07:33 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-04-2013

A crise do cine no Estado Español débese a decisións políticas

A ficción do cine español

Valorar (13)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



O cine que se exhibe nas carteleiras galegas e españolas é esencialmente americano, non hai máis que botar unha ollada ás carteleiras desta fin de semana en calquera cine do país para decatármonos de que a visión que temos do mundo vémola a través dos lentes do Imperio.

E isto débese basicamente a decisións políticas que deixaron a exhibición en salas comerciais ao aberto completamente ao cine americano. Unha exhibición que invade tamén as programacións das televisións privadas e, o que é peor, as públicas, que gastan grandes cantidades de diñeiro nos produtos das distribuidoras americanas.

Mais tamén foron decisións políticas as que subiron o IVE das entradas dos espectáculos culturais, o cine entre eles, encarecendo un produto cultural en plena época de crise económica, o que implica un menor consumo dos produtos culturais, e polo tanto unha baixada de ingresos do todo o sector. E se a isto lle unimos a pésima calidade das películas, cuns argumentos vistos unha e mil veces, malia que o aspecto formal sexa impecábel, arreda ao público das salas comerciais para recluílo diante da televisión hipnotizado polas tramas das series feitas para este formato audiovisual.

Todos estes elementos, alén doutros que de orde interna poida haber e que descoñezo, son os que pecharán a distribuidora Alta Films, a distribuidora máis importante a nivel Estatal de cine independente e de autor, se non media un milagre en forma de subvención. Esta empresa por exemplo foi a responsábel da distribución de películas clásicas como a marabillosa Dersu Uzala (1975) de Akira Kurosawa ou máis recentemente de Shame de Steve McQueen ou “También la lluvia” de Iciar Bollaín que pasaron fugazmente polas carteleiras máis comerciais, ou “Angel's share”, a última película de Ken Loach, cunha exhibición moi limitada no noso país.

É evidente que a industria cinematográfica no Estado Español está nas últimas. Lonxe quedan aqueles certames da Bienale, a Berlinale, Cannes ou o festival de cine de Donosti, onde os directores españois competían polos mellores premios destes eventos importantes do cine e por cuxas alfombras vermellas paseaban orgullosos.

Porén, hoxe o cine español vive nunha ficción, as películas que pasan por ser españolas e chegan ás carteleiras dos grandes centros comerciais, dependen na práctica das grandes distribuidoras ianquis, malia que quen dirixa e quen actúe sexan españois.

E o esperpento chega ao estremo con de “Lo Imposible”, por citar un exemplo recente, onde os protagonistas están interpretados por actores americanos ou moi ben instalados no cine “Made in Hollywood”, e concorre aos premios Goya sen o máis mínimo rubor por parte da industria estatal e sobre todo por parte do conxunto de actrices e actores españois, que fican mudos por mor dunhas migallas cada vez máis escasas.

Neste sentido, e para que se vexa a influencia das distribuidoras ianquis dentro do cine español e da miseria na que vive este, quero destacar a intervención reveladora da excelente actriz catalá, Candela Peña, premiada na edicións dos Goya de 2013 por un papel menor, pero ten no seu haber interpretacións brillantes como cando protagonizou Princesas, obsequiou ao público cun revelador “thank you very much” para lamentar a continuación que levaba tres anos sen traballar.

Porén, e cinguíndonos ao caso galego, cómpre destacar neste contexto o empeño heroico de cineastas como Ignacio Vilar, digno sucesor do mítico Chano Piñeiro, que tendo todos os elementos en contra, mesmo os institucionais, teima por manter vivo un cine cen por cen galego e en galego, cuxa altura artística non ten nada que envexar a ningunha das fitas que habitualmente hai nas carteleiras dos cines do país. Ao contrario, películas como Pradolongo dá unha visión dos problemas da nosa mocidade, así como das súas inquietudes, perfectamente encaixada na nosa sociedade, que desde logo non ten nada a ver coas reflectidas en películas como “Memorias de un zombie adolescente” que esta fin de se semana se podía ver en calquera sala de cine do país.

Evidentemente non todo pode depender do esforzo persoal dun cineasta entusiasta que quere manter viva a chama do cine feito en Galiza, cómpre apoio institucional para que sexamos quen de dar a nosa visión do mundo e temos moito de que falar. Os galegos e galegas temos moito aínda que facer, porén o cine español está visto para sentencia.


[25-04-2013 00:16] jos comentou:

O cinema espanhol... tremenda preocupação... já não durmo. O outro dia estava toda a equipe de reparto dum filme de cinema espanhol num hotel de 4 estrelas, não sei quantos dias. Estava o Tosar, esse que cada vez é menos nacionalista (galego), e outrem. Talvez o suisídio do Min. Cultura seja do 60%? Dá para 4 estrelas... e mais. Se temos algo a contar, vale uma vídeo-câmara. O que cômpre é deixarmos de apoiar institucionamente o cinema espanhol, esse que não nos conta, senão que mais bem nos desconta.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña