15:15 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-07-2013

Debemos situar este traballo de Lois Porteiro Garea, conferencia do noso home alá polo 1916 na súa condición de máximo responsábel do nacionalismo en Compostela

Porteiro Garea, un discurso para un país

Valorar (5)

Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez



O Terra e Tempo, tanto na súa versión papel como dixital, tivo sempre presente a preocupación de achegar aos seus lectores, de xeito moi particular ao público nacionalista, as análises doutrinais que deron forma ao noso movemento político. O rescate do pensamento dos nosos clásicos non responde a ningunha motivación erudita, pola contra vinculase as necesidades materiais do nacionalismo de recoñecerse para non perderse no camiño, de saber o que é para seguir a avanzar nos camiños que nos deixaron abertos para que seguiramos a recorrer e por suposto dunha práctica política que á par de perseveranza e pericia, obríganos a salvagardar un patrimonio ideolóxico e político a risco de non volver a errar onde o fixeron os nosos devanceiros. Aquí é onde debemos situar este traballo de Lois Porteiro Garea, conferencia do noso home alá polo 1916 na súa condición de máximo responsábel do nacionalismo en Compostela, co que se inaugura a xeira e a loita das Irmandades da Fala na capital da Galiza, e xa que logo intervención que se move no plano da axitación e da propaganda pero tamén no do debate e no da formación ideolóxico. Non é esta a primeira vez que nos ocupamos da obra e do pensamento de Lois Porteiro Garea.

Aínda así o noso irmán segue a ser nalgúns dos aspectos máis substantivos da súa traxectoria intelectual un auténtico descoñecido para os que seguimos as súas pegadas nunha loita da que nos sabemos herdeiros testamentarios. Interésanos aquel mozo profesor da Facultade de Dereito que representou ao nacionalismo naquelas batallas electorais iniciáticas da I Restauración, interésanos o organizador que lle tocou dirixir ao movemento que é de nós nos momentos previos a Asemblea de Lugo, á que non puido asistir pola súa morte prematura, interésanos o grande teórico do primeiro momento das Irmandades quen redactou en case a súa totalidade, pero particularmente nos aspectos centrais, o Manifesto Nacionalista de Lugo que após defendería o seu pasante Peña Novo na xuntanza do Méndez Núñez, pero Porteiro Garea é aínda máis. Queremos por en valor xa a aquel dirixente estudantil que ao pé de Castelao, Quintanilla, ou Fernández Mato, influídos por Armando Cotarelo ou Cabeza de León, desde as filas da “Xoven Galiza” loitaron na primeira década do S XX pola galeguización da Universidade, queremos por en valor xa ao dirixente marxista e republicano que o 11 de febreiro de 1917, aniversario da I República, nunha palestra pronunciada no Ateneo republicano da Coruña rompe con estes porque “os irmandiños non teñen nada a ver con aqueles que queren a España, por moito que non teña rei”, queremos lembrar ao avogado que exerceu de defensor único e solitario, coa excepción de Peña Novo, dos labregos e operarios organizados naqueles sindicatos composteláns dirixidos polo vello Pasín que protagonizaron aquela revolución compostelá de 1917, queremos por fin evidenciar que non hai posición reaccionaria no nacional que non o sexa tamén no social.

O documento que hoxe poñemos á vosa disposición, recolle unha conferencia pronunciada por Lois Porteiro Garea o 28 de maio de 1916, a pesar de que o texto que utilizamos a data en 1917, posteriormente editada en 1932 polo Partido Galeguista na imprenta de Casal, que veu dar no primeiro caderno de propaganda galeguista editada pola agrupación compostelá e que hoxe representa un testemuño de primeira magnitude para pensar, analizar e debater os primeiros argumentos que permitiron por en pé o edificio nacionalista. Non indicamos nada novo que facilite a lectura do mesmo, se advertimos que as opinións vertidas no mesmo non recollen nin mesmo se aproximan as alternativas hoxe defendidas polo nacionalismo, cuestión obvia polo tempo transcorrido e por suposto polos axustes e postas a punto que fomos realizando ao longo de todo este período. Aínda así resultan evidente que as orientacións e os temas dos que nos antecederon na loita seguen presentes, algo que non podía ser doutro xeito se atendemos a que as motivacións das xentes das Irmandades e dos nacionalistas do século XXI non mudaron no esencial e tampouco variou naquelo que é definitorio o problema político do noso País. O de Lugo, nesta súa achega, vai facer unha defensa fechada do uso do idioma, denunciara o drenaxe do noso aforro, a súa utilización para capitalizar investimentos noutros territorios do Estado e as consecuencias na estrutura de clases da nación, analizará tamén a galegofobia que opera como eixo central da ideoloxía españolista, galegofobia que na súa manifestación externa emparenta coa práctica definitoria do fenómeno colonial, destacará o papel da cultura nas nacións sen estado como piar principal para criar conciencia nacional e pensará, non podía ser doutro xeito, a Galiza como nación no mundo, pois é este o camiño que temos para poder deixar de ser o que somos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña