19:42 Domingo, 03 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-05-2013

O pobo galego erguerá a voz de Rosalía aínda que teimen en evitalo

Estranxeira na súa patria

Valorar (10)

MARTA DACOSTA ALONSO



"Contemprou cal pasaban e pasaban
Collendo hacia o infinito,
Sin que ô fiaren n'ela
Os ollos apagados e afundidos
Deran siñal nin moestra
D'habela n'algun tempo conocido."                                      

No mesmo mes en que celebramos a publicación de Cantares gallegos hai 150 anos, a Consellaría de Cultura e Educación négase un ano máis, e desta volta con especial belixerancia, a acoller a proposta que desde a CIG-Ensino se vén realizando de que o 24 de febreiro, Día de Rosalía, forme parte do calendario escolar no apartado de conmemoracións, ao lado de datas como o Día de Europa ou o Día da defensa dos dereitos do consumidor.                                
Se o ano pasado a Consellaría pechou o debate concluíndo que estudaría a proposta, este ano negouse desde o principio, até o extremo de dicir que se se lle dedicaba a Rosalía, habería que llo dedicar tamén a outros autores ou que por que a Rosalía. É posíbel que esta pregunta se faga nun organismo da Consellaría de EDUCACIÓN? De verdade que hai que explicar o que significa Rosalía de Castro para a lingua e a literatura galega? Actitudes como a demostrada este xoves 23 pola Consellaría de Educación son a expresión do seu autoodio e da súa vontade de reducir a nosa lingua e a nosa cultura á mínima expresión.                                      
Non son como aquela procesión de mortos que pasan por ela sen daren mostra de a teren coñecido, senón como un exército de zombis que insisten en negala nun discurso que oculta o esencial e que demostra a consciencia de que as palabras de Rosalía nacen dunha firme vontade identitaria. Por iso pretenden aparentar o recoñecemento á autora, mentres negan por omisión o significado fulcral da súa contribución, reducindo a súa figura a “... quen levou a través da palabra escrita,.. o noso espírito á mellor lírica da época contemporánea; tamén polo seu pensamento transformador, en prol da igualdade de dereitos entre todos os seres humanos”. Estes son segundo o Conselleiro de Cultura e Educación os motivos para recoñecer a obra rosaliana, unha nova volta ao parafuso da beatificación confusionista que desde hai décadas pretenden infrinxirlle "os horados na vila" á nosa autora.

Unha vez máis non poden negala en termos absolutos, borrala da memoria colectiva, enterrar a súa obra no esquezo. Por iso renovan a estratexia da manipulación e da redución até a eliminación, impedindo facer do Día de Rosalía un día para que os centros escolares e, por tanto, as nenas e os nenos, as xeracións do futuro, lean, declamen, coñezan a súa obra.                                
Son os mesmos que concibiron a implantación do terzo en inglés para ir eliminando o galego das aulas.                     

Contra a súa negación o pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que un 24 de febreiro as escritoras e os escritores lean os seus versos nas rúas das cidades, mentres as persoas que camiñan se deteñen, escoitan, lánzanse a ler tamén.                          

O pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que unha profesora propoña unha actividade escolar da que as pequenas e os pequenos falen cando cheguen á casa. O pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que en calquera momento e lugar unha nena declame os seus versos, e diga alto e forte: que así mo pediron, que así mo mandaron que cante e que cante na lingua que eu falo.                            

O pobo galego erguerá a voz de Rosalía aínda que teimen en evitalo.    


[31-05-2013 00:22] Pumuki comentou:

Os da conselleria teñen, o meu entender, dúas opcións:
1) Pagar un psicólogo, do seu peto por suposto, para que lle corrixa os complexiños (e non me refiro aos números) que teñen.
2) Emigrar a Castela, alí falan castelán e só castelán, como eles queren. E que non se laien que outros temos que ir aló para gañar o caldo, non por sentirse ben como eles.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña