18:29 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2013

O poder quere máis poder e quere silenciarnos, non quere que ninguén se mova

Máis presión para o Pobo

Valorar (9)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Está claro que a un sector do PP aínda non lle chegan os recortes nin a presión que se exerce sobre os máis débiles e desfavorecidos. Non lle chega coa recentralización que están aplicando, non lle chega coa eliminación de dereitos laborais e sociais e queren máis. Máis recortes, máis presión fiscal, laboral, ideolóxica, e máis poder para quen máis teñen.                                      
A nova Lei de Educación, a modificación da Lei do Aborto, os recortes de máis de mil millóns de euros na Lei de Dependencia, nas prestacións por desemprego, a privatización da sanidade..... Para eles todo isto aínda non é suficiente. Porque cando o Sr. Aznar sae dicindo que hai que baixar impostos non fala de baixar os indirectos, eses que nos afectan a todos por igual independentemente dos nosos ingresos. Non, fala de baixar impostos directos, pero el o que propón é baixárllelos aos máis ricos, aos empresarios que evaden fiscalmente, ás clases altas que se están enriquecendo cada día máis con esta crise. Que ninguén se engane, en ningún caso fala de baixarlle impostos á clase traballadora ou a ese eufemismo de clase media.                                                                  

E unido a este sector do PP está a igrexa, que atopou unha oportunidade de ouro para impoñer de novo os seus criterios. Por certo que aquí tamén resulta vergoñento o papel do PSOE, que xamais tivo intención de recortarlle dereitos e que incluso ampliou os que ten mellorando as condicións do famoso Concordato. E a outra pata do tallo é a monarquía, que está pasando por horas baixas pero xa se ocupan uns e outros de axudarse mutuamente. A verdade é que estes tres sectores retroaliméntanse entre si. Escoitar na boca da igrexa, a través dun dos seus Ministros no goberno, que o aborto ten moito que ver co terrorismo de ETA, ou na boca do Rei que a xustiza é igual para todos, dános unha idea clara de como funcionan as cousas.                                

O Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, é realmente un dos representantes directos da Igrexa Católica no goberno de Rajoy. Outro é o que nos venderon como progresista, o sr. Ruíz Gallardón. Calquera deles pasará aos anais da historia polas súas agresións verbais contra as mulleres e contra os seus dereitos nesta suposta etapa democrática. E digo suposta porque intentar obrigar a unha muller a parir un feto con malformacións incompatíbeis coa vida desde lego é calquera cousa menos democrático. Como tampouco é democrático asimilar aborto e terrorismo. Pero non pasa nada e agora todo está permitido. Permitido para eles claro. Porque estamos vendo cada día como calquera acción que desenvolvemos quen non estamos dacordo con estas políticas aberrantes pode ser obxecto de persecución policial e sanción administrativa. E a isto chámanlle democracia!!!                                      

O poder quere máis poder e quere silenciarnos, non quere que ninguén se mova. E para logralo teñen moitos medios, e non só os de comunicación. Cantos máis frontes teñamos abertos máis difícil nos resulta atender a todos. Educación, sanidade, servizos sociais, aborto, idioma, desemprego, preferentes, empresas en crise... Xa falei noutras ocasións da capacidade mobilizadora do pobo galego. Véxanse as últimas folgas xerais, as reivindicacións do estudantado, da sanidade, do idioma ou das preferentes. Non nos deixemos convencer de que somos un pobo pasivo que todo o permite porque non é verdade.                        

Todas as accións, lexislativas ou non, que está desenvolvendo o PP teñen un claro perfil ideolóxico. O reforzamento das clases máis poderosas, a opresión sen límite a clase traballadora, o recorte de dereitos ás mulleres, todo está intimamente ligado co neoliberalismo máis salvaxe.                                            
Non deixemos que oculten a realidade empregando recursos tan sinxelos como sacar a un ex-presidente a falar mal das políticas de Rajoy. Como se as políticas do PP en concellos, deputacións, autonomías e estado non fosen unha única, a marcada pola troika. E por certo, que é Aznar máis que outro representante desa tríada?              


[28-05-2013 06:01] oleiros70 comentou:

Parabéns, companheira Paz
Cuidai-me do Lucas de Meira; é um Bom e Generoso ;)
Saúde e Luita Feminista!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña