócrata, alíase con Obama. O mal chamado socialismo monta bombas e avións tamén para matar. Poden ser aliados nosos? Poden as súas bases estar caladas?

A corrupción dos dous partidos de turno que campan por todo occidente, conservadores e socialdemócratas con distintos nomes, chegou ao paroxismo, aumentou a pobreza no mundo, o asoballamento e as guerras. Poden ser os noso aliados?                  

Batallariamos tamén a impotencia cun escrito dirixido á Corte Penal Internacional, pedindo o xulgamento por crimes de guerra para estes tres presidentes dos EE.UU., Inglaterra e Francia, e todos os demais que teñan as mans manchadas de sangue, escrito para asinar por todos os cidadáns e cidadás dos distintos países. Ben sei que non cumpriría os obxectivos, sabendo quen move os fíos dese organismo, pero axudaríanos a canalizar a carraxe e a concienciar a milleiros de persoas.                    

A impotencia ante a barbarie é o noso maior perigo, porque anima o caos. Mais aínda é posíbel erguer a rosa da esperanza se confiamos en nós e mudamos os estereotipos, e chegamos a eses milleiros e milleiros de persoas que tamén están en contra do crime e da barbarie e que polo momento teñen silenciados.


[07-09-2013 10:15] branca comentou:

Totalmente dacordo co artigo e tamen na necesidade de potenciar actos distintos, varios e plurais que poidan facer comprender a barbarie que se esta facendo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña