14:28 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-08-2013

As pedras simbólicas do lugar de Cavadoso, tagarelannos sobre o Orcellon, na historia da Galiza

Orcellon, outro anaco da nosa historia

Valorar (4)

MANUEL VÁZQUEZ CABO



Dando de novo unha volta polo lugar do castro Cavadoso, mais tarde castelo,  nas proximidades da ponte Cavadosa, que maxestuosamente dan paso as augas do río Arenteiro, que baixa da serra da Martiña alimentando as terras do Orcellon. Na última visita, o guía que me acompañaba era de primeira, o Ernesto Atanasio, o noso sempre “corcheiro” bon coñecedor das historias e lugares das terras do Orcellon. Supremo nacionalista, desde a súa mocidade. Alumeador e laureador do querer e estimar as cousas da Patria. Non tiña outra, como nós. A súa presenza percebese nas pedras simbólicas do lugar de Cavadoso, que nos tagarelan sobre o Orcellon, na historia da Galiza. Rochas cinceladas de modo pausado por pedreiros e marmoreiros que amosan o facer dos homes e mulleres, que constrúen o noso mundo, os nosos símbolos, coas súas maos e ideas. Rochas, coíños, que polo feito de ser modeladas polos homes, serán vistas polo cristianismo imperial, como sinais pagáns, e pola españolidade imperial como restos dunha cultura a destruír. Así que demoler, cristianizar, facer cruces sobre as mesmas ou esconxuralas son as practicas das políticas unionistas. Demolición, vexación, é o comportamento dos gobernantes da metrópole contra os galegos e os seus sinais de identidade; si esa, españolidade que nos impón sen recato os seus símbolos ao tempo que  despreza os noso. Que despreza o idioma, e turra para eliminalo até dos simples catacez que anuncian as nosas festas. Amigos, a cruzada que teñen en marcha contra o noso é brutal, a nós nos corresponde enfrontala, parala e vencela.        

Mirando as rochas que quedan dos restos no chan do lugar enchéuseme o pensamento dos nosos feitos históricos, con nomes e lugares. Arrepieime unha vez mais ao pensar na destrución que se practicou con noso patrimonio, coa nosa historia e cos nosos símbolos, foi onte. Pero, hoxe, continuase  coas mesmas practicas, ao parecer hai que culminar a obra  destrutiva. Pensei nas grosas cadeas que amarran o pais e as nosas mentes a España colonizadora. Lembrei aquel texto de Murguía tan atinado para a ocasión “... ai algo no pasado que nos importa de cerca. Edificios, institucións, costumes de outros tempos, son como sepulcros que gardan as cinzas de seres queridos...“.  Aquelas pedriñas, harmoniosamente colocadas algunhas e outras chantadas ao chou polo paso do tempo, afianzáronme noutra reviravolta de amor a esta aterra. E cavilei no odio, no desprezo e esquecemento que se ten as nosas cousas, a nosa historia, pero tamén, as nosas persoas e a nosa humanidade. Cavilei nese constante e histórico desprezo de moitos gobernantes españois cara o noso patrimonio, cara as nosas persoas, e pensei neses gobernantes en moitos recantos da España, nados na Galiza, que ao longo da historia sempre nos desprezaron, e trataron de facernos desaparecer, como si a nosa existencia, a de Galiza, sexa incomoda para eles aos delatalos como descastados, desleigados e desnacionalizados –ou nacionalizados na españolidade mais túzara-. Eses sectores que seguen a sentir ou seu carácter expansionistas, de superior (civilización) con respecto a nós, os galegos, onde buscan a súa xustificación para maltratarnos, explotarnos e colonizarnos.         

O castro Cavadoso, que como castelo foi compañeiro dos castelos de: Pena Corneira, Orcellon, Veiga, Miño, Roucos, Cabanelas... Unha comarca, izada de castelos é nomeada Castela polo Ordoño II, da que nos da testemuño no 922 por medio dunha doazón “in territorio castellae in ripa minei, que st inter layas et castrello”. Minei, é chamado o río Miño, ao parecer nome celta, que significa río. Espero que o noso estimado Cesar Varela, non alumea sobre este nome, en algúns dos seus artigos.       

Abundancia de persoas e bens debería ter a zona para estar izada de tales construcións?  Farturentas serian as súas terras para alimentar aos seus poboadores. Farturenta seria Galiza, para poder alimentar a unha  importante poboación. De seguro que as producións de  centeo, trigo, castañas, viño, froitas, serian excelente e abundante. Unha boa economía traia consigo unha abundante poboación e unha actividade  construtiva de mosteiros, castelos e casas espalladas por todo o territorio. É o signo de prosperidade e dignidade para as persoas. Tamén o signo mais representante de nós, o galego, campaba nas bocas de todos os galegos, e nos pergamiños que florescian por todos lugares. Aínda a escritura dos notarios non fora afogada, como sucedera no século XVII, cando, ao prohibirse o galego o español colonizara os nosos pergamiños. Claro que daquela, Galiza era dona de si, o goberno era dos galegos, exercido por galegos e para os interese s do galegos.        

Tamén, por desgraza as terras do Orcellon, dan conta desta colonización, en documentos notarias de herdanza e ventas que  son asinados - entre 1600 e 1700- no lugar de Longoseiro. Mais a resistencia a esta aniquiladora españolización xa se nota nas palabras que nomean lugares, ao non deixarse domesticar facilmente na escritura, como é “la nabeyra das cerdeyriñas”.        

Estamos no espazo territorial do Carballiño - Ribadavia... territorio que aporta uns importantes sucesos a nosa historia. Feitos, suceso, acontecementos,  personaxes, que sofren un tratamento pola historiografía española de persistente desvalorización. Desvalorización visíbel, pero tan pouco coñecido polos galegos. Canta falsidade verquida sobre os galegos, coa finalidade de someternos eternamente. Propagandas e falsidade que chegan aos nosos días e que para desarraigala é preciso un esforzo supremo.      

Comportamento desprezativos  que sae a luz dunha forma brutal, cando temos que sufrir acontecemento como o accidente de tren nas proximidades de Santiago, coa perda do que mais queremos, as persoas. Aquí puidemos comprobar na súa versión máis reaccionaria a misión nacional do imperio español.        

Unha das figuras ou personaxes que deixa pegada no Orcellon, e sobre  o que se cebou o imperio é o rei de Galiza, García. García gobernou Galiza desde 1067 a 1071. Manterá o seu titulo de rei Galego até a súa morte no 1090. Baixo o seu reinado Galiza será invadida polas tropas comandadas podo seu irmán Sancho que reina na Castela. Derrotado, será cruamente tratado. Encadeado e encerrado nun presión lonxe da Galiza, durante 17 anos.   Levado a tumba cheo de argola de ferro.    

Tamén se cebou no noso Pedro I, o xusticeiro  (o Trastámara), chamoulle cruel. Borrou toda noticia obxectiva sobre el. Matouno unha e mil veces. Matou unha e mil veces aos Castros ao ignorar a súa loita pola dignidade de Galiza. Ao Pedro Fernández de Castro –morto en Alxeciras, e conducido a Galiza para ser  enterrado na catedral de Santiago. Enterro que é lembrado como un dos enterros mais importantes da historia da catedral. Pai de Fernando de Castro, que dignificará Galiza, no seu batallar polos seus intereses e na súa alianza con Pedro I, verdadeiro representante do progreso. Do lado de Fernando de Castro, estará o noso Gonzalo Ozores, fillo do Vasco López de Ulloa, que toma o seu nome e apelidos do seu bisavó Gonzalo Ozores de Orcellon, das casas de Xuvencos e Maside. Gonzalo Ozores é preso na batalla de Montiel (1369), onde batalla baixo o estandarte de Fernando de Castro. Preso de rei Enrique, e vendido por este a un aventureiro francés, sendo levado a Francia. Mais tarde rescatado por Fernán Vázquez, entra en Galiza polo porto de Noia. As propiedade da súa casa, a dos Ulloas, logo da derrota de Fernando de Castro en Porto de Bois, e entregada aos partidarios de Enrique e esmigalladas. Co seu regreso a Galiza, batallara por recuperar as súas propiedades, e obra súa, proxecto seu, é o castelo do Pambre, símbolo que ten que representar para nós os galegos, esa parte da nosa historia onde unha porción moi importante da nobreza en alianza coa poboación, representada polos Castros, buscaron a liberdade da Galiza. Souberon batallar contra os  que arruinarían a nosa patria, as nosas vidas. Sabían que a paz política só era posíbel na Galiza libre, ao tempo que non sucumbiron ao síntomas do colonialismo, onde un acaba considerándose, cousa e non persoa.          

Para os bos e xenerosos estandarte dun período de prosperidade na Galiza. A Galiza independente foi prospera. Hoxe, a nosa gloria estará en deixar esta ruína da españa gobernanda por malfeitores e ladroeiros, e recuperemos a nosa Galiza soberana. Fomos soberanos, e agora estamos colonizados; somos unha colonia e factoría para as España. A loita pola nosa emancipación, nunca deixou de formas parte dun importante número de Galegos. Como galego, non podemos esquecer ningún dos legados de loitas e gobernanzas do no pais.. A nosa problemática nacional non cabe dubida que esta inxerida en todos os espazos, ou así debería ser; para ben e para mal, nada esta ao marxe do noso ser nacional; nin a vida económica, nin a cultural, nin a social ou ideolóxicos.. Cando volvera a acada este pais a súa gobernanza para novamente ser prospero? Cando a maioría da sociedade se dará conta de que non hai futuro normal para nós, sen unha Galiza Soberana. Fomos soberanos e independentes e con certeza, volveremos ao noso estado normal como pobo, a independencia.


[12-08-2013 08:33] ECF comentou:

Magnífico e sentido artigo. Parabéns!!

[12-08-2013 04:02] PensoEu comentou:

"Hoxe, a nosa gloria estará en deixar esta ruína da españa gobernanda por malfeitores e ladroeiros, e recuperemos a nosa Galiza soberana."

Gran frase, agardemos que premonitoria.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña