03:39 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-04-2013

A roda da historia dunha patria que aínda non é nosa, parada pola diletancia e as renuncias, volveu a andar

O noso Bautista

Valorar (70)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Os vellos rabinos xa abandonaran as antigas escrituras, as de verdade, as mesmas que redixiron en sangue os nosos mártires, a empezar por Bóveda e a seguir por Casas até perder a conta, a palabra verdadeira que levou ao exilio a Castelao ou a  Suárez Picallo, por non contalos a centos, si os evanxeos nos que perseveraron na Galiza do franquismo os dous grandes Ramóns, o Outeiro Pedraio e o Vilar Ponte. E así, eran as cousas cando o noso Bautista, se lanzou a espallar a boa nova. Na alforxa os recordos dunha represión franquista que o fixo alumno dun daqueles mestres que antes do 36 berraban “Morra a Porca”, o número especial de “A Nosa Terra” sobre a morte de Castelao, un Xaquín lourenzo que non acouga na descuberta do seu natal castro de Las, un artigo en galego en “La Región” naquela primeira década dos 50 e un seminario galegofóbico, que á par de negar o idioma, sentaba como dogma todos os estereotipos que os españois  elaboraran sobre nos, a comezar pola nosa falla de hixiene.    

Nunca pisou o templo de Xélmirez,15 onde os mercadores liquidaban a prezo de saldo, cando non falsificaban, a herdanza dos pais. E así cando o noso Bautista iniciou o seu maxisterio, tempos no que Madrid foi unha sorte de Xordán onde centos de compatriotas tomaron compromiso con Galiza, o seu libro testemuñaba exemplo dun home que facía parte dun pobo que aspiraba a liberar na contra dun home que estampaba o seu nome no libro na procura do éxito propio. Foi afiador revolucionario naquel colectivo Brais Pinto, que máis cunha colección de poesía iniciada por Don Ramón, o único de verdade, e homenaxear a Rosalía, Cabanillas e Pimentel, viña a ser naquela altura, falamos de 1956, o único xeito de facer Galiza cun material humano que seguía a padecer o andazo da mesa padiola. Intelectual orgánico daquel “Pola Unión do Pobo Galego” de setembro de 1963, redactado a tres mans xunto a Raimundo Patiño e Xosé Antonio Arxona, esta xa si unha formación política, de vida breve na súa primeira etapa, que desaparecería para converxer no “Consello da Mocidade”, porque xa daquelas nel coma en Castelao a unidade dos patriotas eran un fin en si mesmo. Activo determinante daquel Consello, sección na terra do Consello de Galiza, de efémera e sobresaltada vida, non tardaría en ser expulso do mesmo por “comunista”, aínda así xa estaba sentado o camiño para reorganización do nacionalismo sobre a base do corpo doutrinal que nos foi propio, isto é a consideración de Galiza como suxeito de dereitos políticos.    

O mesías que andaban anunciar non tardou en aparecer, era o povo galego autoorganizado, o mesmo mesías tras o cal andaron os nosos e as nosas das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista décadas atrás. E así o noso Bautista embarcouse en tecer trepias, que era Galiza ceibe e socialista na clandestinidade, en edificar asociacións culturais, Sección de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco, a máis xigantesca factoría de galeguidade na segunda década dos sesenta, en erguer sindicatos, o Parque Empresarial do Porriño abafado de follas voandeiras en galego en 1973, en restaurar a dignidade labrega, Castrelo de Miño, Embalses non, Xustiza si, en defender o idioma, porque todo separatismo comeza pola lingua, como afirmaba aquel oficial da Brigada Político Social que o custodiaba nos baixos da Dirección Xeral de Seguridade durante o estado de excepción de 1968. As trabes estaban postas e só faltaba máis povo, povo non suma de cidadáns, para seguir a reconstruír aquela casa, a vella casa dos nosos pais. E así o noso Bautista, obreiro da Galiza, rubiu polo ándamo para rescatar o 25 de Xullo do mosteiro de Bonaval até facer del o meirande acto de masas do País, repisou o chan para evitar que as gretas puxeran en risco a obra, combatendo o infatilismo que nos levaba a marxinalidade e o posibilismo que nos condenaba a asimilación, tirou tabique para construír o movemento que hoxe somos, Xove, Baldaio, Encrobas, Folgas Xerais, Cota Empresarial, Nunca Máis, estes son os nosos feitos, e fixo masa para pórlle voz as reivindicacións populares en rúas e institucións, amor correspondido de quen sendo amado quere apaixonadamente, sen dúbidas até o final, alén do sexo.    

A roda da  historia dunha patria que aínda non é nosa, parada pola diletancia e as renuncias, volveu a andar, engraxada polo sangue dos nosos mártires que ferve coa boa nova, a que vimos repetindo desde que racionalizamos os nosos sentimentos. E así o noso Bautista aparecésenos con Don Ramón e co Ben-Cho-Shey peregrinando para traernos aos novos as experiencias da xeración anterior, está a súa beira Moncho Reboiras, nome de guerra Rianxo, viaxes a Portugal, citas de seguridade nun andar de porto, fronteira de Verín, canda eles o Paco Rodríguez, Comité de Zona de Vigo, dirección central do partido, Riazor, a Patria volta e volta facéndose, de cando en vez toca cadea, toda unha rota turística, Madrid, Verín, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Compostela, cadea a granel, fálalles en Ruso, tamén se achega o estudantado, a clase obreira, os labregos escoita, non quere interferir, opina, atina. Percorre os camiños da vida, Bautista desde o San Trocado na Bocarribeira, vese Trasalba, o único rumo é a soberanía, a que fixeron, fixemos e facemos, dia a dia, con organización, con loita, nos sos como en Irlanda. A República Galega xa esta aquí, Bautista o noso de Valera.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña