09:29 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-04-2010

Os nosos documentos deben ser accesíbeis tanto agora como dentro de 30 anos

.docx

Valorar (14)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



No século XV Johannes Gutenberg inventou a imprenta. Da copia a man dos libros, unha tarefa lenta e complicada, pasouse á copia mecánica e automatizada de todo tipo de documentos. Este revolucionario invento, sen o que non se explicaría o salto histórico que supuxo o Renacemento e a Ilustración posteriormente, facilitou a publicación de textos de autores que anteriormente quedarían esquecidos; permitiu fixar e difundir as normas e convencións das linguas nacionais; dificultou, e mesmo imposibilitou, o control estatal e eclesiásticos sobre as ideas, facilitando a divulgación de ideas científicas e políticas que impulsaron cambios na sociedade; e por suposto, supuxo un salto importantísimo na alfabetización das persoas, até o de aquela restrinxida só ás capas altas da sociedade.

Sen embargo este salto cualitativo na historia de Europa non se tería producido se Gutenberg obrigara a ler os libros impresos co seu invento cuns lentes determinados, tamén da súa autoría. Estes lentes, que suporía un custe engadido para calquera lector ou lectora, facilitarían a lectura de todos os libros editados coa imprenta de Gutenberg, e coa escusa de implementar novas melloras, estes lentes deberían ser substituídos cada poucos anos, co custe que iso significa. A finalidade está clara, ter collido o lector, obrigándoo ter sempre actualizado o seu lente por puro interese mercantilista.

De ser así as cousas non se tería producido nin o Renacemento nin a Ilustración e todos os cambios que destes períodos históricos se derivaron non terían repercutido na sociedade en xeral e nas persoas en particular. De seren así as cousas, as dificultades que atopou Rosalía de Castro para publicar Follas Novas ou Cantares Gallegos pola súa condición de muller e a de escribir en galego, habería que engadir o custe que significaría no século XIX imprimir estes libros baixo esas condicións, o que dificultaría enormemente a publicación dos mesmos e a impagábel aportación de Rosalía á cultura galega e universal.

Por desgraza este suposto ficticio é bastante real.

En 1983 a transnacional do software Microsoft sacou á venda un producto que hoxe en día está amplamente estendido, o Word, converténdose na práctica nun estándar de facto, non consensuado coa industria do software. Este procesador de textos é un programa privativo, publicamente non se coñece como está feito, só Microsoft ten a chave. Por se isto fora pouco, a estructura dos documentos gardados neste formato, os famosos .doc/.docx, tamén é restrinxida, aínda que, froito das presións ca comunidade informática dan pequenas indicacións para que outros programas creen e editen este tipo de ficheiros. A finalidade está clara: como no exemplo ficticio da imprenta de Gutenberg, Microsoft ideou toda unha estratexia técnica e comercial para ter preso ao usuario dos seus aplicativos.

Word non é un aplicativo informático de balde, como moita xente pensa, ten un custe, as licenzas de uso, e só para un computador; e con cada actualización tamén hai que pasar por caixa. Os documentos creados con este aplicativo tiñan a extensión .doc, cuxa estrutura sufriu cambios significativos desde 1983 até hoxe. Paradoxicamente, co Word de 1983 non podemos abrir documentos das últimas versións deste aplicativo, os famosos .docx, que tantos problemas nos ten causado a todos e todas ao non poderen abrilo; e viceversa, é dicir, documentos creados hai 27 anos non poderían abrirse co Word de 2010. Paradóxico, pero así é como ten plantexado o negocio esta transnacional, mais non é a única.

Os nosos documentos deben ser accesíbeis tanto agora como dentro de 30 anos, mais isto non o temos garantidos cos formatos privativos como o .doc ou .docx; as nosas ideas, os nosos pensamentos non poden quedar presos dos caprichos dunha transnacional, que ten como única finalidade vender produtos, e pouco lle importan os dereitos dos usuarios dos seus aplicativos.

Certo que a informática en xeral causa certo reparo en moitos usuarios e usuarias, que por comodidade ou por ignorancia, acaban presos de determinados programas informáticos. Iso sábeno moi ben as empresas de software. Así, non é raro ver como determinadas compañías ofrecen aos Gobernos todo tipo de facilidades para alfabetizar informaticamente ás novas xeracións -e non tan novas-. Utilizan a mesma táctica das transnacionais do tabaco, cando se poñían ás portas dos colexios a repartir cigarros, porque saben que teñen moitísimas posibilidades de que unha persoa que empece a fumar cunha determinada marca o faga durante o resto da súa vida. Pois na industria do software pasa o mesmo: un usuario ou usuaria que empeza usando o Windows ou calquera dos aplicativos desta transnacional, como o Word, usarao boa parte da súa vida, o que se traduce en ingresos para a compañía, non só nas primeiras compras, senón nas constantes actualizacións dos aplicativos, sangrando os petos dos usuarios e usuarias.

Fronte a estas tácticas monopolísticas das grandes transnacionais dos software hai alternativa: o software libre e os estándares abertos. O software libre non é gratis, tamén ten un custe, mais si podemos copialo libremente e modificalo, se temos os coñecementos informáticos suficientes. Ademais ofrece vantaxes significativas ás linguas minorizadas como o galego, xa que se pode traducir libremente. Así, hoxe en día, e grazas á comunidade de internautas galegos que queren utilizar os seus aplicativos no noso idioma temos un amplo abano de aplicacións traducidas ao galego, entre elas o OpenOffice, que é un substituto perfecto ao Office de Microsoft, xa que, ademais de ter todas as utilidades que un usuario necesita neste tipo de aplicacións, utiliza un formato de ficheiros (ODF) estándar, perfectamente documentado e de acceso público, que nos garante que a nosa información sempre será accesíbel.

Na nosa man está seguir presos das transnacionais do software, ou optar por outros aplicativos máis respectuosos cos dereitos dos usuarios e usuarias. E nesta tarefa teñen un papel destacado as administracións públicas, xa que elas, por razóns obvias, están implicadas na formación en novas tecnoloxías, e en moitos casos, -seguramente demasiados-, esta formación só contempla ao software privativo (Windows, Word, Excell, etc) , no canto de software libre.

Rematarei cunha comparación-pregunta: se na sanidade pública se dispensan medicamentos xenéricos porque son igual de bos e máis baratos, por que as administracións públicas non fan o mesmo coa tecnoloxía?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña