03:39 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-06-2013

O Banco de Galicia é unha elevación dos fondos mariños que está ao oeste da nosa costa

O Banco de Galicia, a quinta provincia

Valorar (0)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



O Banco de Galicia é unha elevación dos fondos mariños que está ao oeste da nosa costa. De Fisterra ao cume do banco hai unhas 120 millas (coordenadas da súa rexión central 42º40’N 11º43’W), un día de mar, estando separado da plataforma de Galicia por unha canle de 2500 metros de profundidade.      

Esta elevación no medio do océano e unha montaña submarina, de 4400 metros, que chega desde as chairas abisais a 5000 metros profundidade ata o cume que está aos 600 metros da superficie.      

Dende o punto de vista xeolóxico a montaña presenta peculiaridades únicas, entre elas barrancos de máis de 3500 metros de altura, máis altos ca o Teide, que caen case verticalmente sobre os fondos abisais.      

A montaña submarina funciona como un oasis no centro do océano, xa que a súa superficie está cuberta de corais de profundidade, entre os que destaca a Lophelia pertusa, resultando unha zona de alto interese para a biodiversidade, entre a que cabe sinalar a presenza de polo menos 86 especies de peixes. A densidade de cetáceos rexistrada, mediante outros embarques realizados pola CEMMA, é unha das máis altas de Europa.      

O valor de conservación desta zona é enorme, sobre todo para impedir a destrucción dos fondos por prácticas de pesca non sostibles nunha zona onde non existe regulación ou limitacións específicas. No val da montaña que conforma o Banco de Galicia, pero algo máis ao sur da zona prevista para estudo, é onde se atopa afundido o Prestige.      

Entre os anos 2006-2007 e 2009-2011 a CEMMA realizou cinco campañas de seguimento de mamíferos mariños e aves, e nestes anos tamén diversas institucións científicas realizaron outras investigacións co obxecto de incrementar a información biolóxica e destacar a área como interesante para que forme parte da Rede Natura 2000, no ámbito mariño.      

Lévanse descritas 687 especies recollidas durante as campañas e estímase que supoñen  tan só a metade, están descritas tres especies novas para a ciencia e moitas descritas por primeira vez na zona.  

Entre as aves cóntanse cun catálogo de aves oceánicas moi interesante, entre as que destacan o paíño de Madeira e as pardelas: pardela capirotada e pichoneta. Tamén outras rarezas como o Paíño de wilson, do hemisferio sur, o paíño boreal e falaropo picogrueso.      

Para os cetáceos o banco é un restaurante, alí van alimentase as baleas, mais tamén están presentes golfiños e cifios. Foron obsrvadas mandas de arroaces e tamén unha nova especies de cifio do que non se tiña constancia na costa galega.      

No relativo ao uso da zona é relativamente escaso. En dez anos de rexistr, tan só se contaron con 98 barcos e 119 mareas, sobre todo da costeira do bonito, aínda que tamén palangres superficie e de fondo para quenllas ou enmalle de peixe sapo e reloxio.      

Se todo vai dentro do previsto a zona entrara na súa tramitación para ser declarada dentro da Rede Natura 2000 proximamente, agardemos que non haxa crises económicas ou políticas que atrasen de novo este pequeno paso adiante na conservación do emdio mariño.        

Temos unha provincia que non ten mar e outra que non ten terra. Eis a nosa Atlántida.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña