07:56 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-05-2013

Se defendemos e usamos o galego, defendemos tamén o país, en toda a súa inmensidade e diversidade

Salvemos o galego!

Valorar (27)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



O día 17 de maio percorríamos as rúas de Santiago de Compostela na defensa do noso idioma, o galego, porque non queremos ser estranxeiras na nosa terra; tan simple como iso. A agresión ao idioma galego chega a ser tan abafante que xa consideramos normal que se poida dar clases de física e química en inglés e non en galego, o noso idioma propio. É tan esgotadora a nosa loita, que até un feito case insignificante como a rotulación dun sinal de tráfico é importante na normalización do noso idioma; insignificante si, pero sintomática do grao de anormalidade no que vivimos.

Pero é que non se trata só do noso idioma, é todo, absolutamente todo o que ten a ver co noso país: a nosa cultura e o noso patrimonio aniquilada, pechada, ocultada e inzadas de silveiras; os nosos sectores produtivos abafados polas políticas estatais e europeas; e un medio natural esnaquizado pola depredación das empresas capitalistas que zugan as nosas riquezas deixándonos toda a merda para nós, exactamente igual que calquera país do terceiro mundo.

Desde as Encrobas até o Nunca Máis manchado de chapapote, pasando polos desafiuzamentos e a loita contra a estafa das preferentes, todos os movementos sociais tiveron e teñen unha vinculación especial co noso idioma, o galego. E non o é por capricho, nin casualidade, nin porque sexa mellor ou peor que o castelán, senón porque, como dixo Manuel María, “o idioma é a patria, a esencia máis nosa”, como noso son as “planuras de Lugo, inzadas de bidueiros” ou “as serras nutricias do Miño”, que describía Castelao no seu “Alba de Groria”. Se defendemos e usamos o galego, defendemos tamén o país, en toda a súa inmensidade e diversidade.

Por iso, produce certo desacougo e tristura ver iniciativas como o vídeo “Salvemos Galicia de la mega-minería”, iniciativas que comparto no fondo mais non na forma, por prescindir do noso idioma para enviar unha mensaxe de alerta sobre o que suporá para o noso medio ambiente a execución dos proxectos mega-mineiros que certas empresas teñen previsto iniciar na nosa terra, co compracente permiso da Xunta de Galiza en mans do Partido Popular.

Os seus promotores deste vídeo afirman que o fixeron en castelán para chegar “a un maior número de persoas”, o mesmo que dirán moitos galegos e galegas que xustifican a decisión da adxudicataria da AP-9 de eliminar a os sinais da autoestrada que até agora estaban en galego.

Porque non son os madrileños, nin os cataláns os que temos que convencer e conseguir o apoio contra este tipo de mega-proxectos mineiros, son o dos propios galegos e galegas, que como no caso do noso idioma, hai moita xente que os xustifica, porque din que iso traerá traballo e prosperidade (non hai máis que ler os comentarios do vídeo); o mesmo que cando se instalou ENCE na ría de Pontevedra, estragando unha ría produtiva e inzando de eucaliptos todos os nosos montes.

Como dixen antes, compartindo os motivos que impulsaron este vídeo, é unha mágoa, unha oportunidade perdida, que este non estea en galego, no noso idioma, que serviría de denuncia, non só destes mega-proxectos mineiros senón para chamar a atención de que aquí, nesta esquina do noroeste tamén temos idioma propio, que está tan ameazado por decisións políticas como o noso medio natural. Unha ameaza da que son partícipes boa parte dos que protagonizan o citado vídeo, mais nesta ocasión, por estrañas razóns que descoñezo, elixiron o castelán, no canto do galego, un idioma, que, por certo, algúns deles teñen vinculada a súa traxectoria profesional.

Se fomos quen de ir a Madrid a berrar “Nunca Máis!”, por que non somos quen agora de divulgar urbit et orbi un vídeo en galego denunciando a desfeita deste tipo de mega-proxectos? Porque non só está ameazado o noso medio natural, o noso idioma tamén pende dun fío, e con el, Galiza como entidade política e cultural diferente.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña