07:56 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-06-2013

Unhas palabras de homenaxe á poeta Sabela R. Oxea para espantar o silencio que aboura a súa memoria

Sabela R. Oxea

Valorar (9)

LOIS DIÉGUEZ



Como Rosalía de Castro,(referíndose ao lobo: huyendo del hombre que acosa a los tristes,/buscó entre las fieras el triste un asilo), ela cantou aos tristes (Dáme o descanso/Fóra do soño,/Vísteme de luz/Sacerdotisa dos tristes, en  Pregaria. Ou noutro poema, Vertixe: E caio unha e outra vez/Ao inferno preparado/Para os tristes/Descoñecedores/De malabarismos. E aínda máis, no poema A Carme: Os deuses non se decataran//Da súa fuxida á terra/Para desfacer a dor/No milagre do amor aos tristes/. Mais  a Sabela Rodríguez Oxea non era unha muller triste, senón alegre e divertida, amena e culta, amante e coñecedora de todas as artes, e unha boa galega practicante; militante, por tanto. Que horas deliciosas pasamos xuntos, cando conversamos sobre o seu único libro publicado: Versos do silencio roto, onde bota toda a paixón da beleza que sentía, do amor e as angustias deses demos amarelos que sen convocalos nos desfán a vida.                          

Foron así os últimos anos, sen a posibilidade obxectiva do esteo que lle axudara a soster a práctica da alegría e da comunicación, camiños tan tripados na paisaxe humana deste país amado até a paixón. Humilde no punto que a madurez constrúe nas xentes solidarias, como dixo na introdución do libro mencionado: O exceso de humildade destrúe a autoestima e por iso me atrevo a publicar liberándome dun lastre que me estrangulaba. Así foi. Combateu a enfermidade coa poesía e o amor por Alexandre, o fillo que tanto a ilusionou: Cando pasen os anos/–terror me posúe– iraste.Tamén co amor pola Terra até o punto en que esta puido persistir na súa conciencia.                          

Consciente nesa situación dos demos amarelos a perseguila arreo por aquel piso das Fontiñas que decorou tan persoal, misteriosa e artisticamente e que chegamos a reflectir no vídeo O silencio roto de Sabela R. Oxea, confeccionado por ese poeta da imaxe que é Xosé Bocixa, e que lle ofrecemos á lembranza en homenaxe hai uns días, na cidade que a viu morrer, Lugo. Están as mesmas características antes descritas da súa poesía, tamén nese libro inédito que intentaremos saia da gabeta do esquezo: Descuberta meridiana. Quizabes con algo máis de esperanza, asumida xa a enfermidade atroz que combatía con pinceladas de luz a borrar o desespero.


Como esa ferida transferida pola fidelidade á historia e á amizade, tamén á admiración, a Sabela ficou marcada por esa xeración que podía representar Lois Pereiro. Foron heroes dos anos oitenta, produto desa época na que buscamos a liberdade descoñecida dun país que espertaba coa esperanza a unha nova vida. Cando, rebeldes e fortes na idade, buscou ela, eles, a porta de cores onde nacía a luz persoal de sentirse inmortais e poderosos. O mundo era pequeno para o anseio enorme que os posuía. A patria, renacida dun longo e negro esquezo metrallado, fermosa e grande. E nese momento, no Monforte da xeración das ilusións, apareceu a droga mortal, acoitelando a loita e a esperanza. Era desolador asistir á morte programada de mozos abourados pola agulla.                          

Loo, na Sabela R. Oxea, toda a súa expresión poética, tan necesaria para a nosa Literatura, a nosa, a Galega, sen mistificacións espurias de creación e idioma. A súa personalidade aberta e culta. A humildade, si, enorme, que dignifica as grandes personaxes. Aínda que por iso, hoxe, neste encoro de vaidade, esquezos e desprezos, poida sufrir o estigma do silencio. Tratamos de que non sexa así, que o silencio non sele a súa sepultura. Sexa a voz firme de fonte cantora a que aboie no  ceo que ela creou para nós, e sexa así a nosa rebeldía tamén contra os silencios que intentan matar sempre, non aos tristes, senón aos humildes e valentes.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña