07:57 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-07-2013

A liquidación definitiva do sector naval galego

O Tax Lease como escusa

Valorar (0)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Cando eu apenas tiña 10 ou 11 anos, e diso xa hai máis de 30, Pepe e toda a súa familia, regresaba cada verán á aldea a pasar uns días, que naquela altura encetaba unha concentración parcelaria longa e conflitiva. Marchara moitos anos antes na procura de traballo e dunha vida mellor. Traballaba nos asteleiros da ría de Ferrol.

Pouco a pouco aquela rutina do estío rachouse. No que a min me afectaba e me preocupaba naquela altura era que non podía xogar cos seus fillos. Paradoxicamente, cambiaran o seu lugar de residencia, agora estaban máis preto, pero o tempo foinos afastando cada día máis. Pepe perdera o traballo. A mediados dos 80 viuse afectado pola reconversión industrial aprobada polo goberno socialista de Felipe González. Había que poñerse ao día, como dixo o daquela presidente do goberno central, era fundamental para entrarmos en Europa. Desmantelar o sector industrial, especialmente o galego, era a peaxe que había que pagar para sermos modernos e progresar.

O motivo desa reconversión brutal da industria naval galega non era, nin é, que o transporte marítimo de mercancías, desde petróleo e os seus derivados, até cereais e todo tipo de produtos manufacturados, se quedara obsoleto e se idearan outras formas máis rápidas e económicas para transportar mercancías. Ao contrario, segundo o Informe Xerencia do Sector Naval do Ministerio de Industria, o tráfico marítimo mundial entre 1988 e 2011 multiplicouse por tres.

Polo tanto, non é que se deixaran de construír barcos. Segundo o mesmo informe, a construción naval mundial entregou en 1980 un total de 13 millóns de toneladas brutas en buques de nova construción, unha cifra que foi en aumento ano tras ano até chegar as máis de 101 millóns de toneladas en 2011.

É evidente que a industria naval non está en crise e “a posta ao día” decretada nos anos 80 do século pasado polo PSOE desde o goberno central non tiña por obxectivo facer este sector máis competitivo a nivel mundial e aumentar a súa carga de traballo. O obxectivo era moi distinto. O Obxectivo era deixalo coxo para que non puidera competir en igualdade de condicións.

Entón, onde se constrúen barcos? Pois China, Corea do Sur e Xapón son os que se reparten o maior cacho desta multimillonaria torta. A nivel da Unión Europea, e por esta orde, Alemaña, Noruega, Italia, os Países Baixos e Francia son os que países que máis barcos constrúen. O Estado Español está ao final da cola a nivel mundial, por debaixo mesmo de Estados Unidos e Brasil.

Se vén é certo que os países asiáticos son os que se levan a maior parte da construción naval mundial, a man de obra barata non é o motivo da súa capacidade construtiva, senón as axudas máis ou menos camufladas dos Estados para potenciar un sector vital na economía de calquera país polo seu importante peso no PIB, obviando as directrices que neste sentido ten estabelecido a OCDE.

Neste contexto, as axudas ao sector son de todo menos transparentes, ecuánimes e distorsionadoras da competencia, mesmo dentro da Unión Europea, cuxas decisións políticas prexudican a uns (Galiza) e benefician a outros, como vimos anteriormente.

Construír un barco non é precisamente barato e, neste sentido, ter unha boas condicións de financiación é clave para que calquera proxecto construtivo saia adiante, así como as axudas estatais, entre as que se atopa o Tax-Lease.

O Tax Lease é un instrumento financeiro complexo, que serve para salvar de xeito chapuceiro a prohibición que teñen os estados de financiar directamente a industria naval dentro da UE. Creado polo goberno de Aznar en 2001, serve para que investidores privados, normalmente grandes empresas como Inditex, Mango ou Cortizo, financien a construción de barcos, a cambio dunha redución substancial no imposto de sociedades. A enxeñería financeira deste derivado permite reducir até un 30% o custe da construción dun buque, mais deixa a construción naval en mans de grandes empresas necesitadas de reducir a súa conta con facenda, pero con ningún interese na construción naval, o que é a todas luces inapropiado.

Malia que a Unión Europea sancione o Estado Español polo Tax Lease, non o fai por ser un produto financeiro complexo, senón como escusa para levar a cabo a reconversión definitiva da industria naval en Galiza, que beneficie a outros estados da Unión. Esta decisión deixará na rúa a 16.000 persoas en postos de traballo directos e 48.000 indirectos, unha perda que non se pode permitir, non só polo drama persoal e social que iso supón -como no caso do meu veciño Pepe-, senón polo peso que ten o sector na economía do noso país.

Cómpre pois un sistema claro de axudas públicas ao sector, deixando de lado a enxeñería financeira do Tax Lease, para financiar aquí a construción naval nas mesmas condicións que se dan noutros países, mesmo dentro da Unión Europea. Mais tamén é necesaria a unidade de todo o sector, afectados directa e indirectamente, así como o goberno da Xunta para enfrontarse ás altas instancias da UE, que debe deseñar unhas regras de xogo iguais para todos e non só para uns poucos.

Xa o dicía Castelao nun dos seus debuxos do Álbum Nós, “as sardiñas volverían se os gobernos quixesen”, neste caso, en Galiza construiranse barcos se os gobernos estivesen pola labor.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña