01:57 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-04-2010

As procesións da Semana Santa en Ferrol son, sen dúbida algunha, de importación, tal e como están configuradas nos nosos días

Transformación

Valorar (28)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Domingo de Ramos na Praza de Armas (Ferrol)


As procesións da Semana Santa en Ferrol son , sen dúbida algunha, de importación, tal e como están configuradas nos nosos días. Este  postizo relixioso impúxose co afán de homologar a cidade ás doutras latitudes da España meridional, castiza e representativa do espírito "nacional". Non se poden entender sen unha forte presenza militar, en particular da Mariña de Guerra e sen uns arsenais dependentes do Estado.  Así se configuraron estratos sociais, compostos por individuos de procedencia externa, con mando en praza,  e da canteira interna proclives ao servilismo, ao servizo de deseños miméticos,  tan "refinados" como galegófobos.  Desde cedo estiveron dispostos, coa inestimábel e entusiasta colaboración da Igrexa Católica, a  impregnar de vez unha cidade, necesaria por motivos xeo-estratéxicos, encravada nun recuncho dun mundo que fedía a outra cultura, outras tradicións, outra lingua, outra relixiosidade. De seguro que hai un paralelismo entre o proceso de configuración desas procesións á andaluza-cartagenera e o empeño co que intentaron, sen lograr consumalo, marcar o topónimo co españolísimo artigo "El", desde mediados do século XIX. Non podía ser só o contundente, estraño e sospeitoso Ferrol... Aínda hoxe resístese a desaparecer en papeis oficiais da Administración Central e das bocas de personaxes que suspiran por unha España imperial.

Certamente, a Semana Santa ferrolá pretende venderse agora como un reclamo turístico. Tamén como unha manifestación de fe relixiosa. Verdadeiramente ocupa espazos da vida, xa con participación activa nos actos e na súa preparación previa, xa como espectadores, de miles de persoas da cidade e da comarca. Todos eles, e moitos dos seus familiares que veñen de fóra, son os que dan de comer á hostelería eses días festivos. Non hai outro turismo. Rechama  o gran esforzo ilusorio por vender dentro e fóra este evento postizo da cidade, mentres se despreza a información sobre o seu rico patrimonio histórico-artístico e natural. Pratícase, na mellor das tradicións coloniais, a desmemoria do que somos e de onde vimos.  A  base  da participación, infantil e xuvenil, organizada en cofrarías,   está nas familias que levan os seus fillos aos colexios concertados relixiosos. A dirección  adulta da orquestra corre por conta de sectores da pequena burguesía, de marcada tendencia conservadora no ideolóxico e dunha confesionalidade relixiosa que vai desde o dogmatismo sectario até a hipocrisía dun catolicismo tan ostentoso e aparente como laxo para sí na aplicación da súa moralidade, pasando tamén pola crenza íntima e de boa fe... Como xa non quedan militares, proliferan bandas imitativas, con vestimentas ruinosas e ruídos enxordecedores de corneta e tambor. Previo relixioso pago, o Ministerio  de Defensa, que xa non come nen deixa comer na comarca, pero abusa canto pode, presta uns cantos mozos marciais do exército profesional, debida e oficialmente engalanados, para acompañaren a  Cristo e as Virxes. A relixión e o exército imperial teñen que andar sempre mesturadas. Pero, neste caso, debían de manifestarse gratis, non a conta do erario público da Xunta, da Deputación e do Concello...!!

Hai quen pretende ver nestas procesións unha simple maneira de entreterse e unha actividade social de ocio. Puro espectáculo. Tampouco se pode ser tan inxenuo. Este ano o evento foi anunciada cun cartaz  (os consabidos capuchóns brancos e morados arredor dun cristo crucificado) que levaba como motivación unha frase de Gonzalo Torrente Ballester.  Rezaba así: "Cierta noche, en la plaza de Amboage, cuando la Virgen de los Dolores y San Juan Evangelista entraban en la Iglesia, se oyó una saeta, cantada en medio de la plaza por un marinero del sur. Fue la avanzada de la transformación...". Carimbos de todas as institucións subvencionadoras, as que pagan. Non serei eu quen defenda a desaparición destas procesións, pero as subvencións debían esixir uns mínimos de respeito pola dignidade do país e pola diversidade de cultos e a diferencia de culturas. Non lles parece excesivamente claro e preocupante? Non saía do meu asombro. A transformación é a asimilación mimética a outra cultura, o esperpento. É a españolización servil. Non somos realmente homínidos, modernos,  até impregnarnos dun novo espírito, representado, neste caso, pola saeta, como noutros, polos touros. Coñecín a Torrente Ballester en 1975. Entón xa non era totalmente un galego á española, e menos un fascista. Estou por asegurar que, de vivir, ficaría avergoñado e un pouco constrito ao ver para que  é utilizado. Unha frase da súa época máis negra. Unha evidencia dun proceso de colonización...


[01-05-2010 ] Rubén comentou:

Comparto totalmente a túa reflexión. Quedei abraiado ao contemplar pola Tv unha procesión do Ferrol, e a un fato de soldados cantando: "Soy el novio de la muerte...", o peor foi que a pesares do mal que cantaban, e do horroroso do canto, a xente aplaudía a rabiar... Pero o mesmo pasa co noso entroido, que se converteu nun desfile de chirigotas gaditanas e sambas brasileiras.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña