16:26 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-05-2013

Sen chegaren a constituír grandes diverxencias, no galego tamén se detectan certas diferenzas entre a fala feminina e masculina, tal e como acontece co resto de linguas do mundo

O factor xénero e a variación lingüística

Valorar (23)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Unha das diferenzas máis relevantes entre os seres humanos é aquela que os distingue entre homes e mulleres e tal distinción, como resulta lóxico, tiña de ter tamén as súas consecuencias na detección de diverxencias no uso da lingua. Así, por exemplo, na lingua amerindia koasati, falada na Lousiana, existen diferenzas morfolóxicas notábeis entre homes e mulleres, sobre todo nos paradigmas verbais. Porén, o certo é que até ao desenvolvemento de novos camiños da dialectoloxía, acontecidos na segunda metade do século XX, a hipótese de estudo da variación lingüística produto da comparación entre a fala feminina e a masculina non foi tida en conta nas obras especializadas, as cales concederon case atención exclusiva a falantes masculinos nomeadamente do mundo rural e centraron as pesquisas na variabilidade territorial ou local. Como consecuencia de tales investigacións, púidose verificar que as mulleres e os homes, como tendencia xeral, costuman presentar trazos lingüísticos non totalmente coincidentes, o que se fai aínda máis acusado en determinadas sociedades, en que se pode dar a circunstancia mesmo de seren empregadas variedades lingüísticas ou até linguas diferentes dependendo do sexo das persoas.                          

Diversos estudos sosteñen que a existencia de xenerolectos ou sexolectos responde a un universal lingüístico, xa que todas as comunidades de fala presentan diferenzas na utilización que mulleres e homes fan do sistema de comunicación verbal e mesmo non verbal. Na realidade, a percepción desas diverxencias xa provén do mundo grecolatino e aquí merece ponderarse como no diálogo De claris oratoribus Cícero dicía que as mulleres eran as que conservaban o latín con maior pureza e propiedade. Non en van, era hábito na Roma clásica as familias patricias confiaren as súas crianzas a algunha parenta principal coa finalidade de seren educadas no “bo falar”, unha virtude tan estimada no mundo romano; a pegada de Cícero transcendería a súa época e achamos referencias ás súas impresións en finais do século XVI, cando o gramático español Ambrosio de Morales sinalaba que en Roma os nenos e as nenas eran encomendados a unha familiar de idade porque nas mulleres, a seu ver, se conservaba “máis limpa a lingua”.                             Tampouco están sen exemplo utilizacións singulares da linguaxe ou, con maior propiedade, das súas posibilidades de representación escrita, en que o protagonismo feminino se converte nunha das súas máis salientábeis idiosincrasias. Tal é o caso da escrita nǚshū, un sistema desenvolvido probabelmente sobre o século XVI d.n.e. e que chegou até á actualidade na rexión chinesa de Hunan. Pénsase que a súa orixe asenta na falta de accesibilidade das mulleres á aprendizaxe da lingua escrita común, motivo por que se viron na obriga de deseñaren unha outra técnica gráfica baseada nos caracteres chineses habituais, aínda que moitos dos novos ideogramas foron creación exclusiva das propias mulleres.                          

Deixando de parte este sistema de escrita oriental, nas sociedades industrializadas capitalistas tamén se dan algunhas tendencias nos fenómenos de mudanza lingüística entre a fala feminina e a masculina, que, en todo o caso, obedecen máis a factores socioculturais e políticos do que a unha distinción real inducida pola fisioloxía. Algúns destes comportamentos resumiríanse nos puntos seguintes: en primeiro lugar, constátase unha asimilación ao estándar ou á variedade de prestixio. O mundo laboral estivo restrinxido até á nosa época case exclusivamente aos homes, ao paso que as mulleres tiñan de se dedicar a outras responsabilidades. Aqueles son valorizados polo que fan e estas, en oposición, polo que son, e costuma ser punto asente que a fala se converte nunha das primeiras evidencias do que se é; por conseguinte, parece mudar máis a linguaxe considerada rústica ou vulgar entre as mulleres do que entre o xénero masculino, orientándose para variedades, pronuncias ou sotaques que se perciben como máis prestixiosos, pois os homes non senten tanta necesidade de seren mellor considerados polo resto da comunidade (o seu traballo xa os dignifica). A muller, sobre todo nas sociedades diglósicas, canto máis insegura se sentir da súa situación social e canto maior for o seu afán de mellorar socioeconomicamente, máis apegada se sentirá á lingua ou variedade de prestixio, que lle servirá como óleo de refinamento, en certo paralelismo coas modas no vestir.                                                

En segundo lugar, dáse tamén unha mudanza de código, verificada ao cotexar o comportamento dos homes e das mulleres; o extremo desta asimilación pode inclusive atinxir, nos territorios en que conviviren máis dunha lingua en situación de diglosia, a adopción daquela que se considerar socialmente de maior rango, como ten sucedido entre o húngaro e o alemán en Oberwart / Felsöör, na fronteira austro-húngara ou como leva tambén acontecido na sociedade galega (no marco do fenómeno coñecido como autoodio), en que coexisten en conflito o español e o galego. Nestes medios, para a interrelación entre lingua dominada e muller face a lingua dominante e home, é fundamental o paralelismo sintetizado por María Pilar García Negro en Sempre en galego (1993) para a situación da Galiza, que apunta para o primeiro binomio (lingua dominada e muller) os seguintes trazos: natureza, infancia, sentimento, vida privada, usos primarios, enaltecemento compensatorio e discriminación efectiva; no entanto, para o segundo par (lingua dominante e home), sinala os contrarios: civilización, vida adulta, racionalidade, vida pública, usos secundarios, práctica necesaria e hexemonía social.                            

E en terceiro e último lugar, verifícase, igualmente, unha diferenciación acentuada da variedade de prestixio. Os dous anteriores só se producen en sociedades en que a muller ten ou comeza a ter un papel relativamente máis destacado nas relacións sociais e nas estruturas laborais, pois estudos desenvolvidos nalgunhas rexións, como en certas zonas da India, evidencian a tendencia contraria, isto é, a linguaxe dos colectivos femininos fica máis afastada das variedades mellor consideradas, precisamente por as mulleres non teren posibilidade ningunha de ultrapasaren os ámbitos a que ficaran adscritas. Non faltan exemplos nesta dirección en contextos de utilización de máis de unha lingua, en que as mulleres, embora falen unha ou máis variedades, costuman non coñecer o mesmo número que os homes: cando menos no ecuador do século XX, na aldea de Galilo, na Illa da Nova Bretaña, xunto á Nova Guiné, a maior parte dos homes falaba nakanai occidental (aprendido na familia), pidgin anglomelanesio e tolai (que funcionaba como lingua da escola e da liturxia), para alén doutras linguas que ocasionalmente coñecían algúns individuos; polo contrario, todas as mulleres sabían falar nakanai, mais poucas podían expresarse en tolai e case ningunha coñecía o pidgin de base lexical inglesa.                                  

Existen algúns exemplos de como no galego tamén se detectan diferenzas entre a linguaxe masculina e a feminina. Algunhas resultan ser especialmente subtís, como o que se puido constatar no ámbito da fonética, pois lévanse detectado comportamentos non coincidentes na pronuncia de homes e de mulleres dos ditongos galegos en posición tónica. Outras diferenzas, polo contrario, son percibidas máis facilmente e é o léxico unha das esferas en que mellor se constatan esas diverxencias lingüísticas. Así, en primeiro lugar, é digna de nota unha menor atestación, como norma xeral, de palabróns e de vocábulos considerados socialmente pouco elegantes, pois repróbase nas alumnas o emprego de palabras inadecuadas, calquera que for o seu grao de inaceptación social. En segundo lugar, parece detectarse unha maior frecuencia de encurtamentos lexicais en rexistros coloquiais (biblio < biblioteca ou bibliotecaria/o, cerve < cervexa, cole < colexio, depu < deputación, désper < despertador, depre < depresión ou deprimida/o, facu ou fácul < facultade, fisio < fisioterapeuta, insti < instituto, mate < matemática, porfa! ou porfi! < por favor!, profe < profesor ou profesora, quimio < quimitoterapia etc.) e de morfemas diminutivo-apreciativos, como o caso, no galego, do uso de -iño / -iña, de forma que a fala das mulleres conta cuns trazos morfemáticos e lexicais propios, normalmente pouco frecuentes no discurso masculino, conforme ten sinalado Teresa Moure no ensaio A palabra das fillas de Eva (2004); exemplos como os expostos por esta autora son os protagonizados por palabras do tipo curriño, chusquiño, churriño, churrusqueiriño, feitiño (como sinónimo de bonito), riquiño etc. Paga a pena tamén referírmonos á utilización, en termos cuantitativos, dun léxico de carácter máis abstracto, circunstancia a que habería de acrecentar como o vocabulario das mulleres é máis amplo que o dos homes. Finalmente, tamén non están sen exemplo determinadas preferencias sintáctico-pragmáticas no ámbito clausal sobre as cales se ten proxectado recentemente algún tipo de adscrición á linguaxe masculina ou á feminina; así as cousas, Teresa Moure percibe que o uso de circunloquios e de preguntas resulta ser máis habitual nos patios dos liceos entre as nenas (Por que non xogamos ás agachadas?; Queres que vaiamos dar unha volta?; etc.) do que entre os nenos (Imos xogar ás agachadas!; Imos dar unha volta!; etc.).                                            

Mais, deixándomos de parte estes exemplos, o que sen dúbida resulta máis perceptíbel na Galiza é a mudanza lingüística, isto é, a preferencia por se usar o español entre o colectivo feminino en vez do galego, co que estariamos ante o suposto segundo  comentado máis arriba (mudanza de código). Os datos contidos no MSG (2008) permiten comprobarmos como desce notoriamente o número de persoas que se expresan normalmente en galego tendo en conta o factor sexo ou xénero, pois é a variábel onde máis se constata o uso do español. Cruzando esa variábel coas da adscrición social ou idade, mantéñense en xeral as percentaxes de uso, mais é o certo que onde mellora levemente a utilización do galego é naqueles grupos socioeconomicamente menos favorecidos. Na realidade, trátase dunha situación vén de vello e que inspirou mesmo algúns poemas na literatura contemporánea exhortando as mulleres a empregaren o noso idioma. É o caso da coñecida composición de Eduardo Pondal “Falade galego”, destinada ás raparigas da cidade da Coruña: Miniñas da Cruña / d’amabre despejo, / de falas graciosas / e pasos ligeiros; / deixá de Castela / os duros acentos: / falade, miniñas, / falade galego.                                    

En síntese, podemos convir que, sen chegaren a constituír grandes diverxencias, no galego tamén se detectan certas diferenzas entre a fala feminina e masculina, tal e como acontece co resto de linguas do mundo. Ese uso diverxente fai que mesmo se poida dar o caso da mudanza de idioma, favorecida pola situación de conflito lingüístico que padece a Galiza. Como se torna obvio, estas perspectivas de pesquisa viran realmente interesantes e é de lamentar que, como outras, cal a análise da idade e a súa influencia na variación lingüística, estean tan pouco desenvolvidas na literatura especializada: se as mulleres e os homes non visten de idéntico modo, non se comportan da mesma forma ou non pensan igual, é lóxico pensarmos que tamén non falan igual. O que sorprende enormemente é que se secundarizase esta hipótese de investigación a respecto doutras. Esperemos que, dentro dalgún tempo, se coñeza mellor este ámbito da variación lingüística. 


[21-05-2013 04:11] Qualquer um comentou:

Há de haver exemplos semelhantes, mas "polla" e "coñazo" não é mui galego, ainda que a gente as use...

[20-05-2013 10:39] Iria comentou:

Un exemplo que eu sempre tenho presente é:
Se é algo que pasa moi bo "é a polla", e se algo é aburrido ou é malo "é un conhazo".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña