03:56 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-07-2013

A sociedade galega actual é consciente da necesidade de preservar o medio natural e reclama a súa protección

Espazos protexidos de reclamación social

Valorar (0)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



A sociedade galega actual é consciente da necesidade de preservar o medio natural e reclama a súa protección.        

Hai tan só uns anos falar de conservación do medio natural era pouco menos que imposible, un diálogo sobre o tema non ía máis aló de cinco minutos e de seguida remataba con aquilo de: e quen nos protexe a nós, á humanidade?, con tanta fame que hai no mundo!, e aí remataba a historia.        
Pouco a pouco, despois da declaración das áreas protexidas terrestres e mariñas, sobre todo ao comprobar o contraste entre as que están protexidas e as que non o están, unha parte importante da sociedade foi tomando consciencia da necesidade de preservar. Aínda queda moito por andar e moito por investir tamén en educación ambiental, mais resulta evidente que neste momento son amplos sectores da sociedade os que reclaman a protección ambiental.      

Velaquí dous casos de actualidade: a Serra do Galiñeiro e o Monte Pindo. Non son os únicos, O Courel é tamén tarefa pendente, mais hoxe falaremos do Galiñeiro e do Pindo, aínda que cada un deles precise dun comentario máis demorado pois dispoñen de características ambientais, culturais, e tamén socioeconómicas, diferentes.        

O Galiñeiro e O Pindo representan formacións xeolóxicas montañosas peculiares á beira do mar, se O Pindo podería dicirse que é un cantil que cae ao mar dende os 627 metros de altura, o Galiñeiro está a uns poucos quilómetros da costa. Ambas as áreas sufriron múltiples agresións nas últimas décadas, como lumes, talas abusivas ou canteiras, foron escenario de campo de tiro militar, etc. Coinciden, por tanto, no interese xeomorfolóxico que, xa de por si, sería un importante motivo para a súa protección.        

O continuo asentamento humano de Galiza deulle ademais valor etnográfico e arqueolóxico a estas áreas. No Galiñeiro podemos atopar o orixinal e único petróglifo que representa un panel de armas, Auga da Laxe, e os campos de mámoas dos Bromús ou do Monte das Moutas, que suman máis de dez entre ambas as zonas. Todos estes elementos indícannos que esta área está habitada desde hai uns 5000 anos de antigüidade. Tamén hai evidencia de edificacións posteriores como muros e castelos. No caso do Pindo atopamos tamén petróglifos e inscricións máis modernas, unha muralla alto medieval, a igrexa da Moa, o castelo de San Xurxo. As dúas zonas presentan unha boa cantidade de topónimos e lendas que nos falan do uso do territorio traéndonos historias que se perden no tempo e que foron transmitidas oralmente ata os nosos días.        

Os valores ambientais, tan minguados polas agresións das últimas décadas, aínda poden apreciarse nestes hábitats de altura: brañas, turbeiras, endemismos e rarezas vexetais como o carballo anano (Quercus lusitanica), o lirio de monte (Xiphion boisseri), a cabriña (Davallia canariensis) ou a Centhaurea corcubionensis no Pindo. Asó como as especies de mato atlántico e de solos rochosos, ou a Viola lactea no Galiñeiro. Dende o punto de vista faunístico, anfibios, réptiles e aves fan uso da superficie das dúas áreas.        

Diversas personalidades históricas describiron nos seus escritos estas áreas, mais sobre todo O Pindo, por ser considerado xa no século X como monte sacro, e posteriormente como o Olimpo Celta, o que centrou a atención sobre a lenda e o mito en que asenta a súa Moa. Xa Sarmiento recollía as lendas da fertilidade, “oín que nalgúns tempos acostumaban ir ao Pindo os casados estériles e infecundos co gallo de ter sucesión” (Sarmiento, Viaxe a Galicia, 1745) ou sinalaba o seu interese botánico deixando constancia de especies que hoxe xa non podemos atopar: “Con esta ocasión informeime que ese vexetal caramiña era moi común nas costas de Galicia, desde Baiona ata Fisterra, e en especial en Escarabote, Agoeiros, illas de Baiona, illas de Ons (que teño á vista), nas abas do monte Pindo, etc.,” (Sarmiento, Carta sobre a orixe e formación da lingua galega, 1755).          

O mellor xeito de sensibilizarse e coincidir na reivindicación da súa protección é ir, visitar a zona e coñecer de primeira man os seus valores. A Asociación monte Pindo Parque Natural e a Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro son os referentes que aglutinan o interese social na difusión dos valores e da reclamación da súa protección.      


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña