13:43 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-08-2013

Somos nacionalistas. E iso significa que a resolución das contradicións de clase na Galiza ou pasan por un proceso de liberación nacional ou sinxelamente non se resolven

A soberanía non se aparca

Valorar (0)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ



Nos tempos que corren, convulsos e confusos, é recorrente un discurso político consistente na utilización de argumentos, aparentemente “de esquerdas” para xustificar a primacía do discurso “social” fronte ao “nacional”. Trataríase, segundo ese esquema, de primar unha liña política de defensa dos intereses de clase, do emprego, dos servizos públicos, dos dereitos sociais en xeral, por enriba dos dereitos nacionais, da reivindicación da soberanía para Galiza. Afirman os defensores desa tese que, máis aínda no contexto da grave crise económica que padecemos, cumpre non só “aparcar” a reivindicación soberanista, senón que tamén pór en marcha unha política de alianzas amplas que faga prevalecer a loita contra a dereita.

Ven isto a conto pola convocatoria, por parte do BNG, dunha manifestación nacional, o vindeiro 15 de setembro, sob o lema “Por unha Patria Soberana”. Teño escoitado voces, e non poucas, procedentes de sisudas persoas que se reclaman “de esquerdas”, que cuestionan a pertinencia dunha mobilización destas características na Galiza. Din que asumen o problema político do noso país; reclámanse “sensíbeis” coa cuestión nacional, mais porfían na idea de que a urxencia, hoxe por hoxe -simplificando- non é reclamar soberanía, senón emprego. Porque hai moita xente que o pasa mal. Tal análise precisa de resposta contundente.                                                                    

Naturalmente na Galiza hai contradicións de clase. Internas tamén á formación social galega. Mais é evidente que existe un problema transversal que non só afecta, senón que condiciona e caracteriza absolutamente esa dinámica de clases, alterando historicamente o desenvolvemento do capitalismo na nosa nación, e xerando daquela manifestacións tamén específicas de explotación: A dependencia. O colonialismo.                                                                    
É imposíbel no caso galego construír unha alternativa coherentemente rupturista ou anticapitalista obviando a reivindicación da soberanía. Da capacidade de decisión. Por certo, como en moitos outros puntos do planeta, nos que a política antiimperialista, mesmo de estados non submisos, se fundamenta en principios patrióticos e de non inxerencia. Velaí tamén o noso caso.                                                                    

Porque o nacionalismo, ou a reivindicación soberanista, non teñen a ver co romanticismo. Xa sabemos que hai quen intenta vincular o nacionalismo, ou mellor, o plano “nacional” divorciado do “social”. E así, teríamos por unha banda a defensa emocional da lingua, das tradicións, da paisaxe, da cultura ou do patrimonio. Este sería -segundo o esquema “progre”- a esfera do “nacional”. E logo viría o plano “social”: emprego, dereitos sociais, servizos públicos, etc. En definitiva, a diferenza consistiría na emoción dos sentimentos de pertenza, fronte á racionalidade das contradicións que se sofren materialmente. Nada máis tendencioso.                                                                    

Pois non. Non somos galeguistas. Somos nacionalistas. E iso significa que a resolución das contradicións de clase na Galiza ou pasan por un proceso de liberación nacional ou sinxelamente non se resolven. Por iso a soberanía é un instrumento esencial, imprescindíbel, para a emancipación social. Máis aínda nestes tempos.
                                                                   

Soberanía para que?

Para podermos vivir do noso traballo con dignidade. Porque os mariñeiros galegos non só padecen explotación por razón da súa condición de clase. Tamén en Madrid e en Bruxelas deciden quen no Estado español pode pescar e quen non, e aquí si hai consenso nas forzas españolas: PP-PSOE-IU defenden o seu (caso recente de Mauritania), e nós teremos que defender o noso. Habendo peixe no noso litoral, podéndose xestionar sustentábel e racionalmente, non é de recibo que nos veñan uns señores de Madrid a impedirnos traballar nas nosas propias rías.

Para poder producir. Si, producir. Temos a terra máis rica e produtiva da Península Ibérica, e contraditoriamente, o país con maior taxa de emigración, avellentamento e esmorecemento demográfico. Iso que é, un problema interno, ou a consecuencia dunha longa historia de dominio colonial? Estado español e Unión Europea (naturalmente con axuda interna: os renegados) decapitan o sector agrogandeiro, colocan a nosa produción en mans estranxeiras, e aínda teñen valor para lle chamar “progreso” a todo un proceso que, en rigor, só cabe cualificar como de exterminio.                                                                    

Para decidirmos nós sobre o noso aforro. Para que non o espolien e favorezan bastardos intereses especulativos. Porque para sermos un país viábel deberemos contar cun sistema financeiro noso, público. E non español. Noso.                                                                    

Para xerarmos emprego digno. Comezando polo sector naval. Ou para que as traballadoras galegas da conserva -nada menos que o 85% do sector no Estado- teñan dereito a un convenio colectivo galego, fronte á oposición de UGT-CC.OO.. Ou tamén os da flota conxeladora -aquí o 100% do Estado- e non negociado en Madrid por UGT-CC.OO. Isto que é? Romanticismo? Ou falamos de salarios e das cousas de comer? Quen é aquí de esquerdas? É máis: no ámbito sindical, acaso o sindicalismo español pódelle dar leccións á CIG de lealdade e combatividade na defensa da clase traballadora galega?

Para que non nos rouben os nosos recursos enerxéticos e naturais. A electricidade para fóra, para industrializar outros territorios do Estado, mentres aquí ficamos coas consecuencias sociais e ambientais da espoliación, e por enriba -vaia paradoxo- coa peor calidade na subministración eléctrica do Estado español. Pois tamén para lle facer fronte a iso hai que ser nacionalista.                                                                                       

Poderíamos seguir. A secuencia de casos concretos non ten límite. A costa gobérnase dende Madrid, o comercio exterior, a investigación, o fi-nan-za-men-to, o tráfico, a rede ferroviaria (por chamala de algún xeito), as pensións (lembremos: as máis baixas do Estado español), a policía (que non sempre é a nosa amiga), os portos e aeroportos, a enerxía, o comercio exterior, competicións deportivas, criterios básicos sanitarios e educativos, as autoestradas,... E a cambio, o Estado permítenos contar cunha extraordinaria Monarquía española (símbolo da “unidade nacional”), tan amiga da corrupción como inimiga dos elefantes. Vaia negocio!                                                 

Nación sen autoorganización?
                                                                                      

Se chegamos á conclusión de que Galiza é unha nación, e ademais negada, humillada e explotada, o desenlace máis lóxico é o da reclamación de soberanía. Entre outras cousas para vivirmos mellor, dignamente. Chegados a este punto, a cuestión é o como. Como facer para que Galiza poida crebar os lazos de dependencia. A pregunta é: nós sós? Ou cunha “axudiña” de fóra? O nacionalismo sempre o tivo claro: coa autoorganización do pobo galego. “Non virá de fóra remedio ou esperanza”, afirmaba o noso Castelao. E non lle faltaba razón. As forzas políticas e sindicais españolas son, na súa propia esencia e razón de ser, unha extensión máis, neste caso expresión política ou sindical, da España que nos nega. E nós, galegas e galegos, se pretendemos camiñar libremente, con independencia, teremos tamén que aquelar, como sempre fixemos, as nosas propias alternativas e instrumentos organizativos. De catón.                                                                                       

Por iso o BNG convoca o pobo galego pola Soberanía. E agora si, tamén, cun chisco de algo non material, mais imprescindíbel para calquera ser humano: por dignidade. Mesmo por oportunidade. Porque no Estado español, quéirase ou non, o debate está aberto, e Galiza non pode ficar fóra. Somos un pobo, unha nación, e temos dereito a sermos libres.


[05-09-2013 12:23] A Bouza de Coia, Vigo. comentou:

Parabéns polo teu oportuno artigo. Son tempos de fortaleza ideolóxica. Saúde, Bieito.

[30-08-2013 13:06] carlos comentou:

Moi atinado. Cómpre encherse de paciencia, coraxe, valor e non esmorecer porque a batalla é dura e longa e hai que dala por abaixo. Efectivamente para o pobo galego, para nós, non hai outra saída.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña