17:23 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-06-2013

Hai topónimos que semellan ser moi claros e evidentes

A TERRA CHÁ: Seica será tudo platitude?

Valorar (0)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Hai topónimos que semellan ser moi claros e evidentes.      

Os lugares chamados de CHÁS ou CHAOS non admiten dúbida sobre o seu significado orixinal: lugares de planicie.

Velaí A CHAIRA, nome dun  achandado eido da miña familia de Cea, ou OS CHAOS DE AMOEIRO, nas terra de Don Ramón,  que fan honor á meseta que ocupan antes de caer  sobre o río Miño.      

Do mesmo xeito, cando falamos dun lugar chamado de OUTEIRO; quen dubidará que nos estamos a referir a un lugar empiricoutado?      

Non obstante existe o topónimo de, O OUTEIRO, en  lugares ben baixos e hai terreos ben pinos que se chaman de VILACHÁ ou VILAR CHAN.      
Como lidar con semellantes raridades?      

Nomes de lugares como  OUTEIRO FERNANDO, OUTEIRO DE ORRACA ou OUTEIRO DE BOIS están facendo referencia a casas fidalgas, dun andar, que eran propiedades dos referidos Fernando, Orraca e Avolinis.    

Aquí OUTEIRO é equivalente a casa con SOBRADO (do latín “superatus”) para distinguirse das casas máis humildes ou térreas.      

Así reza un documento pontevedrés: “E vendo a miña casa co seu OUTÓN e o seu MAGO…”.      

Aquí, entendemos que o OUTÓN é o OUTEIRO ou andar alto, mentres que o MAGO non atinamos a entender o que é, aínda que arriscamos a que  sexa o “roçío” ou “resío” da casa.      

Velaí pois, desvendado o misterio de haber “outeiros”  en lugares baixos; serían “ sobrados” ou casas altas construídas en fondegos ou lugares que non tiñan por qué ser altos.      

Doutra banda, hai unha chea de lugares que locen o nome de VILA CHÁ ou VILAR CHÁN, sendo que están situados en lugares que dificilmente se poden considerar como lugares achandados.      

Reparamos en que o adxectivo que segue á denominación de VILA, non é xeralmente unha descrición física do lugar, senón unha determinación do estatus xurídico-político do lugar.    
VILA-GARCÍA ou VILA-XOÁN, apelan a un antigo fundador ou posesor do sitio.    

VILA MEÁ, refírese a un reparto xurisdicional a medias entre dous poderes.    

E logo, qué significará o adxectivo –CHÁ que acompaña á VILA?    

Leituras  de textos medievais póñennos no camiño da solución: “… e quero ser pago na moeda que CHAAMENTE corre polo meu reino…”  asevera El-Rei nun documento dun mosteiro da Ribeira Sacra.    

Entendemos que neste texto, a palabra “CHAAMENTE”, quer dicer ,”LIBREMENTE”.    

Xa na linguaxe xurídica castelán, ”allanar unha casa” ou facer un “allanamiento de morada” enténdese como, entrar nun domicilio libremente, sen trabas nen empecillos.    

Na mesma linguaxe legal, cando se emprega a expresión: “me allano ante las pruebas”, quer dicer, que se retiran todas as consideracións ou razóns que se opoñían a un certo caso legal e que unha parte se rende ante as evidencias expostas.    

O rei castelán cando se refire ás vilas da súa propriedade faino dicindo: “…y en mis villas llanas …”, ou sexa as que non se deben aos señoríos feudais nen á Igrexa; sería o estatus de VILAS REGUENGAS.    

Nos deliciosos encontros en Vilanova DAS Infantes, na casa da nosa inesquecíbel Mané González Boán, contábanos ela, como a súa familia era tratada en antigos papeis, como    

“Los Boan, gente llana y con fortuna
”; expresión que entendemos manifestar que, os Boan eran xente “libre” ou sexa “llana”, é dicer, non eran servos de ningún  poder feudal e ademais tiñan un certo poder económico; pertencían ao “povo chan”, ao “pueblo llano”, ou sexa ao sector da povoación que non era servil, senón que tiña os dereitos da liberdade.    

De todo o dito, tiramos a conclusión de que as chamadas VILA-CHÁ da nosa Terra non deben o seu nome á situación física do terreo senón á súa consideración xurídica de VILAS REGUENGAS ou VILAS FRANCAS.      

Poderemos pensar o mesmo do uso medieval da palabra TERRA ?      

Cómo será o caso da TERRA CHÁ de Manuel María?    

Seica deberá o seu nome á súa calidade de planicie (que a posúe), ou á unha antiga consideración medieval como TERRA REGUENGA ?      

E aínda mais, a TERRA DE MONTES, deberá o seu chamadeiro ao montesío do terreo? (que o é), ou á consideración xurídica de ser terra de MONTÁDIGOS, ou adxudicacións medievais da exploración dos montes ?      

E que dicer da pontevedresa TERRA DE TURONIO?, e da ferrolá TERRA DE TRASANCOS?    

Compriríanos aquí o estudo dalgún medievalista que nos esclarecese se o adxectivo que acompaña á verba TERRA se deberá  á descrición física do espazo  ou á situación xurídica do mesmo.      

Valeu!


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña