03:47 Domingo, 20 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-05-2013

“Agua pasada non move muíño”, mais a PESADA si, trataremos pois de mostrar que está precisamente ideada para mover os rodicios fariñeiros

Aguapesada e Fonseca: cando os topónimos poden non significar o que parecen

Valorar (15)

CÉSAR VARELA GARCÍA



“Agua pasada non move muíño”, mais a PESADA si, trataremos pois de mostrar que está precisamente ideada para mover os rodicios fariñeiros.  

Imos deixar de lado, por obvias razóns, o moderno sentido de “auga pesada” como un compoñente moderador da fisión nuclear, pois nada debe ter a ver co nome que os antepasados lle deron ao lugar de AGUA PESADA no concello de Ames, nas terras da Maía compostelán.    

Os antigos documentos recóllena como “aqua impeçata”; o que levou a algún toponímistas a relacionar este nome cunha referencia á auga que “empeza”, no sentido de iniciarse ou comezar.    

De aí que imaxinasen que a orixe do nome faría menzón a unha nascente ou manancial de auga.    

Da nosa vivencia brasileira lembramos un verbo que no noso Pais está case esquecido; é o de “empeçer”; que se usa na vida diaria ao falar dos “empecilhos” ou obstáculos que se lle poden pôr ás cousas.    

Se colocamos “empeçilhos” a unha vía de agua, esta vaise estancar e facer unha presa ou encoro.    

Esta agua encorada ou EM-PEÇADA no cubo dun muíño, será quen de mover os seus rodicios segundo prometíamos ao comezo do artigo.    

Sería pois, AGUA IMPEÇATA > EMPESSADA > PESADA; e polo tanto é a función de encorar para moer, a que orixinou o nome deste lugar de Ames.    
AGUA PESADA sería o contrario de AGUA LEVADA ou agua que flúe, nome que está tamén na orixe dunha chea de chamadoiros de lugares da Terra, aínda que ás veces se fala dunha LOBADA como outro xeito de dizer LEVADA.    

Esta palabra suxire na nosa mente a lembranza das deliciosas camiñadas polos montes da Ilha da Madeira seguindo as LEVADAS das caíntes aguas do lugar.    

Suspeitamos que a mesma orixe debe ter o nome do balneario de Monçao chamado, do PÊSO, que podería deber o seu nome a un antigo “IMPEÇO” en referencia a un estanque ou lagoa armada polo home.    

A mesma suspeita estendemos ao nome de PEZOBRE, en Santiso, que segundo a nosa teoría sería un pequeno estanque ou represa.    

O lugar de AS PEZOAS en Ares, podería ter a mesma orixe, de tanques armados para regar os lameiros; e aínda o nome do soado poeta portugués PESSOA, seica non terá a mesma procedencia, equiparábel aos nosos apelidos, LAGO ou LAGOA?    

Mais chocante na toponimia resulta os nomes de FONSECA, RIO SECO ou o compostelán de FONTE SEQUELO.    

Unha fonte por própria natureza ten que deitar agua! Se non o fixese, un nome tan contraditorio acabaría desaparecendo.    

Como para un topónimo resulta insostíbel semellante OXIMORON (como din os ingleses), teimamos noutra solución e achámola supoñendo que en realidade o nome  de FONSECA procede dunha FONTE DA AÇEQUIA.    

A enxurrada acuosa que deita a FONTE SEQUELO compostelá, debe ter máis a ver cun AÇEQUELO ou pequeno tanque que se enchería na antigüidade que coa sequidade.    

Pensemos na importancia que tiñan as acequia ou chafariz para fornecer de agua ás casas ao tempo de  servir de bebedeiros para as bestas e o gando.    

O mesmo barrio pontevedrés de A SECA, deberá o seu nome a unha AÇEQUIA, tanque  ou chafariz que, a semellanza das gasolineiras de hoxe, fornecería  de agua ás bestas dos arrieiros que emprendían a subida do Paraño rumbo ao Ribeiro ou a Castela.    

Se a nosa tese é correcta, lugares con topónimos semellantes aos anteriores como LAMA SECA, BRAÑA SECA ou mesmo VILA SECA deberían estar en realidade moi mollados!    

E seica non virá o nome de SEGOVIA dunha acequia monumental que debeu chamar a atención dos musulmáns? Quen nomearon o lugar a partires de ÇEQUIA e  QAWS que é como se di “arco” en “dariya”, e polo tanto unha enorme “acequia arcada”?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña