04:43 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-04-2010

A revolución de 1846 foi unha explosión dun movemento que levaba cocéndose ao longo da década como resposta a instauración da política centralizadora do Estado Liberal

O noso abril

Valorar (56)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Claro que tamén é noso o abril dos militares e do pobo portugués que puxo fin á ditadura máis antiga de Europa occidental. Aquel abril que tivo como sinal de inicio o "Grândola" do Zeca nas ondas de Radio Renacença, e encheu de esperanza aos antifascistas de toda a Península. Aquel abril que saudaron xa nas primeiras horas os nacionalistas galegos "O pobo galego con Portugal" e que deu apoio e acubillo a unha UPG perseguida polo franquismo. Aquel abril do Coronel Corbacho que desde a Comandancia Militar de Porto, nun revival de Fidel na outra beira do atlántico, vestido de uniforme verde olivo, chamaba as masas a construír o socialismo. Sí, este noso abril portugués, o das emisións para Galiza do Radio Clube de Porto, o da base segura fronte a represión franquista, o da presentación clandestina da AN-PG, o da  delegación para o exterior, o dos exiliados e Moncho Reboiras...

Pero hoxe toca falar doutro abril, aquel que iniciou en Lugo, outro militar, o Comandante Solís e que rematou diante dun piquete de fusilamento no Camposanto de Santo Estevo de Paleo.

Algúns sectores da milicia e do pobo galego escribiron durante vinte e un días, unha das máis inesquecíbeis páxinas da nosa historia. Xa para sempre ficou no noso imaxinario  Lugo, que é lugar de alzamento, Cacheiras, sitio para a derrota, San Martiño Pinario, onde un neno, Murguía, observou os estertores da resistencia, Carral, vila de mártires, Camiña, Porto e o Penal de Peniche, outra vez o exilio portugués. Non é casual que do axitado XIX galego, rico en alzamentos, motíns e revoltas, só este perdurase no tempo e chegase ata hoxe con tanta nitidez. A revolución de 1846 non foi unha asonada cuartelaria tan ao uso, senón un explosión dun movemento que levaba cocéndose ao longo da década como resposta a instauración da política centralizadora do Estado Liberal.

O provincialismo non foi arroutada, nin improvisación. Pensouse na Academia Literaria de Compostela, onde se estudaban os problemas de Galiza, debatíase sobre o socialismo utópico e impartíanse cursos sobre Fourier. Escribiuse en "El Idolatra de Galicia", onde se repasaba a historia do reino suevo, ou o pasado celta do País; nas páxinas de "El Porvenir" atentos ás doutrinas sociais máis avanzadas, e tamén en "El Recreo", "La Aurora" ou en "El Centinela". Defendeuse con voz e pluma, porque provincia era antítese, da provincia, como circuscripción administrativa inventada polo liberalismo de tradición francesa, porque provincialismo, era provincia, como unidade galega diferenciada e oposición ao sistema centralizador.

Rapaces feitos homes antes de tempo, o exilio salvoulles a vida. Uns morreron novos, Cociña, Faraldo, en terra allea; outros, Romero Ortiz, Rúa Figueroa, o noso Xoán do Porto, colleron camiños distintos; tamén houbo, Posada, Neira de Mosquera, con quen nos reencontramos en "El Álbum de la Claridad"; algúns seguiron a travesía, Vicceto ou Añón, e chegaron ao Rexurdimento. Iso sí, o seu pouso quedouse xa con nós, porque os movía a "gran idea" como adoitaba a dicir Faraldo, aquel betanceiro morto con 28 anos, que se sabía parte dun grupo que existía "para anunciar o que podemos ser, tentando dicir o que fomos. Nós, ao porvir ollámolo nacer do pasado"e que chegaron a asinar en o 16 de xuño de 1846 que "Galiza, por fin, está definitivamente perdida para a Corte". Pódeselle pór chatas, certamente, ao que este grupo foi e representou ao seu tempo, pero o que non cabe negarlle é a forza da intención, da entrega, e sobre todo de levar nos seus actos ata o remate o camiño trazado polo seu pensamento.

[22-04-2010 ] milupa comentou:

Moncho volve a prosa e deixa a lírica. Así e todo é de agradecer ao terra e tempo que nos traia a relación dos nosos factos máis importantes da nosa historia nacional. Hai que restaurar a historia de Galiza, librandoa dos prexuizos academicistas, que no seu afan por desmitificar, o único que fai é integrar a historia de Galiza como un sucedáneo da historia española.

[22-04-2010 ] Ceive comentou:

Milupa, qué tes ti en contra de aquelo de è vero, è ben trovato. Podese, e este é un magnífico exempo, escribir un artigo moi aleccionador, pero ben narrado. Non abandoes o lirismo Xosé Ramón, é un verdadeiro pracer ler fragmentos da nosa historia ou da allea narrados de xeito tan apaixoado

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña