12:37 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-05-2013

Cando moitas cousas ameazan ruína hai quen está disposto a facer de muleta

Pactar que? Pactar con quen?

Valorar (13)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Unha situación límite no social e no económico, cunha guerra de clases na que a capitalista vai gañando e na que as vítimas colaterais (ou non tanto) cóntanse por millóns, podería ser o inicio dunha verdadeira toma de conciencia na sociedade e en consecuencia dunha auténtica revolución que revertese o actual estado de cousas. Podería ser un deses intres na historia en que se producen roturas que fan progresar o mundo. Podería mesmo facer estoupar a arquitectura institucional que dá cobertura á inxustiza e á opresión máis evidentes. Pero nestes intres de descrédito o poder precisa máis ca nunca lexitimarse e semella haber quen –dende a beira de enfronte- estea disposto a botarlle unha man, a salvalo da súa queda. No fondo eles mesmos forman parte do propio sistema corrupto, e máis alá de certas imposturas non acreditan no poder dos pobos. Mesmo penso que lles arrepía a simple idea de que poida vir abaixo este seu mundo, o único que conciben.                

Nestas dúas últimas semanas asistimos a nivel de Estado a unha demostración clara disto. O Partido Popular fica espido nas súas mentiras. O mantra da austeridade e da redución do déficit salta polo aire logo de meses e anos facendo diso o obxectivo central declarado das súas políticas. O empeoramento das cifras déficit público dan por esgotado o discurso en moita maior medida cás estratosféricas cifras de paro ou a precariedade laboral. Acadouse un límite en que o PP non ten ningún tipo de defensa nin de sustento, alén da pantalla protectora mediática. En Europa non saben moi ben como facer para que non caia outra peza máis na base da súa ruinosa construción continental. Xusto agora é cando se comeza a falar de pactos.                

Pactos de Estado entre os “grandes partidos políticos do país”, pactos do goberno cos “grandes axentes sociais”. Podemos ollar a historia recente para saber que significan e onde nos levan eses pactos. No ano 1977 os pactos da Moncloa selaron a imposibilidade de rotura democrática coa ditadura franquista e, en consecuencia, alicerzaron a construción dun Estado Español centralista e contrario aos intereses da clase traballadora. As sucesivas renuncias e desmobilizacións por parte da esquerda española (socialdemócrata ou non) tróuxonos a OTAN, a CEE e as súas versións máis actualizadas e retrógradas a Unión Europea e a Constitución Europea. Pactos de reformas laborais, pactos para as pensións,..

As dúas versións do partido sistémico PPSOE están estes días dispostas a pactar. Comisións e UGT aproveitaron o 1º de maio para pedir un pacto social(!!?). Mais, pactar o que? Pactar con quen? Para que? Pactar co PP e darlle un balón de osíxeno que o axude a desviar a atención? Pactar para precarizar o emprego? Para despedir máis barato? Para que a nosa mocidade continúe a emigrar? Pactar en troques de que? Simplemente de nada, de que o tinglado non se lles veña abaixo a todos, de continuar coa súa resesa idea de España.                

O sindicalismo españolista está bastante e loxicamente desacreditado. Na loita social atópanse incómodos, están impostados, sobreactuando. No día de folga xeral, que pouco menos lla ten que convocar a dereita, son os primeiros en amosarse duros e ardentes (cos contentores da rúa); á semana seguinte verédelos sentados á mesa pactando alegremente co PSOE, co PP, con ambos, e case sempre coa patronal, grande, mediana e pequena. Pactan perdas de dereitos, pactan perda de poder adquisitivo dos salarios, entregan a dignidade e as ilusións da clase obreira,... Pactan a cambio de nada. De nada.                

Se estamos onde agora nos atopamos é por cousa deses todos pactos. Agora, outra volta, están dispostísimos a pactar.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña