21:27 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-05-2013

Se agora falares, miña dona amiga, a túa voz enchería, como unha fonte de ágoa, o vaso do silencio

Lembranza emocionada de Pilar Vázquez Cuesta, nese enorme silencio…

Valorar (38)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Si, esta é a casa de súa avoa. En Medina de Rioseco, claro. Silencio. Non se preocupe, a tía Luísa vai pasar por aquí. Se quere imos despois á Capela dos Benavente. É moi fermosa, verdade? Silencio. Que é o que me di de Gerardo Diego? Ah, que falou hoxe con el! Silencio. Si, a súa mamá está en Astorga, e Pomba tamén, señora Pilar. Silencio. Quere dar un paseo con Manuel María pola Ferradura? Esta tarde virá Manuel María, seguramente, e Saleta! Non se lembra de Saleta?  Guapa e moi intelixente, claro que si! Agora viven na Coruña. Creo que xa estivo vostede na súa casa algunha vez. Silencio. Non, a señora Concha non pode vir vela. É moi velliña, mais vai vir o Paco, sabe. Xa me contou que vostede quería que se quedase en Madrid con Dámaso Alonso. Non se acorda? Silencio. Mire, mandoulle estas cereixas dona Fita e don Ramón. Don Ramón Otero Pedrayo, si! Son das cerdeiras da súa horta de Trasalba, e sonlle moi saborosas. Tome, próbeas. Silencio. Hoxe pola mañá chegaron tamén para vostede estes versos. Silencio. Mire que marabilla!: …en vós ollo / todalas damas que foron no país, / unhas brancas camelias, outras froles de lis. Diga comigo, señora Pilar: …fi-na-rei cho-ran-do na mi-ña soe-dá / na-men-tras en-ve-lle-zo: Le temps, le temps s´en va! Longo sorriso. Silencio. Enorme silencio.        

Pilar Vázquez Cuesta vén de publicar, en colaboración con Maria Albertina Mendes da Luz, a Gramática Portuguesa, en Ricardo Aguilera. Hai xa tres anos que se licenciou coa máxima cualificación en Filoloxía Moderna. Ese mesmo ano obtén tamén unha bolsa para asistir a un curso na Universidade de Coimbra, cidade á que viaxa na compaña de Carmen Martín Gaite. Para elas é a primeira saída ao estranxeiro e as súas familias non deixan de ter un certo temor. As dúas mozas comparten cuarto no Convento das Doroteias e cando chega a noite quitan as medias e dispóñense a gozar da cidade, perdéndose entre as estreitas rúas da parte baixa e cruzando a ponte de Santa Clara sobre o Mondego, que é onde mellor se está neses días tan calorosos de agosto. Moitos universitarios portugueses fican para sempre namorados daquelas dúas rapazas. Mesmo merecen as máis lindas serenatas: Os teus olhos não são teus / Desde o dia em que te vi / Os teus olhos são os meus / Que os meus cegaram por ti. Non falta tampouco unha excursión inesquecíbel polo Douro e Tras-os-Montes, terras tan amadas por Teixeira de Pascoaes. Tan gozosa é para Pilar aquela estadía en Coimbra que decide ampliar os seus coñecementos sobre o país irmán. É o comezo do seu profundo estudo da lingua e da literatura portuguesas. Moi pronto, de axudante de Gerardo Diego no instituto Beatriz Galindo de Madrid pasa a axudante do antropólogo Antonio Jorge Díaz na Facultade de Filosofía e Letras. Por eses mesmos anos inicia a súa tese de doutoramento, coñece a Miguel Torga, que será unha das súas devocións literarias, e en 1948 ocupa a primeira Cátedra de Portugués de España, na Escola Central Superior de Comercio, labor que compaxina co traballo de axudante de Dámaso Alonso na Facultade de Filosofía e Letras. María Pilar África Isabel Vázquez Cuesta segue así, pois, a vocación e a traxectoria universitaria de súa nai, Modesta Cuesta, e de súa tía, Luísa Cuesta, que están entre as primeiras mulleres universitarias españolas.        

Piñeiro pediulles estes días aos contertulios de Xelmírez e da Rosaleda que non deixen de asistir ás dúas conferencias sobre a literatura brasileira que vai pronunciar no “Curso de Verán” unha profesora da Universidade de Madrid. “Chámase Pilar Vázquez Cuesta. É unha muller moi brillante”, dilles Piñeiro a aqueles mozos galeguistas, entre os que se atopan os poetas Manuel María e Uxío Novoneyra. Isabel, que aínda que non é galega, fala moi ben o noso idioma, pousa na mesa braseiro o vaso de leite para a úlcera de Ramón e complementa a información do marido: “Creo que a rapaza é de orixe galega por parte do pai, non Ramón?”. Só os máis vellos do grupo, o propio Piñeiro, Paco del Riego e Ánxel Fole, saben que é a filla de Daniel Vázquez Campo, que fora presidente da Deputación de Lugo e deputado por ORGA nas Cortes Constituíntes. Todos eles teñen moi viva na memoria aquela grande homenaxe que se lle tributou a Castelao en Lugo en 1932 e o momento no que Daniel Vázquez lle entrega unha placa a Castelao no salón magno da Deputación. Os tres coñeceron tamén a unha tía de Pilar que exercera a docencia na Universidade de Santiago antes da guerra. Del Riego lembra perfectamente a brillantez académica e intelectual de Luísa Cuesta Gutiérrez. “Foi a primeira muller que se matriculou en Dereito na nosa universidade -recorda Paco del Riego-, estivo moi vencellada ao Seminario de Estudos Galegos e foi profesora de Luís Seoane e Santiago Montero Díaz”. “Si señor”, di Ánxel Fole, que aquel día viñera a Compostela consultar non sei que con Domingo García- Sabell.        

Manuel María viste o seu uniforme de soldado e leva un bigotiño moi de época. Acaba de publicar en Celta os Contos en cuarto crecente. Esta tarde de abafante calor véselle gozoso paseando de vagar pola Ferradura con Pilarín, que vai vestida de branco, con aqueles seus ollos azuis tan expresivos. O poeta está asombrado coa sabedoría e co encanto persoal desta moza, só algúns anos maior que el. E danlle outra volta á Alameda. “Que pensará de min esta señorita tan fina, tan elegante e que sabe tanto?”, cavila para si Manuel María, que esa mesma noite, despois da tertulia do “Café Español”, le toda a Gramática Portuguesa.        

A profesora axudante de Dámaso Alonso non pode ocultar a súa predilección polo seu alumno de Ferrol. Ademais de ser un estudante brillante, o rapaz ten preocupación polo seu país, conciencia política, e desde hai tempo é o verdadeiro líder entre os estudantes da Facultade de Filosofía e Letras. Na elección para delegado de facultade gañoulle nada menos que a Javier Tusell, que era o candidato oficialista. Agora que Francisco está no último ano da carreira, Pilar Vázquez Cuesta non o pensa máis e unha tarde leva a este mozo de Ferrol á casa de Dámaso Alonso, que vive na rúa Alberto Alcocer, na zona de Chamartín, para propoñerlle alí mesmo que sería moi bo que quedase de profesor axudante na Facultade. “Con el tiempo podrá usted acceder a una cátedra en la Universidad”, dille o autor de Hijos de la ira a Francisco Rodríguez. Mais o mozo síntese máis entusiasmado polos libros dos poetas da Xeración do 27 que pon nas súas mans Dámaso Alonso, coas dedicatorias orixinais dos seus autores, que pola propia idea de quedar en Madrid. A súa profesora comprende entón definitivamente que o seu alumno predilecto vai ser dos que poñen a súa lucidez ao servizo do seu país, e iso agranda aínda máis a súa admiración polo rapaz. Ela é moi consciente de que con esa decisión a Universidade de Madrid perde unha cabeza privilexiada, pero tamén sabe que seguramente este mozo de Ferrol vai ter un protagonismo importante na Galiza que comeza a abrollar, na que andan a traballar desde hai tempo outros seus exalumnos que agora son xa homes feitos, como o Bernardino, o Ferrín e outros rapaces de “Brais Pinto”. Tamén á propia Pilar esta decisión do Paco lle axuda a ter unha idea máis clara do país que ela tivo que deixar cando tiña só cinco anos de idade, cando seu pai foi elixido deputado nas Constituíntes de 1931.        

“Miña nai era de Medina de Rioseco e fixera Maxisterio en Valladolid, por certo, con Premio Extraordinario, e posteriormente cursou a carreira de Farmacia en Compostela -lembra Pilar na animada conversa que mantén no seu piso de Salamanca con Manuel María e Saleta, na que participa tamén José Luís Pensado. Vivimos en Chantada até os meus cinco anos, mais a carreira política de meu pai levounos a Madrid. Logo veu a guerra. A miña nai e a min a guerra colleunos en Astorga, a onde fóramos para celebrar o bautizo dun meu curmán. Despois logramos regresar a Medina de Rioseco, mais os tres anos da Guerra Civil paseinos sen ver a meu pai, e despois tamén, porque tivo que trasladarse a Ribadavia para refacer a súa actividade profesional, e alí solprendeuno a morte en decembro de 1940”. Manuel María está estes días en Salamanca, convidado para pronunciar un recital na Universidade, onde exerce a Agregaduría de Portugués a profesora Pilar Vázquez Cuesta. E Saleta, moi atenta ela á historia biográfica da Pilar, pregúntalle pola tía Luísa, da que lle tiña falado algunha vez o Manuel. “Ai, a tía Luísa! Miña tía Luísa, polo que eu sei, debeu ser a primeira profesora da Universidade de Santiago, e fixera dous doutoramentos, en Historia e Dereito. Era unha muller independente, moi brillante, vitalista, atractiva, coqueta… era a nova muller da República! Eu realmente crieime neste ambiente familiar, antifranquista, feminista e culto”. A Pilar está moi gozosa de ter estes días na súa casa estes dous vellos amigos, cos que sempre resulta tan rica e agradábel a conversa. E como Manuel María comparte con ela a admiración por Miguel Torga, vai e móstralle unha primeira edición do Cântico do Homem, dedicada polo autor. Libre não sou, mas quero a liberdade. / Trago-a dentro de min como um destino…        

Soubéronlle as cereixas, señora Pilar? Eran claudias… Eran cereixas, señora Pilar…


[27-05-2013 12:16] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

Obrigado, Manuel. Parabéns por denunciares a terribel doenza do esquecemento lembrando vultos contemporáneos da nosa cultura.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña