13:22 Luns, 26 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-08-2013

Unha lectura moi recomendada, un libro de moita paixón, de cerne propio, de loita e voz en alto para ser escoitada e lida

"A ansia do lóstrego" de Medos Romero: Verbas alén do exterminio

Valorar (0)

LINO GARCÍA SALGADO


Portada de "A ansia do lóstrego" de Medos Romero


Coñecín persoalmente a Medos Romero, a autora deste libro de poemas titulado “A ansia do lóstrego” fai pouco, e non intercambiamos máis que catro frases, todo dito pola súa ocupación en asinar exemplares deste marabilloso libro que aquí vos recomendo. E … sinceramente non facía falla, ocorre o que pasa con determinadas persoas, o que se escribe, o que transmite, o que es, está aí, transparente e non é preciso ter outro tipo de acercamento para indagar no profundo do ser, no lado oculto que supoño todos e todas gardamos.

Máis non é o tema que me ocupa senón a súa escrita. Non fai moito (confésome culpable), fixen unha crítica literaria ao segundo libro que tiña lido dela, “O pozo da ferida”, un libro que mestura a sinxeleza coa máis profunda das idades, onde se mostra a porta que se abre de par en par, quitándonos ese, por veces, maldito lenzo que nos fai supoñer que a poesía non é asumible pola nosa pel, polo noso entendemento, onde aparece de forma contundente o trazo da muller, inigualablemente soberano, pero tamén ferido, dependente, esmagado de distintos xeitos, coa crueza propia do que ten claro o mundo no que vive. Por veces a contundencia non asoma nas palabras, máis ben nos silencios ou nos encetados camiños que se van abrindo a cada palabra, a cada poema que deglutimos con fervor, coa tranquilidade das horas paradas. Medos ofrécenos todos os elementos da construción, e aí é onde nós poñemos o ramo final para deseñar ese universo que por veces resulta tan falso como os pozos, onde nunca coñecemos a súa profundidade até caer neles. Non obstante é neste mundo de terra firme, de comprimidas idades onde só se cubre de fame a nosa propia miseria, onde os recordos arredan de nós mesmos toda forma posible de claridade e onde a prioridade é poñer fin á sangría da inmobilidade.

En “A ansia do lóstrego” (Edicións da Frouma) ocorre todo de xeito distinto. Hai metáforas evidentes, tremendamente articuladas de forma espontánea e profunda, puñais que entran na manteiga encefálica, pero sobre todo hai rotundidade, palabras directas, terra, país, fame, xustiza, despedidas, lembranzas ao fin que son en definitiva o motor da nosa morriña. De seguro que me faltan cualificativos xa que non é posible acubillar en tan pouco vocabulario o que un quere expresar coa riqueza de fondo exposta nesta obra. É aí un dos motivos polos que gozar desta epopea en tempos de fraqueza, cando todo vento golpea directamente na intención. A palabra directa coa que trata a invasión do capital nas vidas, na paisaxe, no fondo dos corazóns fan espertar por veces estes vencidos latexos e levantar a vista ao ceo para berrar, outrora, pola dignidade que deixamos prestada. A ansia do lóstrego pode ser, debería ser, é, un canto fermoso a todas as mans fracas cansas da ignominia, da ferida aberta que nunca da cicatrizado e se mostra acotío nos pasos da nosa indecisión. Escoitade estes pequenos verbos de mostra: Falo dun posíbel exterminio das/ideas, da palabra dignidade,/dese xeito en que van quebrándose as bandeiras./Os necios e poderosos reafírmanse de novo,/sen pudor, aínda así concedémoslles as súas medallas/de gloria. Falo dun naufraxio en terra firme,/do castigo inminente de inocentes á miseria.

Este bocado é simplemente unha pequena mostra de todo o libro, e que como podedes observar transcende alén dos propios feitos nos que se centra a estrutura, a trama. Por suposto hai moito máis que destacar neste libro, xa que falando dun suceso en concreto vainos acercando ao mundo que hoxe vemos tras dos escuros cristais da compracencia propia, xa se sabe … a crise, maldita ela, aparentemente caída da choiva. Medos danos aínda máis camiños polos que gabear, cando fala da propia historia, da natureza, das tremendas e fermosas analoxías que enchen esa ansia durmida cando fala de obreiros de terra a dentro, da virilidade hostil e poderosa dos xigantes, tanto fala e tan ben que a propia globalización mesturase tan claramente que non resulta difícil agarrar o pensamento profundo de loita e mágoa polo tempo perdido ( incluso pola soidade de ambos os dous, algo do que non podemos arrepentirmos, senón todo o contrario, serán outros e outras, estatuas de oxidado metal, quen o terán que facer ), polos camiños anegados, polos furados abertos ou pola herba sen recoller lamentando o paso do tempo baixo a chuvia, hoxe todos cadáveres nesta cinza, antes lume. Eses xigantes ben poderían ser bancos, grandes empresas, cidades da cultura de costas ao seu propio ser, etc.

Medos Romero

Non quería esquecer tampouco outra gran lección que se desprende desta grande obra que non é outra que a dificultade para protexérmonos do que realmente deberíamos e non prenderlle indiferenza a todo aquilo que pula por demostrar a nosa condición de terra, de persoas, de seu. Como metáfora clarificadora quedaría a sensación interna de que o cheiro a xofre, a carbón, a lignito, etc é moito máis digno que o cheiro a estrume, a terra fértil argallando unha nova colleita. A dignidade, evidentemente, ten un camiño moito máis longo do que albiscamos e Medos da perfectamente no cravo, escudriñou tan profundamente que asusta o reflexo neste espello de tempos imperfectos.

En definitiva, unha lectura moi recomendada, un libro de moita paixón, de cerne propio, de loita e voz en alto para ser escoitada e lida. A historia do pobo das Pontes e comarca invadida pola mina, por ese metafórico ouro prometido, hoxe fica aletargada para sempre nestes fermosos versos, profundos como a boca de salitre e coido que se somos xustos tamén na memoria de todos aqueles que a visitemos algunha vez e sobre todo das persoas que loitan hoxe e sempre por un mundo mellor.

Parabéns Medos Romero e grazas pola túa entrega. Agora o resto do camiño tamén nos toca a nós.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña